Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/05/18

Fuxide, correde, bulide

Video da PDRA contra a Mina Touro-O Pino:


30/05/18

Dez dedos nas mans e dez dedas nos pés

 A editorial Kalandraka tráenos tenrura en forma de bebé con este Dez dedos nas mans e dez dedas nos pés de Mem Fox e Helen Oxenbury. Estrutura rimada e reiterativa propia para o lectorado máis pequerrecho, nun conto de bebés que veñen dous a dous, de diferentes razas e procedencias; iso si, todos eles ben mantidos e felices; deses que dan ganas de achuchar e bicar dende que abres o libro, porque a ilustradora sabe transmitir felicidade, feitos están con tal expresividade. O texto transmite sobre todo a igualdade, reforzada de xeito inigualabel coas ilustracións: non hai diferenzas xa que todos teñen dez dedos e dez dedas. Que máis dá a orixe, a cor? 
Iso si, as últimas follas modifica a estrutura anterior. Pero por unha boa causa, ou non?
Cousa feita de libro!!!


28/05/18

Routine



Vía

27/05/18

Non á violencia contra as mulleres (DLX)

Cinco mitos de la violencia machista desmontados en menos de tres minutos


25/05/18

Romper estereotipos

A fundación española Inspiring Girls vén de comezar unha campaña en diferentes centros educativos co propósito de rachar estereotipos. Calquera muller pode apuntarse e acudir a unha aula para compartir a súa historia profesional.


24/05/18

O chaleco de Ratiño

Recupera a editorial Lata de Sal este clásico xaponés de 1974: O chaleco de Ratiño é de Yoshio Nakae e Noriko Ueno. Un rato que recibe un agasallo da súa nai, un precioso chaleco que pasará de man en man entre os animais do bosque porque a todos gusta e queren probalo. Pero, eses animais son a cada cal máis grande... e pasará o inevitable. Cun final que si será sorprendente e tremendamente simpático. Chama a atención nas ilustracións o verdadeiro protagonista do libro, a prenda de roupa, única nota de cor nas páxinas, que xuntos coas expresións divertidas dos animais, ou sorpresivas, fan deste sinxelo álbum un pracer literario. Un pracer xeneroso.

23/05/18

A árbore dos soños

Recupera Kalandraka esta publicación de Fernando Alonso con ilustracións de Emilio Urberuaga: A árbore dos soños é un libro formado por historias que xiran arredor dun eixo temático: as árbores. Un escritor, Huve, que trata de escribir un libro e atopa na natureza a inspiración que lle cumpría. Grazas a esta árbore os relatos cobran vida e mesmo conseguen independizarse do seu creador, porque a natureza é un ser vivo que medra, e así son os relatos que temos nas mans; uns relatos sobre árbores que non son outra cousa que trasuntos do protagonista, quen pode falar con liberdade de si mesmo enmascarado baixo a protección -ou a sombra- da árbore. 
Un libro que é o que non é, ou que non é o que parece, ou que propón un xeito de achegarse a el diferente. Un divertimento literario que non é máis que a liberdade de creación e de interpretación que o artista precisa sempre e en todo momento. Que sería da arte de non existir a liberdade?


22/05/18

¡Estoy estupenda!

Divertido e acertado cómic de Raquel Gu que publica Navona Gráfica: ¡Estoy estupenda! Que ya tenemos una edad y otras tonterías reflexiona sobre a nosa chegada aos 40 anos con humor, moito humor e moito acerto. Porque é imposible non vernos reflectidas nalgunha das viñetas que nos propón a autora (sobre todo iso de que preferimos quedar na casa a saír ou que cando saímos tardamos semanas en recuperarnos!!!). A autora asegura aquí que os 40 son unha idade estupenda. Pode ser. Quen xa a teña que xulgue por si mesma. Quen a pasara xa, que opine. Quen aínda non chegase, que dubide. Como diría o outro "asegún". O que si está claro é que este é un divertimento e como tal o lerás: cun sorriso continuo.

