14/03/08

Polución e xogos olímpicos

A perenne polución de Pekín vai ser un convidado de pedra durante a celebración dos próximos xogos olímpicos. A capital chinesa investiu 12.300 millóns de dólares nunha década para atallar un problema crecente que pon en tela de xuízo a idoneidade de celebrar alí a principal competición deportiva do mundo, pero os resultados, a pesares dos avances, seguen sendo insuficientes. Beijing absorbe diariamente un millar de vehículos novos ao seu tráfico rodado, a febre urbanística continúa e o crecemento económico non cesa, o que serve de contrapeso ás máis de 30 medidas ecolóxicas que ata o día de hoxe se teñen implantado.



O propio presidente do COI, o belga Jacques Rogge, afirmou no seu momento: "A pesar de todos os esforzos, o tempo pódese estar esgotando e as condicións requeridas para a competición dos atletas nas disciplinas de resistencia poderían non ser do cen por cen nun día determinado". Engadiu ademais que algunhas probas de especial dureza poderían chegar a ser reprogramadas a causa da deficiente calidade do ar "para que así sexa escrupulosamente respetada a saúde dos atletas".

E xa temos a primeira vítima deportiva por causa desta polución. O plusmarquista mundial de maratón, o etíope Haile Gebresselassie renunciou hai uns días a participar nesta proba nos Xogos aludindo que a súa saúde estaría en grande perigo en caso de correr os 42 km da maratón nesas condicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario