12/01/20

Hôzuki

Collino pola portada e por ser xaponesa. E non errei na escolla: gustoume esta proposta da editorial Rinoceronte: Hôzuki de Aki Shimazaki. Novela curta con moitas historias, costumes xaponeses e significados de palabras e de nomes que xogas coas escrituras da súa lingua, os ideogramas kanji orixinarios chineses e a escritura silábica hiragana. O que semellaba unha historia demasiado sinxela vaise despregando nas poucas páxinas que temos para falar de amor, de relacións familiares, de sexo, e de decisións que cambian as nosas vidas. Non sei se podemos falar de erros en lugar de decisións, simplemente son o que son e a vida vai por outras latitudes debido a elas.
De fondo, a importancia da linguaxe. Das palabras que foxen de nós, das palabras que nos definen, das palabras que utilizamos e daquelas que preferimos calar. Dos silencios. 
Unha novela para pasar un tempo pracenteiro que nos deixa un pouso de emocións encontradas e de soños afastados. De paz e de temor.


Ningún comentario:

Publicar un comentario