21/05/18

La Consulta

Revisa o teu nivel de machismo

“La Consulta” é unha campaña contra o machismo, creada e dirixida pola artista Yolanda Domínguez e financiada polo Instituto Andaluz da Muller, que ten como obxectivo implicar os homes na erradicación dunha gran epidemia social: o machismo.
Vía

20/05/18

Finn y Sep. El laberinto de los gnomos

Peter Goes é artífice deste gan álbum-xogo que publica Libros del Zorro Rojo: Finn y Sep. El laberinto de los gnomos é unha proposta de percorrido por diferentes labirintos que se presentan en cada páxina en tons e lugares afastados, como xardín, casas, covas, océanos cheos de estrañas criaturas e un pequeno texto que amosa as pistas que quizais poidamos seguir... Por estes espazos terán que ir os protagonistas para solucionar os misterios que o lectorado tamén acusa, porque poderemos pasar moitas horas en cada páxina procurando tantos detalles disparatados, que están ao servizo da imaxinación e das múltiples lecturas. Cada páxina, cada ambiente, é un reto. Un apaixoante percorrido visual.





La cometa perdida

Mario Onnis ofrécenos con  La cometa perdida un delicado álbum  publicado por Thule onde un neno se fai amigo dun dragón grazas á perda do xoguete. Ilustracións e texto compleméntase nun texto poético onde teremos un final sorprendente


Non á violencia contra as mulleres (DLIX)

Miss Bolivia 
Paren de Matarnos

Música contra a violencia de xénero. Necesaria. Imposible non entender a mensaxe.


19/05/18

Empanada de mamut

Moito humor para un álbum ilustrado de Jeanne Willis que publica Libros del Zorro Rojo: Empanada de mamut cóntanos como un troglodita neceista carne para se manter en pé!!! Ou non? Teremos que estar atentxs para saber se os humanos serán ou non os vencedores ante un mamut que os observa con moita sorna, esa mesma que nos transmite un sorriso continuo mentres lemos o libro.


18/05/18

Parcialmente Nublado


Partly Cloudy 

Colgueino hai anos, pero desapareceu do blogue, como tantas veces ocorre cos vídeos, polo que volvo a traelo.




El lenguaje de las olas

Magela Ronda e Esther Gili conseguen un álbum marabilloso que chama a atención dende a propia portada. El lenguaje de las olas, publicado en Astronave, fala dunha nova linguaxe que une o mar, porque este ten o seu propio xeito de comunicarse, como asemade demostran as súas ondas e as súas cores, que tamén falan de amor, se as sabes escoitar. Seguro que si, cando leas este libro! Porque a poesía que conforman as súas liñas atrapa nunha historia de amor que demostra, unha vez máis, que este xénero, o álbum ilustrado, noné infantil. Pero aínda hai xente que o segue a crer!



17/05/18

Cantas Cousas podes facer en galego!

Coma sempre, o amigo Cibrán, sempre atento á defensa da nosa lingua. Que fariamos nós sen el!!! Sendo o día que é hoxe, apetécenos falar da nosa lingua. Esa que vemos en retroceso cada día, sen que a ninguén lle importe. Vaia, a case ninguén.



O Concello de Carballo puxo en marcha unha campaña para convidar a usar o galego libremente en todos os ámbitos sociais. 





Ademais do vídeo, a campaña acompáñase dunha serie de carteis CC. Que é iso? Así o explican:


Para corazóns contentos, para Compras e Caprichos, para Conxeniar e Convivir, para Cálidas Cancións, para Cafés e Confidencias, para Cabezas Creativas, para Cóxegas Cómplices, para Conversas Cruzadas, para Crebar Cadeas, para Celebrar Conquistas..., para Cantas Cousas! Para canto queiras podes usar e compartir a túa lingua, sen restricións, sen límites, sen dereitos reservados. A licenza do galego é libre, é CC, é Creative Commons, para que cada quen poida usalo onde e cando queira.


