Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/01/08

Grazas, Fran

Onte pasamos unha tarde marabillosa, desas das que o alumnado marchou pedindo que houbese máis así. E iso grazas á visita dun escritor disposto a falar do divino e do humano, é dicir, de poesía e de solidariedade.
E é que Fran Alonso chegou pouco despois das 5 da tarde para compartir a súa poesía e a doutr@s co alumnado de 4º de ESO-A... e a súa visita prolongaríase até -nada máis nin nada menos- ás 9:30 da noite mentres voabamos polo deserto do Sahara. Toda unha experiencia.
Falou de poesía, da relación que esta mantén coa sociedade actual, da necesidade de escoitar o silencio, da cultura urbana, e reclamou o carácter oral da poesía, algo co que a nosa alumna Andrea non estivo de acordo. E leunos poemas facéndonos ver como cambian segundo fagamos a súa lectura.
José Antonio reflexionou sobre a poesía actual, unha poesía que a el non lle "chega" e Andrea comentou a súa impresión de que hoxe en día se menospreza a poesía de antes, de que a xente non le poesía nin opina sobre ela, Cristina comentou que os silencio forma parte de un mesmo pero que lle tememos á soidade que o silencio significa e Manuel reflexionou sobre o momentáneo do poema, da súa interpretación.
O autor recalcou que non sempre se teñen ganas de ler poesía, nin sequera de ler, e iso non significa que non poidas gustar da poesía. Tamén falou de que os poetas son seres obsesionados pola creatividade, o que non signifique que se negue o anterior: non podemos obviar o pasado porque o que hoxe se escribe é produto do anterior. Falou tamén da socialización da lectura como un paso previo importante que anime á lectura, ás veces a oralidade abre novos campos.
Voou o tempo poético e atopámonos que eran preto das 7:00 e había que cambiar de tema!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.