18/03/09

Premios San Clemente

O xoves pasado, día 12, asistimos á entrega das dúas últimas edicións dos Premios San Clemente, xa que o noso alumnado participou como xurado nesta última quenda. Como sabedes, estes Premios están organizados polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago, convidando a catro centros de Galicia, un por provincia, a escoller as mellores novelas da literatura galega, española e internacional dese ano. O salientábel do premio consiste en que é o alumnado quen fai a escolla, unha escolla dirixida posto que deben ler tres novelas de cada categoría. E para os autores e autoras é especialmente relevante este feito posto que estamos a falar de lectores e lectoras de 17 e 18 anos. O feito de se xuntar este ano dúas edicións debeuse á agardada visita de Murakami, unha visita da que xa vos falei o outro día.
Ademais deste escritor, os premiados foron Vicente Molina Foix e María Reimóndez, xunto cos deste ano, Julian Barnes (quen non puido asistir), Luis Landero e Anxos Sumai.
Todo o acto foi presentado e presidido polo propio alumnado. Murakami contounos máis ou menos o mesmo ca o día anterior, Molina Foix xogou coa confusión que propiciou a pronuncia do seu segundo apelido, Landero ameno, e María e Anxos centraron o seu discurso na defensa da nosa lingua neste momento tan fráxil en que nos atopamos. Os seus discursos constituirán as próximas entradas deste blogue, grazas á súa amabilidade e xenerosidade.
O mellor da noite foron elas, mulleres da nosa literatura. Murakami, quen marchou antes de rematar a cea, non tivo sequera a xentileza de despedirse delas. Pregúntome se por seren mulleres ou por seren da literatura galega.
Todo un pracer conversar con elas, novamente.



Aquí e aquí tedes dúas ligazóns para saberdes máis sobre o evento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario