Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/09/21

A cámara escura

 


J.
L. Baños de Cos
é o autor da obra de teatro A cámara escura publicada por Galaxia. Unha obra dirixida á xente nova cunha linguaxe moi próxima e utilizada por esta, incluíndo palabras que a mocidade utiliza constantemente como crush, best friend forever, influencer, superlike… . Lemos un texto áxil e rápido como as mensaxes que enviamos por WhatsApp. Quince escenas compoñen o drama de Alicia nun ritmo frenético onde o móbil é o gran protagonista. Xunto a este permanece o "Coro", personaxe colectivo que se manifesta nas redes sociais, dende o Instagram inicial ao WhatsApp final. Este personaxe colectivo xulga pero non aporta, e mesmo desaparece.

Alicia, a protagonista, comparte unha foto co seu crush, sentiuse obrigada a facelo. A presión social pode ser moi forte. Hai que ser aceptada polo grupo. Tal como Alicia no país das marabillas, esta Alicia, entra no tobo -móbil- do coello e xa non hai escapatoria. Entra no móbil, no grupo, e xa deixa de ser ela, xa é de todos, dese Coro que se cre co dereito de xulgar. Un tobo que é unha cámara escura da que é difícil saír e  illa ao mesmo tempo que expón.  Unha Alicia que se duplica, que se observa a si mesma a través dun espello no que non se recoñece, que a mantén atrapada sen poder comunicarse nin con súa nai, tan próxima e tan afastada.



28/09/21

Distancias

 


Tamara Andrés e Marcos Viso asinan Distancias, álbum poético publicado por Galaxia. Un libro onde poesía e ilustración  camiñan da man, interrelacionándose entre si de xeito que a mensaxe nace da interconexión da arte poética e a iconografía visual. O libro é unha gozada, un xogo literario que nos leva da ilustración á palabra e viceversa. De lectura lenta e goce inmenso, podemos e debemos mergullarnos lentamente, deleitándonos con cada páxina, comezando no punto que nós queiramos. Illemos a tristura e deixémonos levar perdéndonos no noss interior para enfrontar preguntas labirínticas que nos arrastran por diferentes camiños.




27/09/21

Verano de lobos

 


Con Verano de lobos comeza unha nonva serie, a de Haparanda. Publicada por Planeta, o seu autor é Hans Rosenfeldt. O libro é entretido e, por veces, orixinal, pero non me acabou de convencer, xa que nalgúns momentos facíase pesadamente lento e asemade pérdese nalgunhas subtramas que non viñan moi a conto. Supoño que o feito de que sexa a primeira entrega tamén é importante porque o autor nesta pretende presentar moitos personaxes e deixar clara a ambientación. Quizais a evolución destes dea máis de si en próximas entregas.


26/09/21

Douche a miña palabra


 A
sensibilidade especial de Fran Alonso tiña que ser quen nos explicara de xeito tan claro e contundente a importancia da palabra, da lectura, da escritura... un ensaio para un público non acostumado a ler este tipo de libros pero que entenderá perfectamente pola linguaxe e o ton utilizados.  Publica Xerais Douche a miña palabra con ilustracións de Bea Gregores, un texto que coido debe lerse en cursos como 1º de ESO como axuda para fomentar a lectura, non de calquera xeito, senón con fundamentos tales como o poder que nos dá a palabra e o seu uso.

Asemade, o libro presenta a autores e autora como seres humanos, coma nós, que se equivocan e deben volver comezar, que pescudan unha e outra vez para atopar as palabras correctas e que, sobre todo, son obreirxs da palabra.

Ogallá que a rapazada sinta que grazas a este libro hai un mundo de letras agardando. Un libro con "superpoderes" garante que sexa un libro de referencia para o profesorado que ama a lectura e pretende que o alumnado sinta o mesmo. Un libro onde as reflexións dun escritor convencen porque nacen da emoción do seu traballo coa sinceridade máis absoluta.

A poesía é coma A illa do tesouro, algo moi misterioso; unha aventura. Está chea de mapas do tesouro que forman as palabras. Así que o que temos que facer cando lemos é tratar de reunir as pistas para dar co tesouro. Pero... sabes o que che digo? Que o importante é que as palabras nos digan algo. Que nos emocionen, que nos impacten, que nos violenten ou desagraden, que nos fagan sentir algo... Esa é a maxia da poesía.

25/09/21

Los viajes. Europa

 


M
itsumasa Anno
é un referente que debemos ter en todas as casas que nos preciamos dos nosos libros. Publica Kalandraka un seu álbum Los viajes. Europa, onde con toda a delicadeza e detallismo propia del amosa os escenarios que percorreremos a vista de paxaro tentando adiviñar ante que lugar estamos. Para non perdernos, o propio autor comenta ao final do libro as súas impresións e reflexións, como o choque cultural que supuxo a súa chegada a Europa e onde nos comenta a súa paixón pola arte, que vén ratificada con este libro que temos entre as mans.



24/09/21

Un espléndido mundo novo


 L
in hai moitos anos este libro de Aldous Huxley e sempre constitúe un agasallo necesario telo na nosa lingua. Publica Kalandraka esta tradución de Alejandro Tobar dun dos libros fundamentais da historia da literatura contemporánea en forma de distopía.  Un espléndido mundo novo é un libro arquicoñecido como para falarvos del. Publicado en 1932 como un aviso aos totalitarismos, presenta un futuro afastado onde o mundo é feliza grazas a un único lema: "Comunidad, identidade, estabilidade". Para cumprir estas tres premisas, existen os grandes controladores, pero mesmo así poden existir fallos do sistema...

