21/04/08

Hannah Arendt

Hannah Arendt é unha pensadora do século XX alumna de Martin Heidegger, filósofo empeñado en crear unha nova linguaxe filosófica, dando a luz palabras unidas por trazos e expresións escuras; a súa obra Ser e tempo, precedente do existencialismo, analiza que é o ser, centrándose especialmente no ser humano, denominado Da-Sein (ser-aí). Este deberá elixir ser auténtico actuando de xeito responsable e autónomo.

A súa discípula, Hannah Arendt, dedicouse á filosofía política. Sen dúbida, o feito de ser xudía na Alemaña nazi (partido co que Heidegger tivo acercamentos) e de correr perigo de morte nun campo de detención, foron acontecementos que definiron o seu camiño filosófico. Estudou a orixe de todo aquel horror e masacre. A súa obra principal é As orixes do totalitarismo, e nela examina este novo fenómeno no que incluíu tanto os campos de concentración nazis como os Gulags rusos.
Esta imposibilidade de clasificala nunha postura política definida, trouxo de cabeza a quen a coñeceu, pois non a podían encadrar nin na dereita nin na esquerda. Hannah Arendt defendeu a vida activa da política, a participación cidadá, pois como dixo Aristóteles, o home é un animal político que vive en sociedade. A súa obra permite identificar o perigo que sobrevén cando as xentes se converten en masas despersoalizadas que seguen un líder sen reflexionar sobre o que iso pode supór, anulando a outros seres humanos xuridicamente, moralmente e vitalmente.

Foi toda a súa vida unha paria, unha expatriada, mesmo o calificativo de "filósofa" facíaa sentir incómoda. Sempre camiñou nas marxes. E, por suposto, non consta nos temarios.


Vía La lechuza de Minerva

Ningún comentario:

Publicar un comentario