Á hora de comezar esta entrada, un nó na gorxa atenázame. Non sei o que vou escribir, aínda que si sei todo o que vou obviar porque o espazo é o que é. Esta é a miña despedida de Forcarei, volvo para o próximo curso á miña praza de Silleda. Estar en Forcarei estes dous cursos foi un luxo. Dous equipos directivos diferentes que confiaron en min plenamente para dinamizar a biblioteca, que me apoiaron constantemente en todas as actividades, que me sorriron... canto vale un sorriso para non sentirse só! Con compañeiras que levo no corazón para sempre...
A isto súmase unha circunstancia especial que me fai agradecerlle á vida a súa xenerosidade. Coñecer a Anxo en Silleda e traballar con el cóbado con cóbado aqueles tantos anos fixo que a nosa amizade superara calquera expectativa. Non crin que fósemos coincidir nunca máis. E aquí estamos, un curso máis. Non sei se é moi arriscado dicir que Anxo é o meu complemento perfecto: como explicar esta interacción laboral? Son moitos os recordos que nos unen, teño que admitir que ten a capacidade de comprenderme perfectamente e de facerme poñer os pés na terra cando chego coas miñas ideas. Realmente, a Consellería non debería permitir que se desfaga este tándem!
Para despedirme de Forcarei quería facer algo especial: un vídeo de Fomento da Lectura. Penseino hai moitos meses: mesmo elixira unha canción de fondo para facelo. Pero o decorrer dos días foi atrasando a iniciativa e un día chegou Anxo: "sei a canción ideal para o vídeo". E puxémonos a redactar. Claro que contar co oído de Anxo para escribir unha canción sobre un tema determinado é indispensable. Pretendía eu reflectir todo o que a lectura nos ofrece e quedaron palabras esparexidas nos folios empregados. Pero aquí está. E creo que o resultado é ben positivo!
O resto é froito do seu labor e da súa infinita paciencia. El pon esa voz de luxo que vai envexar Manu Chao. El manexa a cámara e fai a composición. Así despídese calquera! Estou emocionada co resultado: agardo que vos guste tanto como a min.
Como despedirme da dinamización da biblioteca? Por que un vídeo de fomento da lectura?
Fomentamos a
lectura porque cremos nela como un Valor. Ese Valor ausente na nosa sociedade
de consumo sen reparos en ser deshonestos cunha soa relixión: o diñeiro.
Cremos na lectura
como solución.
Cremos na lectura
como viaxe, como multiplicación, como evasión, como interese, como sabedoría.
Cremos na lectura
como universo. Como o don da racionalidade, da fantasía, da grandeza, do
horizonte sen fin.
Cremos na lectura
como CULTURA.
E sobre todo cremos
na lectura no noso idioma, na nosa lingua. Porque só defendendo ambas cousas,
LINGUA E CULTURA, o noso país terá futuro de seu.
Este vídeo é froito do meu amor polos libros, do meu amor pola biblioteca, da crenza básica de que as actividades son indispensables nos centros de ensino e de que, sobre todo no rural, o labor profesional docente ten que ir máis alá dunha simple clase de lingua ou de matemáticas. Tanto Anxo coma min cremos na nosa profesión e sentímonos orgullosos dela. Dámoslle moitas máis horas das nosas vidas das que ninguén pode supoñer. Pero somos conscientes de que o noso alumnado é o futuro. E o futuro está nas nosas mans.
LER NON
É CLANDESTINO
Entrar na biblioteca
momentos de pracer
só con coller un libro
para soñar e ler.
Vencidos por un dragón
doutra civilización
buscando asasinos
que mudan a súa pel.
Unha paixón constante
un romance sen final
do amor ser un cativo
antes de te conquistar.
Son un náufrago no mar
Pantasma ou Supermán
mil seres diferentes
todos no mesmo lugar.
Entrar na biblioteca
porque sempre quero ler
viaxar mundo distintos
en barco, nave, avión ou tren.
Bosques, ríos a salvar
de caza ou en alta mar
por selvas e desertos
todo iso agochado está.
Eu son libre: con un libro!
Ti es libre: con un libro!
El é libre: con un libro!
A lectura é ideal!
Entrar na biblioteca
quixera non pensar
a mellor das escollas
para se relaxar.
Unha vida e outras cen
sorrisos de papel
todo iso está nos libros
e logo ti por que non les?
Arríscate: colle un libro!
Aventúrate: colle un libro!
Anímate: colle un libro!