Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/04/21

Stella


 S
orprendida porque realmente non sabía que ía atopar, así foi o primeiro achegamento a esta lectura, unha obra que me atraeu e me disgustou a un tempo. Obviamente, rematada a lectura, e comprendida a dimensión adquirida, mergulleime na indagación para saber máis. E acabei de comprender. Stella é unha personaxe real e Takis Würger inventa unha historia para achegárnola: el mesmo di que se "inspira" na vida de Stella, pero logo crea unha historia de amor ficticia entre ela e o protagonista, un mozo suízo inocente que tarda en comprender a dimensión do drama humano que supón vivir no medio dunha guerra cruenta. Por iso, esta non é unha novela máis sobre o nazismo.

Cada capítulo comeza cunha rápida información do tempo no que se sitúa e os acontecementos reais daquela. Asemade, en cursiva atopamos anacos de expedientes xudiciais reais -actualmente conservados no arquivo histórico de Berlín- que nun principio nos desconcertan ata que pouco a pouco imos entendendo o que se agocha detrás.

A pesar de que falamos dunha historia de amor entre un mozo e unha moza, hai un terceiro personaxe en discordia, un mozo alemán enigmático que pertence ás SS pero que goza dunha vida pouco ortodoxa segundo os cánons do momento. E que tamén deberá pagar as consecuencias. Porque a novela é dura como a vida mesma. Como a vida da protagonista rela, unha muller xudía colaboradora da SS que delatou a centos de persoas. Pero quen somos nós para xulgar a ninguén? Ela quería salvar a seus pais. Que faría calquera no seu lugar? Independentemente de que a acción que aquí se nos conta sexa ficticia, a novela deixa un pouso de reflexión importante. Por iso a sensación que nos queda é agre e doce a un tempo. Pola disparidade dos dous personaxes, porque a inxenuidade e o amor semellan infinitas, pero tamén o é a maldade.

 

23/04/21

Fahrenheit 451

 


O
bviamnete non vos vou falar deste famosísimo e imprescindible libro que todx vós coñecedes de Ray Bradbury, Fahrenheit 451, senón desta edición ilustrada por María Corte que publica Reservoir Books, que me chegou vía unha "amiga visible" o Día do Libro. Non coñecía esta ilustradora nin esta edición, pero paga a pena achegarse a este libro potente e convincente da man desta edición.

22/04/21

Ética para inversores

 


C
omo resistirse a Petros Márkaris? Imposible rachar coa tradición de ler as súas novelas negras adobiadas con crítica social e con humor, ademais dun sentido de humor grego que nos leva a pasear polas rúas da capital grega incrementando a ganase de irmos alá. Ética para inversores, publicada por Tusquets, trata precisamente da falta de ética do mundo actual no que as grandes riquezas aproveitan as crises para enriquecerse aínda máis. Son especuladores, inversores con aparencia beatífica que para nada son filántroopos. Os saqueadores non andan polas rúas, senón que habitan en grandes despachos e nas sombras. Márkaris ten como obxectivo nesta nova entrega a inversión inmobiliaria que acapara bens con fins turísticos aproveitándose da pobreza provocada polas sucesivas crises vividas en Grecia.

Pero ademais desta trama temos o mellor amigo do comisario Jaritos, Lambros, ese vello comunista desencantado, organizando folgas para defender os pobres, eses que ninguén lembra. Vivmos nun mudo globalizado onde a diferenza entre ricos e pobres é cada vez meirande.

E sempre paga a pena ler e reflexionar con estas novelas, negra, pero non tanto. Porque o autor sabe ir máis alá. E desexamos que non pare.


19/04/21

El Rey

 


O
malo das triloxías é que pasa demasiado tempo entre a lectura dun libro e outro e aquí tamén fai acto de presenza miña mala memoria. De aí que ao principio me custase tanto situarme na acción de El Rey, terceira parte de No está solo e El Ángel, de Sandrone Dazieri, publicado asemade por Alfaguara, libros que me atraparan de vez: pero, claro, xa pasaron dous anos. Iso si, é imprescindible telas lido para ler este. 

