Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Apiario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Apiario. Amosar todas as publicacións

03/06/22

O que fica fóra


 Chegamos a este libro polo "aspecto", ou sexa, adquirímolo polo obxecto en si, porque é desas xoias bibliográficas que desexamos posuír. Logo, vén o demais. Claro, é de Manuel Rivas, que... xa sabedes (aquí en Lalín dise que "se é de Lalín é bo"; eu digo que "se é de Manolo Rivas é bo"). Despois está o feito de que estea publicado por Apiario, e as querencias son as querencias. 

Así pois, unha alfaia mirémola por onde a miremos. Logo vén o resto. A poesía

Unha poesía que chama por nós e o que temos arredor. O valor da natureza. O valor da linguaxe. O valor do que adoitamos esquecer. O valor do marxinal, do que queda fóra. O valor do que non está no noso centro.

Rivas apaña palabras, esas palabras que están manuscritas, que rexistran o vento e a natureza, que bailan na liña do horizonte, que escoitan o murmurio do mar, que buscan estrelas no firmamemnto, que procuran o silencio agochado entre as máscaras do medo. O que fica fóra agárdanos sen necesidade de chamar; non hai portas nin ventás con ferrollo: abrámolas sen medo e entremos. Sobre todo despois de ler o primeiro poema, un poema de compromiso que escrito por Rivas sabemos que é un compromiso real, ético, social e político


09/12/20

Gramo Stendhal


 U
n agasallo especial que me chega dende Apiario: Gramo Stendhal da moi prezada María Lado. Así que o agasallo é triple, polo feito de vir de dúas amigas que miman a súa produción editorial, polo libro en si e pola autoría del, e porque fíxome volver a ler poesía novamente. Xa vedes!

Un libro que por veces déixame ver a María Lado en estado puro, xa con ese suxestivo e xoguetón inicio: "fíxate ben, este libro contén unha mensaxe secreta". A poesía é sempre un segredo. E o título do libro lémbranos a perturbación que sentimos ante a ollada intensa cara á arte, cara á beleza. Este desasosego atravesa o libro, que contén un amplo abano de temas, xa que nel lemos poemas da infancia, poemas sobre a amizade, sobre o amor, sobre o recordo; tamén poemas que nos levan a poemas, e poemas que nos fan recuncar na poesía, ese xénero literario puro de beleza que tantas veces sabe ferirnos, sabe chegar ás nosas entranas, sabe mesmo rabuñarnos. María Lado consegue tamén traer á escrita a súa teatralidade, o seu xogo de espellos que transforma en beleza. Poética, si.

 

18/01/20

Ola! Son un bicho bóla!

Elvira Ribeiro e Noe Caamaño son as artífices deste álbum publicado por Apiario baixo o título Ola! Son un bicho bóla!. Un libro que nos achega con sorrisos cómplices á natureza, e fano dun xeito que sempre funciona coa rapazallada máis pequena: co carácter acumulutivo do texto e os "bichos bóla" que non son outra cousa que aqueles animais que son quen de enrodelarse en si mesmos á vontade. Animais que coñecemos e que seguramente se de nós dependese non chamariamos "bichos bóla", pero con doses de humor e con moita simpatía por parte dos propios protagonistas iremos coñecendo. Asemade, estes animais caracterizaranse polo seu carácter aberto e inclusivo, tanto que ata organizarán un club para celebralo.
Moi ocorrente e enxeñolo. A miña gata tamén é un "bichos bóla". Únoa a este club tan feitiño!


06/12/17

O branco non pinta!

Teño un problema para falar deste fermoso álbum: todo el é Antía. Paso as súas páxinas e mergúllome na súa dozura, nese sorriso que sempre me dedica, neses aloumiños que gasta comigo, nesa face lene que me mira dende a voz poética culta e intelixente coa que semella dar cada paso. O branco non pinta! é a voz de Antía Otero que ela e Dores publican con cariño en Apiario coas ilustracións de María Brenn (aiiii, que non a coñecía!). Non me entendades mal, se o libro non me gustase non estaría aquí: xa sabedes que aínda con boas palabras, se non me gusta, non me gusta. Son unha lectora que está louquiña polos álbums ilustrados, e este pasa a encabezar a miña lista de favoritos. Volvo a miralo e maxino a Antía contándollo á súa nena, ou  maxino a súa nena falándolle á súa nai desa preocupación pola soidade dunha cor. Pode existir máis poesía nunha frase, nunha idea? Unha cor que se sente soa, que ten que apertar canda ela todas as cores para ser quen de formar outras. Que traballiño ten a pobre!
Para máis gusto persoal, Xapón está presente neste cadro sen outra cor que o branco. Antía, aí fixeches un pleno!!!
O branco non pinta!. Antía Otero e María Brenn from apiario on Vimeo.

