Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Afganistán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Afganistán. Amosar todas as publicacións

13/02/11

Non á violencia contra as mulleres (CLXXXIX)


Este retrato de Bibi Aisha gañou o primeiro premio do World Press Photo. É a fotografía dunha moza afgá de 18 anos, feita pola xornalista sudafricana Jodi Bieber. A moza deixou ao seu home por violencia de xénero. Un comandante talibán ordeou que se enfrontara á xustiza e o seu home cortoulle o nariz e as orellas. Aisha vive agora en Estados Unidos, onde se someteu a unha cirurxía reconstrutiva.
A foto foi elixida entre un total de 108.059 fotografías que podedes ver aquí. Algo que vos recomendo.
Lembrade as fotos das mulleres afgás que tentan sobrevivir e fuxir do maltrato. Algo do que xa falamos neste blogue. E que nos lembra que hai mulleres que cambian o mundo.


Vía Lápices para la Paz.

28/05/10

O peor lugar para ser nai

Afganistán é o peor país do mundo para ser mamá, segudo o "Estado Mundial das Nais", un estudo realizado anualmente pola organización Save the Children.
Nos primeiros lugares da lista, de 160 países, atópanse Noruega e Australia. Téñense en conta, para elaborar o índice, dez factores relacionados coa educación, a saúde, o benestar, así como diversos aspectos políticos, económicos e sociais.
O estudo revélanos máis datos:
.- 343.mulleres perden a vida cada ano por complicacións durante o embarazo ou o parto.
.- Cada ano case 9 millóns de nenos e nenas non chegan a cumprir 5 anos e 50 millóns de mulleres en países en desenvolvemento dan a luz sen a atención de persoal minimamente cualificado.
.- As mulleres de Arabia Saudí e Palestina gañan tan só 16 e 12 céntimos, respectivamente, por cada dólar que gaña un home.
.- En Afganistán un de cada 4 nenos morre antes de cumprir os cinco anos.
.- Unha muller de cada 7 perde a vida durante o embarazo ou o parto en Níger.



A campaña Todos Contamos de Save the Children ten como obxectivo reducir en dous terzos a mortandade infantil de menores de cinco anos ata 2015.


06/03/10

Prohibido sorrir

Avanzamos?

07/02/10

Non á violencia contra as mulleres (CXXXIII)

É un correo que chega estes días varias veces. Antes de recibilo, oín falar del no instituto. Agora que volve, paréceme tan arrepiante que creo que merece estar aquí, nesta sección dominical que pretendemos que lembre que isto non rematou o 25 de novembro. O título:

Afghanistán feminista ?


Una periodista occidental ha vuelto, después de 10 años, a visitar una zona al sur de Afganistán.

Con sorpresa las mujeres que antiguamente caminaban siempre un metro detrás de sus maridos, ahora lo hacen caminando cinco metros delante de ellos.

Interesada por este cambio de comportamiento, imaginó que tal modificación de esta situación podría corresponder a un avance en la sociedad.

Lo curioso viene cuando a una de las mujeres le preguntó:

- ¡Esto es maravilloso! ¿Qué ha sucedido para que desapareciese esa
costumbre absurda de caminar detrás de los maridos y que ahora
caminen siempre delante de ellos?

La mujer respondió:

- MINAS

18/12/09

Españoles en la ratonera

Reportaxe do xornalista David Beriain para Cuatro.



Vía

07/01/09

Non á violencia contra as mulleres (LXXIII)

Desde Mesturas, como non, chegamos a unhas reflexións sobre a situación de Afganistán que non podemos nin debemos esquecer, por moito que cambiemos de ano: eles seguen sen saber o que é a paz; elas sen saber o que é a liberdade e a iguldade. Coincide que tiñamos o mesmo pps gardado e ímolo aproveitar, ademais das outras ligazóns que desde alí nos ofrecen.

É moi importante que comprendades a que tipo de situacións se enfrontan alí as mulleres, pero temos que avisarvos que as testemuñas que vos ofrecemos son dunha dureza aplastante.
Lembrade ademais que existe unha porcentaxe enorme de persoas naquel país que padecen graves trastornos mentais polas circunstancias nas que viven; alí descoñécese o que é vivir en paz, non poden nin maxinar o que significa iso. Dádesvos conta?: Non teñen referentes!