O rapaz que nunca existiu

Gustoulle moito este libro á miña alumna María Guinarte, quen di así:




Esta novela está escrita polo autor islandés Sjón quen lle fai unha homenaxe ao seu tío. O rapaz que nunca existiu está publicado pola editorial Rinoceronte.
O protagonista deste libro é Mani, un adolescente que vive en Reyjavick, é homesexual e encántalle o cine. Presta servizos sexuais a homes maduros para gañarse os cartos e pagar as entradas ao cine. Unha serie de sucesos como a erupción do volcán Katla ou a chegada da gripe española cambiarán a súa vida.
Este libro está escrito de xeito que parece poesía. É moi ameno e fácil de ler e o final é moi bo e dálle sentido a toda a historia.
O que máis me gustou do libro é a forma na que o autor é capaz de absorberte por completo na historia de forma que parezas un espectador que mira o que está a acontecer na beirarrúa de enfronte pero coñecendo os pensamentos dos personaxes.

Trafegando Igualdade

Un proxecto que levaba en mente dende hai tempo e para o que nunca dei os pasos necesarios. Quizais por non topar o momento, quizais por covardía, quizais por lacazanería, ou todo xunto. O caso é que, por fin, aquí estamos. No Laxeiro creamos un grupo que mirará pola Igualdade, que loitará contra a homofobia, que tentará que se respira doutro xeito. A sociedade necesita máis e máis formación, e necesita a Igualdade real. Conseguirémola.
Hoxe ademais de ser o Día das nosas Letras, é o día contra a  Homofobia, a Transfobia e a Bifobia.




http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2018/05/16/defensoras-igualdad/1892441.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2018/05/16/laxeiro-sobresaliente-tolerancia/0003_201805D16C2991.htm


16/05/18

Un viaje por el mar

Xa sabedes da miña paixón polos pop-up. Así que aínda que tento resistirme, polo seu prezo, non sempre o consigo. Pasoume con este Un viaje por el mar de Gérard Lo Monaco que publica Blume. Estes libros son verdadeiras obras de enxeñería, commoa este que nos amosa barcos de diferentes tamaños: un transatlántico, un veleiro, un buque faro...
Para mirar e remirar, para abrir con coidado e deixarse fascinar pola enxeñería...




15/05/18

French Roast

Outra desas curtas que hai que recuperar da historia deste blogue:


El piropo es una forma de acoso diario

14/05/18

Dust Buddies

Amizade sen palabras:


Nosoutras

Publica Urco este Nosoutras de María Victoria Moreno con limiar de Xavier Senín, unha interesante achega para coñecer a palabra literaria da autora homenaxeada este ano. Relatos que falan do sufrimento das mulleres, desas silenciadas, ocultas, desas que non tiñan voz e que agora comezan a outorgárllela; a autora dálles voz, unha voz impregnada de lirismo, unha voz forte, contundente, unha voz que non deixa dúbidas nin espazos, porque cómpre esa voz rexa para asentar a liberdade, a igualdade.
Cando comecei o libro, a verdade, pensei que me enfrontaba a algo moi diferente, posto que o primeiro relato non é tal, ese "nosoutras" é un texto reivindicativo dos espazos literarios para  Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández, Úrsula Heinze, Palmira G. Boullosa e ela mesma. Unha curiosidade que, seica, non coñecían as mecionadas. E que reclama para todas elas ese espazo literario que pretendía serlles negado, pero tamén o seu espazo profesional.




