12/10/21

As palabras están a mirarse arredor da mesa

 


E
ncantoume esta proposta que nos fai Antonio García Teijeiro na editorial Cuarto de inverno con ilustracións de Lidia Cao: As palabras están a mirarse arredor da mesa  é un título dun verso da prezada Gioconda Belli, unha homenaxe que o autor realiza a ela e a outrxs poetas así como á propia poesía como catalizadora de sentimentos e de memoria. Un libro publicado anteriormente pola editorial Everest con ilustracións do incomparable e entrañable Xosé Cobas.

O mundo precisa da poesía, e así o reivindica o autor. Porque a lírica sabe de sentimentos. De cultura e do seu acubillo. Pero tamén do proceso de reflexión que ten que realizar o/a poeta para escribir. Déixao claro:as palabras son o instrumento da escrita, é preciso colocalas ben para falar da dor, da vida, dos sentimentos... As palabras poden esvarar e caer ou poden permanecer dentro dun verso, sentíndose importantes todas e cada unha delas, porque forman un conxunto nas que son importantes e perden a súa aparente sinxeleza (ou pouca importancia). As palabras son territorios, son tatuaxes na pel, son paisaxes das ventás pechas que o/a poeta abre para inmiscirse nun territorio que semellaba afastado e que do que se fai dono/a. As palabras e os silencios, ambos rotundos, ambos precisos e valiosos.

 

Ser poeta é
unha desculpa
para poder dicir,
como Pedro Salinas:
“Serás, amor,
un largo adiós que no se acaba?”
no canto
dun simple
“non sabes, amor, como
te
quero”.  


Un muro diante dos ollos.

Palabras coma fíos invisibles.

Esas mans que escriben na terra.

Coitelos abandonados nos versos.

Pombas que semellan bandeiras.

e beizos que reclaman uns beixos.

Xa alguén escribiu na parede:

Todos somos poetas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario