Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/08/16

No apagues la luz

Efectivamente, tardas en apagar a luz, aínda que o fagas polo groso do libro para continuar ao día seguinte. Moi ben este libro de Bernard Minier que publica Salamandra na súa colección "Black": No apagues la luz desenvolve dúas historias paralelas que chegarán a unirse e que teñen como protagonista principal ao  comisario Servaz -esta resulta ser a terceira entrega con este protagonista, pero aínda que eu non lin as dúas anteriores non hai problema-. O argumento do libro, complexo, desenvolve o tema do acoso, non sexual, aínda que tamén hai violencia de xénero, pero si dun acoso tal que pode desembocar no suicidio da persoa en cuestión. E precisamente por este acoso temos a outra protagonista do libro, Christine, unha locutora que se ve asediada de tal xeito que a súa vida derrúbase e esnaquízase unha e outra vez. E como liñas paralelas imos comprobando a evolución das dúas tramas, a dela -anguriosa e estresante- e a investigación del para chegar a atopárense e volver a separarse. Nestas páxinas imos topar sobre todo tensión e dor, porque faremónos partícipes da anguria dunha muller que será forte pola necesidade imperiosa de seguir vivindo, mentres nos preguntamos como actuariamos nós en situación semellante. 
O mellor, porén, é ternos en tensión por un argumento que é retorto de por si, afastándose das liñas máis puras do xénero negro. Porque non hai un asasinato... (ou si?) que investigar, pero si hai negrura nas almas daqueles que semellan non tela.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.