Xa pasou ano e medio dende os terribles sucesos acontecidos no anterior libro. A protagonista pretende vivir afastada do mundo, preocupada tan só pola vida do seu amigo. Pero as cousas complícanse. A partir dese momento, o ritmo da novela irá in crescendo, sen descrición superfluas e cun suspense e unha tensión que nos acompañará en cada páxina. Un libro que medra a medida que imos avanzando páxinas e ímonos poñendo en situación. Porque, xa digo, ao principio custa -ou a min custoume-retomar a historia. Por suposto, tal como acontecía nos anteriores libros, o autor sabe manternos co libro aerto, con moitos ángulos e paredes polas que rubir. E cun final que consegue un golpe de efecto. Por suposto, o libro constitúe un broche perfecto, aínda que considero que non é a mellor novela das tres, é moi recomendable se vos gusta a novela negra. Por suposto, ao dúo protagonista, ou ámalo ou non: non hai termo medio.


16/04/21

Dormente


 
Raquel Castro dá a volta a historia da Bela Durminte, e faino con acerto teatral. Publicada por Galaxia, Dormente fala dunha princesa que dorme (?) por mor dun feitizo e que segundo a lenda só espertará se un príncipe chega para bicala. Pero son os príncipes os donos do destino das mulleres? Hai asemade amores diferentes? A obra achéganos con humor a estes puntos de vista para reescribir a historia dun xeito axeitado para nenos e nenas que poderán representala e entender que xa é hora de que mudemos a historia e os contos que sempre nos contaron onde as mulleres nada tiñan que dicir e os príncipes debían ser valorosos e imprescindibles.

14/04/21

El lunes nos querrán


 G
ustoume moito esta proposta de Najat El Hachmi, Premio Nadal 2021 que publica Destino: El lunes nos querrán é unha longa carta que a protagonista dirixe á súa mellor amiga, unha carta que de xeito retrospectivo volve á adolescencia, a unha época de sufrimento pola educación recibida e pola cultura e relixión na que se crían. A procura da liberdade e o desexo de rachar coas tradicións que as converten en persoas de segunda, polo feito de seren mulleres, é o eixo sobre o que xira a historia. Unha historia que marca un abismo entre as posibilidades que ten calquera outra moza da súa idade e a delas. Aínda que nos enmarca nunha determinada cultura e relixión, o relato da discriminación de xénero ocupa toda a novela, xa que feminismo e identidade son os grandes temas argumentais que nos levarán a un desasosego profundo a medida que pasamos as páxinas e que comprobamos as dificultades polas que deben pasar as mulleres para loitar polo seu destino e para loitar asemade contra un sentimento de culpa que chega a ser tan grande como o anceio de liberdade.

Un libro que nos marca e que nos leva a reflexionar e caer na conta de que as mulleres non só son mulleres que loitan senón que a raza, a cultura ou a relixión poñen moitas máis pedras no camiño da igualdade. E isto indígnanos dobremente. De feito, a identidade da protagonista non é descuberta ata o final, porque o anonimato das mulleres é un xeito de facelas desaparecer


11/04/21

Ernesto o elefante

 
O
utro dos grandes da Literatura infantil mundial é Anthony Browne. Agora Kalandraka tráenos Ernesto o elefante, un bebé curioso que decide explorar a selva pola súa conta. Cando pide axuda a diversos animais, atópase indiferencia e incomprensión, ata que topa a solidariedade en quen menos esperaba.

 

10/04/21

Álbum de familia


 E
ncantoume este novo Premio Internacional Ciudad de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos, xa o XIII, publicado por Kalandraka,  de Alejandro Pedregosa con ilustracións de Carole Hénaff. Sorprendeume porque resultou moi diferente, unha poesía que fala do mundo, da diversidade étnica e faino en versolibrismo, algo que non acostumamos a ter na poesía infantil, onde semella que a métrica é clave para este público. Sen rima pero con harmonía, imaxes que nos levan a ensoñacións e palabras suxestivas, protagonistas que nos levana a afastados países a quefaceres reais, atrapándonos nos poemas.


