15/08/18

Alter-nativo

Precioso cómic de Jorge Campos e preciosa edición de Airas para este Alter-nativo sen palabras que nos ofrece diversos universos e onde o lectorado é quen de escoller o seu propio camiño, un camiño alternativo. Porque as decisións son importantes e porque segundo estas a vida vai por un camiño ou por outro; que elixes?: subir unha montaña ou seguir camiñando pola praia? Elixe e segue lendo. De aí que o libro nos ofreza un labirinto alternante, un labirinto narrativo que a edición en forma de acordeón nolo fai máis doado. Mentres paseamos polas súas páxinas, referencias varias a libros e a autores, como Verne cou como Moby Dick. Interesan todas as historias, de aí que nos demoremos na lectura, posto que queremos achegarnos a todas as posibilidades que nos ofrece, esas fantásticas aventuras dun náufrago nunha illa deserta.
Non deixedes de lelo. Deixa sen palabras!


13/08/18

Bajo el hielo

Despois de ler No apagues la luz, quedara con ganas de seguir lendo a Bernard Minier e por fin agora puiden achegarme ao seu primeiro libro, Bajo el hielo, publicado por Roca. E é que Minier é un dos mellores autores de novela negra de Francia e do mundo, dende o meu punto de vista. E con este libro confírmase a miña teoría; o peor é que arestora sei que teño que lelo todo, non o podo evitar. Martin Servaz é asemade un deses detectives que resultan inesquecibles: hipocondríaco e culto, quería ser escritor e recita en Latín.
O libro conta con todos os ingredientes necesarios para que unha novela negra sexa boa; pero sobre todo chama a atención a ambientación, o lugar frío e opresivo que nos asolaga en cada páxina; coas descricións detalladas que nos agasalla o libro, paseamos por ese páramo paisaxístico e temos o mesmo frío que o protagonista. Canda este frío a anguria permanente que nos absorbe e que nos mergulla na natureza humana máis perversa. 
Quizais poida resultar unha lectura algo densa, pero paga a pena a perturbación que desenvolve e que nos sorprende continuamente. Nunha palabra, xenial.


10/08/18

Nelson Mandela. O camiño cara á liberdade

Antonio Lozano é o autor de Nelson Mandela. O camiño cara á liberdade, publicado por Kalandraka. Unha biografía novelada pensada para un lectorado adolescente que dá a coñecer esta figura imprescindible da hosa historia máis recente. Este ano celebramos os cen anos do seu nacemento do mellor xeito: achegar a vida de Mandela á xente nova é imprescindible, por ser un home extraordinario que guiou o seu pobo cara a liberdade perdoando e reconciliándose cos seus propios verdugos. O autor faino a través do bisneto de Mandela, un rapaz que contaba tan só con trece anos cando ese home admirable morreu. E fíxoo sen que este neno, Walter, puidese preguntarlle todo canto quería saber del para aprender do seu exemplo en primeira persoa. 
Está ben como achegamento, como digo, pero a historia semella algo inconclusa. A vida do neto, totalemente ficticia e que foxe da realidade, é unha viaxe para coñecer a figura importante. Bótanse de menos máis datos importantes e máis desenvolvemento da vida de quen nos ocupa e sobra trama dos personaxes. Aínda así, é unha lectura lixeira que cando menos cumpre a función de que a rapazallada coñeza a Nelson Mandela dun xeito doado.




09/08/18

7-7-2007

Son fiel a algúns autores, como a Antonio Manzini, a quen sigo dende o primeiro libro que publicou Salamandra na súa colección Black. Arestora temos esta quinta entrega, 7-7-2007, quizais do mellor del e que nos dá as claves para entender en parte os libros anteriores (e o carácter do protagonista), para saber que lle ocorreu a Marina e que desenvolve dous fíos temporais entrelazados. Camiñaremos por un deses fíos, o máis importantes, e marcharemos a Roma para entender o pasado e o presente de Rocco, para sabermos como era nun principio e cal foi a causa da súa desesperación. A investigación que levou a cabo levouno a un precipio insospeitado, a un testamento de dor que perdurará dez anos ata chegar a Aosta. Ese lugar que tan ben coñecemos e que nos leva a a camiñar polo outro fío.





04/08/18

Eroski paraíso

Na Biblioteca de Teatro da Editorial Kalandraka podemos atopar esta peza fundamental de Chévere: Eroski paraíso. Un proxecto escénico que fala dun paraíso social que non existe por moito que nolo prometeran. Esas promesas incumpridas que nos ofrecen co mellor márketing e que como boa publicidade saben enganar e saber convencernos. Somos compradores dun supermercado onde a vida escorrega entre as mans e tentamos pendurala mercando. Queremos parar, ollar ao noso arredor e que todo siga igual. E non o conseguimos, porque nada permanece así, todo se transforma. De aí procede o desarraigo. De aí confúndese a memoria. A obra ofrece unha reflexión constante, un documental, unha película sobre os protagonistas, sobre a cidade, sobre a evolución, sobre os cambios.

03/08/18

Noche antigua

David Álvarez é o autor de Noche antigua, álbum ilustrado sen palabras publicado por Fondo de Cultura Económico. Un álbum sen palabras que nos envolve na súa dualidade: o día e a noite, a vida e a morte, a escuridade e a luz. Todos os elementos que se opoñen para establecer o equilibrio do universo. Poderemos observar unha lúa que cambia de aparencia e unha noite que se transforma en día, grazas aos animais que xogan con estes elementos.


01/08/18

Herbario

Delicioso este libro que publica Libros del Zorro Rojo de Adrienne Barman: Herbario é un catálogo botánico que leva unha orde moi diferente á habitual: plantas sorprendentes, plantas indecisas, plantas anciás, plantas máxicas, plantas purificadoras... Cores vivas que chaman a atención e que constitúen unha atracción constante en cada páxina. En realidade todo o libro constúe un saboroso informativo que se pode follear como unha enciclopedia herbárea, ou un divertido álbum. Unha riquiñez!!!