13/05/18

A través do espello e o que Alicia alí encontrou

Hoxe tráiovos un deses libros que van aos meus andeis predilectos, onde colecciono as "Alicias". Xa celebraramos a publicación das Aventuras de Alicia no país das marabillas de El Patito Editorial, con tradución de Xavier Queipo e ilustracións de Fausto Isorna. Pois ben, agora, tráennos este A través do espello e o que Alicia alí encontrou, ese segundo volume que fala das andanzas da nosa protagonista pola Casa do Espello. Pouco hai que dicir deste libro mundialmente famoso, agás falar do que supón a tradución que realiza Queipo e as fantásticas ilustracións de Fausto, que racha con todas as anteriores para crear unha nova imaxe, colaxes con retallos que ofrecen unha renovada visión da nosa protagonista de sempre, arte-pop que explora aquelas partes máis surrealistas do texto clásico.



Non á violencia contra as mulleres (DLVIII)

A domicilio

12/05/18

Monsterbox

A crueldad de abril

A pesar de que o título avisa, a crueldade impacta. Diego Ameixeiras volve. E volve cun título que ben paga a pena: A crueldad de abril, publicado por Xerais, é un libro intenso, de capítulos curtos para dar axilidade e para chegar ao lectorado sen descanso. Porque o bo deste libro é iso: a lectura sen respiro e afogando, coma os personaxes; porque o gran mérito é -coido- a palabra xusta, mesmo poética, sen excesos nin artificios que nos distraian. Un libro que nos trae a mellor escrita do autor.
Situámonos nun mundo marxinal, onde a brutalidade e a inmisericordia son os reis das rúas, da noite, do crepúsculo máis temible. Reconstruímos con saltos temporais un asasinato. Ou non. Veremos. Algo que a sociedade esquece porque non paga a pena, porque a dor só reside no círculo máis íntimo. Mentres, a sociedade non ten de que preocuparse. Porque esta é a tremenda realidade: podemos aterrorizar cunha noticia no telexornal, pero esta desaparece das nosas vidas no momento en que os informativos desexan. Así de efémera é a crueldade. Cando non nos atinxe. Pero cando está ao noso carón, cando é o noso sufrimento, a situación varía. Tanto, que pescudamos a verdade. Como fai o protagonista. E de paso, percorremos vidas case fronteirizas, vidas derrotadas pola droga, polo paro, pola tristura, polo sen sentido de vivir. O escenario non é agradable: as páxinas do libro nolo amosan unha e outra vez. Como querer algún personaxe deste monllo teatral que é a vida? E si, hai amor. Pero hai sobre todo indiferencia, odio, vinganza. E a morte sobrevoa a vida. Non nos afastamos da realidade. Non nos afastamos da miseria moral na que nos desenvolvemos, esa sobre a que pasamos de crequenas porque non interesa. É mellor mirar para outro lado.


11/05/18

One By One

Un por Un


O produtor e compositor sudafricano Lebohang Morake, máis coñecido como Lebo M, é o autor desta curta animada de Walt Disney: amosa un grupo de nenos que vive nun barrio de poucos recursos, e como a amizade significa compartir momentos.

10/05/18

Iniciación sin mutilación

Documental que amosa as posibilidades de cambio que se están traballando nas sociedades de orixe, baseadas na explicación das tres fases do rito de iniciación: física, cultural e social. A proposta mantén as dúas segundas fases que dan identidade étnica e de xénero, eliminando a parte física que atenta contra os dereitos humanos.


09/05/18

Ícaro en el corazón de Dédalo

Chiara Lossani xunto coas impresionantes ilustracións de Gabriel Pacheco fan posible este álbum publicado por Fondo de Cultura Económica: Ícaro en el corazón de Dédalo é unha reflexión sobre a paternidade que se inspira no mito clásico de Dédalo, construtor de máquinas incribles e arquitecto do Laberinto de Creta. O rei Minos encérrao co seu fillo Ícaro para castigalo por axudar a Teseo a fuxir. Aquí xorde unha historia de amor, esa que ás veces retrásase cando se dá por suposto que vén canda o nacemento. Pero amar significa protexer, ou tentar esa protección que non sempre é posible, posto que o destino, ou o que sexa, amosa recovecos cos que non contabamos. A vida segue, e debemos mirar para adiante, como poidamos. Os sentimentos seguirán agromando e mesmo aprenderemos a vivir canda a tristura.