23/09/21

A vida secreta de Úrsula Bas


 L
ese de seguido a nova novela de Arantza Portabales publicada por Galaxia: A vida secreta de Úrsula Bas. Un novo caso para os policías Santi Abad e Ana Barroso, unha intriga de ciumes e vinganzas, onde os protagonistas viven un proceso de reconstrución das súas propias vidas ao mesmo tempo que deben resolver un cado de desaparición. A carón desta investigación tamén hai, como non, crítica social tentando amosarnos como as persoas somos  diferentes ao que parecemos realizando unha caracterización dos personaxes bastante profusa, incidindo en como os sentimentos dominan tantas veces os nosos actos, facendo que estes parezan irracionais. Aínda así, esta caracterización psicolóxica non chega a ter a fondura apetecible para este tipo de novelas. 

Recoñezo que eu, como lectora ávida de novela negra, síntome un pouco decepcionada con este libro que, se ben recomendo a aquelas persoas ás que lles apeteza ler un libro entretido, non indicaría para un experto lector ou lectora deste tipo de novelas.


22/09/21

A Coruña

 


D
avid Pintor
ofrécenos en A Coruña, publicado por Kalandraka,  un outro caderno de viaxes sen palabras, desta volta da cidade que o veu nacer. Isto nótase sobre todo porque coñece cada recuncho e porque sabe amosar lugares que non veriamos seguramente nunha guía de viaxes ao uso. Pintor introduce asemade elementos imaxinarios para facernos máis deliciosa a nosa viaxe particular por unha cidade que nos acolle silandeira dende estas fermosas páxinas. Viaxemos canda o alter ego do autor na súa bicicleta e baixo a ollada atenta das gaivotas.


 

21/09/21

Las Doncellas


 A
lex Michaelides
é o autor de Las Doncellas, publicado por Alfaguara. Un libro que me defradou, debido ás expectativas postas na súa lectura. O máis interesante é o enfrontamento que se produce entre os personaxes principais do libro, Fosca e Mariana, xa que lle dá á lectura un interese especial, aínda que este non sexa suficiente como para dicir que estamos ante un gran libro. Si, déixase ler, como precepto obrigatorio de novela negra, pero nada máis. Quizais o final sexa desconcertante, pero tampouco chega a ser suficiente como para ter este libro nos andeis dos nosos preferidos de novela negra.



20/09/21

Chofer de sandías


 Divertido álbum rimado de Antonio Rubio e Emilio Urberuaga publicado por Kalandrakahttps://www.kalandraka.com/chofer-de-sandias-galego.html: Chofer de sandías é un canto contra o cambio climático porque fala precisamente da ledicia da natureza; unha ledicia e unha ollada verde que vén, por suposto, dirixida dende a infancia, a que precisamente está máis comprometida na loita contra o cambio climático. E porque esta loita é necesaria, necesaria é a lectura de álbums coma este, que cren nun futuro máis verde dende un presente máis negro.



19/09/21

Ratos na escola

 


V
olvesn os ratiños de Oli e Natalia Colombo que publica Kalandraka: Ratos na escola é unha divertida e fantástica viaxe agora que temos que volver ao cole: versos que nos amosan cantas actividades diferentes podemos facer na escola, porque non só aprendemos, senón que xogamos, pintamos, musiqueamos... e lemos! E coa  maxia da lectura, percorreremos o mundo...


18/09/21

Canto eu e a montaña baila


 A
ntes de tela nas mans na nosa lingua, xa tiña lido marabillas desta novela, así que cando a editorial Kalandraka a puxo nas miñas mans, levei unha evidente ledicia. Canto eu e a montaña baila de Irene Solà é unha sorpresa ambientada nunha zona dos Pirineos, entre Camprodom e Prats de Molló. Novela coral onde todos e cada un dos protagonistas teñen voz, sexan persoas ou non. Bebendo da tradición oral, as lendas conmoven dende a súa veracidade ou a súa verosimilitude: que importa que sexa lenda? Lendas que viven na quietude da natureza, no rural tranquilo que foxe da frenética actividad urbana. Nunha novela relativamente curta cabe de todo: ilusión, amores, relacións, erros, pantasmas, proxectos... e neste todo cabe -memo- unha experiencia lectora diferente. Mentres lemos cambiamos de forma como cambia quen narra, dá igual: é unha experiencia que non queremos que remate. Porque estamos en medio dun conto, e gústannos os contos. Porque estes proveñen da maxia. A maxia da lectura. E que nos parta un raio: as flores seguirán medrando!


 

01/09/21

Si la muerte te quita algo, devuélvelo


 C
onmove a lectura de Si la muerte te quita algo, devuélvelo de Naja Marie Aidt, publicado por Sexto Piso. Como non vai conmover a morte dun fillo? Aceptala e seguir vivindo é posible, pero como percorrer ese camiño tan absolutamente impensable? Porque perder un fillo é o peor que lle pode pasar a un ser humano. E o libro só fala disto, da ausencia, da morte, pero tamén do amor e da vida. A nai, a poeta, a escritora, fala desa dor extrema, unha dor que provoca ausencia de palabras pero que só a través destas poderá seguir adiante: “El sonido apenas puede salir de mí, apenas puedo respirar. Ahora soy otra….”

A carón das súas palabras, no libro intercálanse asemade fragmentos doutros autores e autoras que tamén falaron da morte dun ser querido. A carón destes fragmentos, outros: poemas, cartas, versos, reflexións...

A dor e a palabra.






Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.