Non falo aquí normalmente de asuntos persoais ou relacionados co meu traballo. Pero a día de hoxe estoupo. Non podemos seguir caladxs ante unha situación que ata a Valle Inclán lle resultaría demasiado esperpéntica como para poder escribir sobre ela.
Falamos de Educación Pública. Esa que non interesa a ninguén... segundo as urnas. Non logro entendelo. Estou enfadada, indignada. Pero tamén triste, moi, moi triste. De ver como este noso país non entende que a única clave para seguir adiante é a formación. Que sen formación non hai futuro. E sen futuro, non hai esperanza.
Gustaríame anotar agora moitas máis palabras das que posúo neste momento. Levo toda a mañá ao teléfono despotricando. Ao mesmo tempo, cáenme as bágoas de impotencia. Impotencia ante unha situación cambiante porque dende arriba (eses entes que maxino no seu despacho nun planeta exterior) non nos respectan.
Se o queren facer peor á mantenta, non o conseguen. Isto é un cachondeo maiúsculo onde a consideración polo noso labor brilla pola súa total ausencia. Convivo a diario cun equipo directivo desbordado, cunha inspección atada de mans e pés impotente que chora e maldi polo baixo porque non pode alzar a voz.
22 de xullo: 1 metro de distancia.
Medimos as aulas. Sacamos pupitres. Sacamos taquillas. Sacamos libros.
O equipo directivo non ten vacacións. Fai os grupos. Mide e volve a medir. Súa. Sacan material. Pregúntanse todo o verán que vai vir no curso.
31 de agosto: 1,5 metros
Collemos un rabo da vasoira, medimos e colocamos pupitres. Vai haber desdobres. En segundo de Bacharelato, ese alumnado que se está a xogar o seu futuro máis inmediato que acaba de ver como a maior parte dos seus compañeiros e compañeiras non puideron entrar nas carreiras soñadas polas notas de corte, non caben nas aulas. Non vai haber aula de Música: necesitámola. Non vai haber laboratorios: necesitámolos. Non vai haber aula de Plástica: necesitámola. Non vai haber aula de Tencnoloxía: necesitámola. Respéctanse a biblioteca e o Salón de actos como "respiradeiros" (Hurraaaaa!!!!)
Orgánizanse cargas horarias. Vai haber máis grupos porque no noso centro as aulas son ananas e non se pode manter a distancia de 1,5 metros. Pídense 5 profesorxs. Desdóbrase Bacharelato. Convócase claustro.
Desconvócase claustro.
Convócase claustro.
Desconvócase claustro.
Convócase claustro.
Desconvócase claustro.
Convócase claustro.
9 de setembro: repartimos as cargas horarias presumindo que nos van dar ese profesorado. Xefxs de Departamento en funcionamento segundo as recomendacións do equipo directivo.
Desconvócase claustro.
O traballo do reparto non serve. Inspección avisa: non van mandar o profesorado que se pedía. Non se poderá desdobrar bacharelatos.
10 de setembro: 1 metro con mamparas. Obxectivo: non contratar profesorado
Non sabemos cando será o primeiro claustro. Non sabemos que cursos imos ter, non sabemos cantos grupos vai haber. Por non saber, non sabemos nada. Mirámonos impotentes. Volvemos a coller o metro???
Ensino semipresencial: "e-streaming" significa inextremis, porque vai todo a última hora e improvisando, ou sexa, bandazos sen ton nin son que só responden ao desleixo e á incompetencia dunha Xunta a quen nada lle interesamos.
A quen lle importa a educación pública? Agora, cambian os altos cargos e chegan cun cepillo que nos arrasa. Non hai cartos. Para a educación pública nunca os haberá, porque os pobres -INSISTO- (os ricos xa van á privada) non contan.
Claro que aínda non falamos de todos os cartos que temos que gastar do presuposto do centro en limpeza, carteis... A secretaria compara cada día prezos, tenta comprar en tendas locais, tenta facer o correcto. Chama á sanidade con dúbidas que nin alí saben resolver...
O centro semella un aeroporto, sen pantallas de momento.
E seguimos traballando.
Sen comentarios
Publicar un comentario