ASEVI

Publicidade que serve.

08/05/18

Cómo el lenguaje moldea nuestra forma de pensar

A Dra. Lera Boroditsky é profesora de ciencias cognitivas na Universidade de California en San Diego. Investiga sobre as interacciones entre a linguaxe, a cognición e a percepción, combinando diversas disciplinas como a lingüística, a psicoloxía, a neurociencia e a antropoloxía.
Nesta conferencia de TEDWomen 2017 (en inglés, con subtítulos) Lera Boroditsky comenta algúns ejemplos que suxiren que a nosa lingua materna pode moldear a nosa forma de pensar. Explica, a través de diversos casos particulares, que as diferenzas no pensamento e a percepción orixínanse en base a diferenzas léxicas e sintácticas entre as distintas linguaxes.

Lo bueno de la diversidad lingüística es que nos revela que tan ingeniosa y flexible puede ser la mente humana.

Visto en Mujeres con ciencia

<(center>

07/05/18

O lobo con botas

Xa gozaramos na nosa lingua de máis libros do tándem formado por Alberto Vázquez e El Hematocrítico grazas a Xerais, que nos trae un novo volume: O lobo con botas, desta volta para facer unha feroz pero simpática crítica ao consumismo excesivo e a ese costume da nosa sociedade de poñer de moda un produto a base de miles de triquiñuelas que enganchan o consumidor sen ton nin son. Unha vez máis, darlle a volta a contos clásicos, ou cando menos servirse deles: o noso protagonista sabe que o gato con botas é admirado e de aí a idea de explotalo... demasiado. Como demasiado é ver os escaparates con todo o "merchandaisin " que se pode armar arredor, por exemplo, dun filme de Disney. Disto fala con humor este libro, de percatarnos que realmente todo iso non cómpre para gozar dun filme, dun libro, ou do que sexa. Que estamos acostumándonos a necesitar artigos que para nada non o son.


Teoría feminista. Celia Amorós

Hai que escoitala, porque é divertida e intelixente. Porque aprendemos.


06/05/18

Street Poems


Saborear a Fran Alonso. Ben, saborear a poesía de Fran Alonso, non vaiades entender mal! Sempre que sei que vai publicar un libro de poemas, penso "ogallá sexa para o meu alumnado". E Street Poems -publicado por Xerais- éo. Que ilusión! Fran Alonso pon palabras ás paredes, esas que tampouco son mudas porque conteñen obras de arte que traspasan barrios e fronteiras. E o poeta, sempre atento ao sabor da palabra, fotografa a arte para recuperar a palabra fuxidía, a non dita, a ocultada. El, coma ninguén, é quen de fusionar as artes, a teconoloxía, a interdiciplinidade. O resultado, un libro gamberro que dispara versos graffiteiros, versos para rapear ou para deixar esquecidos nos muros, eses muros que ás veces son tomados como teas de arte. Versos para chegar ás aulas e cantalos, versos para seren recollidos por brochas gordas que, tamén, traspasarán as aulas.
Os versos murmuran latas de cores que traen gotas de choiva, ledas e xoguetonas.




Sempre hai un lugar para a poesía (CXLIX)

"La medida de mi madre", un poema de Begoña Abad
 (Visto en Cultura Inquieta)

Non á violencia contra as mulleres (DLVII)

Campaña do Instituto Andaluz da Muller

05/05/18

Cincenta e as zapatillas peludas



Un álbum moi axeitado para que o primeiro lectorado se achegue a lecturas igualitarias que reescriben os contos clásicos. O seu autor é Davide Cali, de sobra coñecido, e conta co ilustrador Raphaëlle Barbanègre, e neste libro Cincenta e as zapatillas peludas, publicado por Xerais, destaca o humor e o ritmo que, xuntos, procuran a liberdade que foxe de estereotipos que impidn a igualdade de nenos e nenas.
Esta Cincenta soña tamén cun príncipe guapo que a salve desta situación inxusta que vive, pero cando pensabamos que estamos ante o mesmo conto de sempre, a historia cambia. E con este cambio, lemos unha petición ao lectorado feminino: rapazas, sede vós as que dominades a vos propia vida, non teñades medo a vos enfrontar aos desafíos que a vida vos proporciona, non pensedes que hai profesións "de homes", ninguén virá rescatarvos, sede vós as que cambiedes a situación sen agardar por ninguén.