09/04/21

El artista que pintó un caballo azul

 


O
utro deses libros que viaxarán proximamente para Xapón. Falar de Eric Carle é falar de Literatura infantil de calidade, publicado por Kalandraka en cartoné, con páxinas grosas para que as mans dxs nenos e nenas pequerrechas poidan manexalos e gozar con todos estes animais pintados de cores "imposibles" grazas ao artista que os pintou. Indispensable a información que temos canda o libro, e que nos fai cavilar tanto sobre a liberdad individual e social:

Este libro constitúe unha homenaxe de Eric Carle ao pintor expresionista alemán Franz Marc, quen pintaba retratos de animais nos que a cor é utilizada para denotar un significado: o azul para a austeridade masculina, o amarelo para a ledicida feminina ou o vermello para a violencia. O seu desexo de expresar a espiritualidade a través da arte lévao a dar sentido ao espontáneo e intuitivo. Un artista rexeitado polo nazismo.

Os libros de Eric Carle recollen dos expresionistas a espontaneidade e intuición infantil. Este libro é unha mostra disto. A súa intención é a de achegarnos á arte a través da emoción e do visual enriquecéndonos coa cor. Este libro é unha indicación clara de que podemos ver o mundo de calquera cor. Somos libres para pensalo, para pintalo, para amosalo.


.



08/04/21

A transformación


 Hai libros que son absolutamente imprescindibles para sabermos máis sobre a Historia da Literatura e mesmo para coñecer e comprender mellor o noso legado literario, como é o da Nova Narrativa Galega. Se un libro ten influído noutros, ese é A transformación, publicado en galego por Kalandraka con tradución de Laureano Araujo. A Kafka hai que lelo, aínda que teñamos que utilizar unha perífrase de obrigatoriedade que tan mal pega co fomento da lectura. É unha ledicia ter este libro nas mans, tan só 96 páxinas da literatura do absurdo, o confrontamento do home ante un mundo que o oprime e que o cuestiona. A soidade máis certeira.


07/04/21

Un amor

 
S
ara Mesa
é a autora de Un amor, publicado por Anagrama. Un libro interesante e, por veces, estresante, que vos recomendo. Unha novela que nos presenta un ambiente cheo de tensión onde o espazo é un dos personaxes principais, xa que o drama que vivimos non sabemos se sería posible noutro escenario, con eses estados oníricos que son tormenta e calma, son tensión dentro dun amor duro e nun ambiente agobiante que nos atenaza. Como lectora síntome igual de intrusa que a protagonista nesa aldea que me provoca claustrofobia a pesar dos seus espazos abertos. Semella unha contradición pero mentres escribo máis clara me parece: espazos abertos con mentes pechadas que se apoderan dos sentimentos da protagonistas, que a succionan e mesmo temo que desapareza, coma pantasma, nesa amor "romántico" onde os celos mandan e dan paso á humillanción, ao rexeitamento, á crueldade.

Dilemas morais e debates éticos que nos provocan sensacións incómodas que nos perseguen ao remate da lectura.


06/04/21

Kashtanka


 F
alar de Antón Chéjov é falar dun dos autores rusos máis importantes de relatos de finais do século XIX. Neste fermoso libro recuperado por Kalandraka, con ilustracións de Rebeca Luciani, cóntanos a historia dun cadeliño que semella un raposo perdido nunha rúa no medio do frío invernal. Esta escusa é a historia dunha aventura marabillosamente estraña que levará a que este cadeliño de nome Kashtanka viva e coñeza lugares inesperados. Seguramente xa coñezades esta historia ou cando menos coñezades o autor; se non é así, tedes arestora unha oportunidade de ouro: procurade este magnífico libro presentado agora nunha boísima edición, tal como Kalandraka nos tes acostumadxs, con coloridas ilustracións acompañando un relato absolutamente delicioso.

Publicado en castelán.

 


05/04/21

Contos de obxectos


 I
mposible tocalo sen emocionarse. Imposible lelo sen escoitar a súa voz.
Xerais recupera a tenrura e o humor de Xabier P. DoCampo con oito relatos reunidos neste libro (Contos de obxectos) coas fotografías coas que Daniel Puente Bello, DNL, ilustra cada un dos relatos. Misterio, ambientes inquietantes, historias da emigración, amor... E por riba de todo, o humor sempre magnífico do narrador, do contista. Daquel que nos agasallaba coas súas historias vencelladas coa oralidade e cunha trama arredor dun obxecto que nos amosa o libro mediante as fotografías e que el amosaba ao seu auditorio

 

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.