Paula Bronstein ofrece unha estremecedora reportaxe sobre mulleres que se queiman vivas para tentar fuxir da situación na que viven. Si, ledes ben: quéimanse vivas. Así é como se suicidan. Ou o tentan. Que tipo de desesperación deben sufrir para chegar a esta solución? Parádevos a maxinar, por un segundo, que realidade tan atroz deben vivir se prefiren morrer así antes que seguir vivindo. Aquí temos moito que cavilar, non credes? Premede aquí se vos atrevedes a velas. E deberíades atrevervos, aínda que o só o fagades para cerciorármonos dos privilexios nos que vivimos. Uns privilexios que elas, nin de lonxe, soñan; por viviren un martirio imposto por aqueles que exercen un poder inhumanamente inxusto.




E tamén desde Mesturas chegamos á reportaxe "Las hijas del silencio", unha reportaxe da ONG ACAF de Cataluña para chamar a atención sobre o tema.








15/12/08

Operación desastre duradeiro

Afganistán está en guerra permanente ao longo de 30 anos, máis tempo que o que suman xuntas as dúas guerras mundiais e a guerra con Vietnam.

Así comeza o artigo de Tariq Alí "Afganistán: operación desastre duradero" (que vos invito a ler premendo na ligazón) onde nos ofrece un panorama desolador deste país, onde fracasaron os intentos de estabilizar a situación bélica e os de crear unha estrutura social e política de bases sólidas.
A principal tarefa debería ser a creación dunha infraestrutura social e así preservar a paz, algo no que Occidente fracasou. Edificios escolares construídos que carecen de mobles, mestres e nenos.
Cómpre involucrar os veciños de Afganistán nunha solución política que dese fin á guerra, preservase a paz e reconstruíse o país. Irán, Rusia, India e China, así como Paquistán, deben comprometerse na busca dunha solución política que poida manter un goberno nacional xenuíno durante unha década despois da retirada da OTAN e dos Estados Unidos.
Mentres, prevese unha fame negra en Afganistán este inverno.

Vía Libro de Notas

22/10/08

Espazo de batalla

Battlespace é unha colección de fotografías de 22 profesionais independentes sobre as guerras de Irak e Afganistán que recolle dun xeito duro e cru o que significa a guerra. Ollo! Moitas delas poden afectar a vosa sensibilidade!





Vía Microsiervos

03/08/08

A liberdade do suicidio

Un gran número de mulleres afganas para rematar co sufrimento das súas vidas deciden matarse. O suicidio é unha medida extrema como medio de liberación e o cese inmediato da súa condena: así pensan moitas mulleres en Afganistán, o peor país do mundo para nacer nena. É un xeito de liberarse da opresión que segue a simbolizar o burka. A perda dos Dereitos Humanos é unha das principais razóns de depresión e suicidios femininos neste país. Un ritmo de suicidios vertixinoso. No ano 2005 autoinmoláronse con lume na rexión de Herat 500 mulleres. No ano 2006 a cifra sobrepasou as 600. A maior parte tiñan entre 12 e 25 anos.



Vía Lápices para la Paz


22/07/08

Humor comprometido

Eneko é un debuxante de viñetas comprometido cos Dereitos Humanos e coa actualidade informativa e social. Aquí tedes unha mostra dalgúns dos seus debuxos que falan de inxustizas, de guerras e de violacións aos Dereitos Humanos.



04/07/08

Miradas perdidas

Esta fin de semana puidemos ver unha reportaxe sobre nenas afganas, con fotos de Álvaro Ybarra Zavala e texto de Rosa Díez en XLSemanal. Tráiovos as imaxes desas nenas e a ligazón para que poidades ler o texto completo se vos apetece. Creo que todas e todos sabemos ou intuímos a clase de vida que lles agarda -ou que se lles nega- a estas nenas en pouco tempo, unha vida escondida baixo un burka que oprime non xa a súa feminidade senón a súa propia condición de ser humano. Mentres este tipo de atrocidades sigan a existir non deixaremos de berrar, cando menos, contra un trato tan ignominioso que ninguén merece. Se o feito diferencial de ser muller remata debaixo dun "vestido" non que apenas se pode respirar -esquezamos os risos-, e calamos, que máis podemos agardar? Este tipo de escravitude parece perdurar por riba de guerras e lamentos. Ata cando estas nenas deberán perder a mirada?