28/12/16

No seu despregar

Despregan a súa delicadeza as editoras de Apiario con cada nova entrega, desta volta cun libro de poesía de mozos e mozas ben nov@s, tanto que tod@ naceron entre os anos 1985 e 1997. Moitas voces case descoñecidas a carón doutras ben coñecidas no noso panorama literario, como por exemplo Gonzalo Hermo, Rosalía Fernández Rial ou o recentemente finado Francisco Cortegoso. O título non deixa lugar a dúbidas: No seu despregar, onde nos amosan as voces de Afonso Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Atón Blanco, Celia Parra, Helena Salgueiro, Ismael Ramos, Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña e Tamara Andrés. O trazo que teñen en común? A poesía. Coido que non hai máis que un afán enconmiable de nos amosar a novas voces que deberemos coñecer porque no futuro lerémolas en moitas ocasións. Están unid@s pola xuventude, polo afán de crear, polo misterio do verso infinito. Unha ollada necesaria para coñecermos as voces que impulsan a escrita poética actual, unha poesía que dá voz a todo acontece na actualidade dende unha ollada moza, sen complexos, unha ollada necesaria e purificadora que fala da súa individualidade e da súa necesidade da escrita.

A dúbida é un deserto inzado de espellos.
Esgazas os pés na procura
o teu norte
é a fame.

(Celia Parra)


17/09/16

Auga a través

Chega un paquete. Só o envoltorio suxire a delicadez que hai detrás. E é que eu nin sequera sabía que existisen sobres con burbullas desta cor! Marróns e punto. Pero non, xa vedes:


A segunda sopresa que nos amosa o carácter da persoa que o envía vén ao abrir o sobre. Non só hai un libro dedicado, hai unha nota manuscrita nun sobre fermoso:



E xa o libro. Publicado por Apiario. De Dores Tembrás. Para que dicir máis?



Falamos de Auga a través,  unha "plaquette" que a autora vencella a un documental "Os días afogados". E si, lendo os poemas (linos antes de saber isto) unha ten a sensación de estraño asolagamento, de lembranzas fuxidías que leva a auga, esa forza absoluta que con todo pode, aínda que nunca será capaz de levar as propias lembranzas, os sentimentos. Si o resto, o material, a impotencia da perda que permanece baixo esa masa de auga que pretende non deixar sinais, que procura un esquecemento imposible. Imposible porque aí está a poesía, a arte, o ser humano. Aí está a sensibilidade e a solidariedade da poeta, que procura no papel a dor externa para transmitila e que poidamos comprendela. Quere aquí Dores Tembrás converterse en papel transmisor, dar voz a esoutras persoas que puideron retomala no documental, dar forma poética á perda. Hai catástrofes que se poden evitar, outras non. Pero a esperanza detras de calquera delas existe, porque resulta inherente ao ser humano. En poucos poemas, Dores dálle forma a esa catástrofe e á esperanza.


08/12/15

Caer de cu polo Universo


Precioso álbum que nos trae Apiario de Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo: Caer de cu polo Universo é unha historia dunha astronauta viaxeira que nos descobre as galaxias, as estrelas e os planetas na procura dese "cu do mundo" que non sabemos onde cae pero que mentamos continuamente. Un álbum que mestura poesía con información con complicidade con infancia con universo con divertimento e mesmo coa posibilidade de escribir postais ao final da lectura. 
Unha proposta ben especial que nos alivia o trasfego dos agasallos de Nadal: ben doado é sabermos que regalar tendo suxestións das editoriais galegas tan fermosas coma esta.

21/03/15

Celebración




Que mellor libro para celebrar o Día da Poesía que un que leva por título Celebración? Ademais, celebrando esta nova editorial, Apiario, e celebrando asemade que a Literatura galega sexa así de vizosa contando con voces como a de Gonzalo Hermo. O frío como  leitmotiv, ou a perda, ou a despedida. Implacables poemas que falan do cambio con afouteza, do inverno que non varía, de luces que prenden e apagan xogando coa súa intensidade. Por iso o poemario propón saír do frío para recibir a calor, a vida. Unha vida que non é inmóbil nin estable, pero que debe ser acollida tal como é, no seu grao de finitude e mobilidade. De imperfecta, xaora. Así, aínda que haxa dor, deberemos celebrar a vida, o camiño que esta nos propón.
Unha soa ilustración, impactante, nas páxinas centrais do libro. De Mauro Trastoy.

NON HABÍA LUZ na espesura do bosque.
Pero de pronto
puidemos ver.
Viamos

NON TEMEMOS a morte
Levámola dentro.
Celebrámolo


Celebración de Gonzalo Hermo ( BookTrailer ) from apiario on Vimeo.

08/12/14

Porque Cuqui non quere ir á lavadora

Moi boas novas: xorde unha editorial comandada por Antía Otero e Dores Tembrás: Apiario. E o seu primeiro libro é unha ledicia aumentada: un álbum de María Lado (por suposto, a miña primeira compra no Culturgal). Pódese pedir mellor inauguración? María proponnos este libro titulado Porque Cuqui non quere ir á lavadora que leva por subtítulo Conto moi importante para lerlles aos maiores antes de durmir. Acompañado das ilustracións de Yanina Torres Tuirán, é un neno quen toma a voz para que a súa nai comprenda os sentimentos do seu oso de peluche. Quen pensaba que estes non sentían?
Ademais, o libro propón un xogo ao final: recortar personaxes, colorealas e colgalas do cordón (que tamén trae o álbum) para que sequen. Toda unha orixinalidade xenial.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.