Je veux

Eu quero... rematar coa man no corazón, tras unha vida na que se me acepta como son, na que podo ser eu mesma, sen estereotipos, na que alguén acompáñame na miña liberdade, puidendo establecer límites e marchar de onde teño que marchar. Permitirme sentir, vivir.


04/05/18

A historia de ser mulleres

Nin María Pita, a raíña Urraca, Rosalía ou Emilia Pardo Bazán; neste capítulo da serie Historias de Galicia, da TVG, falan de mulleres anóminas, alicerces da economía en todos os tempos que traballaron a terra, nas fábricas ou como mestras.

03/05/18

En branco e negro

Pere Tobaruela publica en Baía En branco e negro, un libro sinxelo e de doada lectura. A priori, poderiamos pensar que estabamos ante unha historia triste centrada na vida da protagonista, pero acabaremos botando de menos que non haxa máis vivencias dela. Atraentes resultan as partes do libro que contan a historia da vida de Sara en Guinea Ecuatorial, xa que serven para aprender facetas da súa cultura e un estilo de vida que aquí pode antollársenos moi afastado. Tamén ela como personaxe resulta atraente e interesante, aínda que coido que o principio é mellor có final


Fíos fóra

As mulleres galegas que traballaron no sector téxtil desde os 60 foron a man de obra perfecta e cautiva para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada. Este documental fai un novelo do sector téxtil aquí e fóra, antes e agora. A historia repítese nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema.

Fíos Fóra. Historias de obreiras entre costuras e patróns from Illa Bufarda on Vimeo.

02/05/18

Ouro Negro

Durante boa parte do franquismo, a Brea (Fontao, Vila de Cruces) foi unha das grandes minas de volframio activas a nivel mundial. Ás mulleres non se lles permitía traballar nas galerías nin na fábrica, mais foron contratadas pola empresa concesionaria para facer traballos auxiliares como lavado e separación do mineral. Ademais, moitas delas colaboraron nas redes de estraperlo do mineral e participaron activamente na vida da vila que se medrou ao redor da mina. Este audiovisual producido polo Consello da Cultura Galega e dirixido por Encarna Otero recolle o testemuño dalgunhas destas mulleres.


01/05/18

Me llamo Pecas

Publica Nubeocho Me llamo Pecas de Raquel Díaz Reguera, un álbum pola igualdade, unha reflexión sobre o sistema patriarcal dunha sociedade que indica diferentes xogos, diferentes cores, diferentes costumes... para nenos e nenas. A protagonista do álbum non logra entender a causa desta separación. Nin ela nin nós. Por iso amamos este libro. Porque fala de querernos como somos, de non aceptar etiquetas, de non aceptar os uniformes sociais, de non aceptar que debemos estar cortadxs polo mesmo patrón, senón que debemos respectar as nosas diferenzas e sobre todo debemos chegar a entender que nenos e nenas teñen exactamente os mesmos dereitos. 
Moi interesante o feito de que a ilustración non defina nunca se Pecas é neno ou nena. Un xogo que convida.





Doli doli doli… coas conserveiras. Rexistro de Traballo.

En 1989, cerca de cen mulleres, catro en folga de fame, péchanse na fábrica de Odosa, na Illa de Arousa, como protesta ao peche inminente da fábrica de conservas. Mentres estiveron encerradas gravaron un documental no que contaban o que estaba a suceder, a partir deste material constrúese o relato deste documental.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.