27/04/08

Sen palabras

Xa falei tantas veces disto, que agardo a que agora sexades vós os que teñades algo que dicir. Que se note que vos interesa algo máis ca os retos matemáticos!!!




13/03/08

Imaxes en primeira liña de guerra

Aquí vos deixo unha recopilación de fotografías feitas polos membros das tropas españolas que estiveron destinadas en Afganistán durante todos estes anos. Imaxes en primeira liña do desastre da guerra. Nunca está de máis lembralo.

04/03/08

Pola Igualdade da Muller (VII)

A fotógrafa canadiana Lana Slezic retratou durante dous anos a vida cotián de centos de mulleres afganas, mulleres esquecidas que loitan contra a indiferencia. As nenas en Afganistán inícianse como tecedoras aos 7 anos. Durante 12 horas ao día. Se non fían ou tinguen, moen gran, xuntan leña, crían nenos. O estudo estalles vedade. Teñen vidas curtas, anónimas, crueis, sen identidade.



Esta foto publicámola hai tempo, lembrádela?
Malalai é unha das únicas mulleres policías en Kandahar. A diferenza doutras mulleres da rexión, ela traballa xunto a homes, detén criminais e restaura a xustiza nunha das cidades máis perigosas do país. Sempre leva a arma baixo a súa burka.



Esta nena de 11 anos tiña 4 cando o seu padrastro vendeuna a unha familia en Kandahar, onde a casaron cun rapaz de 6. Mentres, foi golpeada, illada e tratada como unha escrava durante os seguintes 7 anos pola súa familia até que fuxiu unha noite cando o seu padrastro ameazou con matala. Hoxe é a única muller nun orfanato en Kandahar.



Prostituta en Kabul. As décadas de guerra deixaron a miles de mulleres necesitadas, forzándoas en segredo á prostitución para manter aos seus fillos e fillas. De seren descubertas, estas mulleres serías asasinadas a mans das súas familias polo honor do apelido.



Unha moza nova xira ladrillos feitos a man para secar no sol preto de Pul-e-Alam



O vento oubea e detense nunha escola instalada nun edificio abandonado en Kabul.



Na provincia Herat, o suicidio é un método limpo e común entre mulleres. Hai un ano, Zahra, caeu nunha terrible depresión e decidiu verquerse aceite de cociña e prenderse lume. O seu home a golpeaba e lle impedía ver a súa familia. Zahara sobreviviu, legalmente divorciouse do seu home e hoxe vive coa súa nai. A cicatrización causoulle a perda de mobilidade do pescozo.




Sen outro lugar onde ir, as nenas xogan nun vello e destruído edificio en Kabul, construído polos soviéticos antes do réxime talibán. O edificio é agora fogar de 105 familias refuxiadas.


E as palabras da fotógrafa: En marzo de 2004 cheguei a Afganistán con ideas preconcebidas e unha mochila cargada de inxenuidade. Cría que despois da expulsión dos talibáns no ano 2001 as nenas ían ao colexio, as mulleres non usaban burka e o contorno sería menos opresivo. Porén, a situación real é diferente: Afganistán segue a ser unha nación que se basea principalmente no sistema tribal. A loita pola identidade, as ameazas continuas á seguridade e as presións internacionais para desenvolver unha nova orde deron lugar a unha situación moi complicada. As mulleres e as nenas son as que levan a peor parte... por iso seguirei a fotografalas.

Déixovos agora un tráiler deste filme que incide no mesmo: Buda explotó por vergüenza:

15/12/07

D. H. na aula: ¡Libertad!

Semana de Dereitos Humanos. Xa que rematamos os exames, aproveitamos para, ademais de ver as presentacións, ver algunha película que "ilustrase" o tema. En 1º de Bacharelato vimos ¡Libertad! ("Chasing Freedom"), de Don McBrearty, con Juliette Lewis, Philip Akin, Carl Alacchi, Layla Alizada, Moe Allahdadi e Ghazali Amer, filmada en Estados Unidos no ano 2004.
A película relata como unha ambiciosa avogada neoiorquina acepta o caso dunha xove refuxiada afgana que busca asilo político en América. Ademais, mestura os atentados do 11-S e a súa influenza na vida política dese país. Interesante para os dereitos humanos dos inmigrantes, máis concretamente das mulleres.
Por suposto, non falta o leitmotiv da marabillosa vida que lle pode deparar esa gran nación e as chiscadelas típicas que as películas americanas nos mandan, pero serve para comprender algo mellor a falta de liberdade do pobo afgano en xeral e das mulleres en particular, serve para debater o machismo lacerante da sociedade e a supresión de todo tipo de Dereitos Humanos en estados totalitarios. Resultoume chocante a intervención dun dos meus alumnos: "a peli remata mal" Por que? "Porque comezan máis casos coma ese". Que lonxe parece todo desde aquí!!!


17/09/07

Número 100

Para este número tan especial de entradas, queremos retomar a fotografía que Charo nos mandara hai xa tempo e coa que iniciaramos o outro blog. Ségueme gustando darlle patadas co rato no cu a ese tipo que saca a foto. E, desgrazadamente, queda moito camiño por andar ata que esta foto só nos provoque riso, e non unha profunda carraxe.

12/09/07

Un libreiro contra os talibáns

Chámase Shah Muhammad Raís, pero un libro inmortalizouno como El librero de Kabul. A súa pequena libraría leva trinta anos ubicada no centro da capital de Afganistán: a maioría do tempo conseguiu permanecer aberta. Raís empezou o seu negocio na época da invasión soviética. Tras as guerras tribais que dividiron o país, porén, os muyahidines fixéronse co poder en Kabul e prohibieron todo libro que non fose relixioso.

Dúas veces coñecería Raís o horror dos cárceres afganos. En 1996, os talibáns saquearon a súa tenda, fixeron unha cacharela con todos os libros que contiñan imaxes e prendéronlles lume. Raís entendeu que a situación chegara a un límite e fuxiu coa súa familia a Pakistán. Pero non por iso abandonou a súa libraría: regresaba periodicamente a Kabul onde, baixo a coartada da venda de artigos relixiosos, facía circular tamén“libros prohibidos”.
Hoxe en día Raís está fortemente comprometido co renacer cultural da súa patria. Ofrece libros de todos os prezos e vén de organizar a primeira libraría-móbil do país: un autobús co que percorre aas provincias. Pese a obter unha boa acollida, lamenta que o desenvolvemento económico que arranca en Afganistán non se acompañe dunha inquedanza pola aprendizaxe.

A súa historia merecía ser contada. A periodista norueguesa Asne Seierstad pasou seis meses na súa casa e escribiu posteriormente El librero de Kabul, un libro que non satisfizo ao protagonista, pero que nós vos recomendamos para acercarvos a outras realidades e a outras culturas.


11/09/07

Identifíquese!

Non, non é o título do último libro lido. É a realidade que supera calquera ficción. Ollade a fotografía: No seu afán de democratizar o país, o goberno afgano decidiu -hai xa catro anos!- abrir o corpo de Policía ás mulleres. Todo un éxito: 200 son as escollidas, tanto, que por culpa dos prexuízos sociais e a falta de formación (lembrade sempre as miñas palabras: "o que precisamos é educación") perseguen aos delicuentes "emburkadas", destapando o xusto para empuñar a arma, claro está.

E agora pensade: Á voz de IDENTÍFIQUENSE, ¿que cara poñeriades?

Quizais existan abismos feitos para que se despeñen as alianzas de civilizacións.
Quizais a igualdade que ansiamos sexa tan só unha ficción.
Quizais non cansemos de loitar.
Quizais...

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.