Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Fulgencio Pimentel. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fulgencio Pimentel. Amosar todas as publicacións

01/11/25

Las Tempestálidas

 


Gueorgui Gospodínov é o autor de Las Tempestálidas, publicado por Fulgencio Pimentel, impresionante distopía sobre o alzhéimer que goza dunha trama ben interesante. Nesta, o protagonista decide crear un ambiente cómodo para os pacentes desta enfermidade que non aceptan o presente. Sobre esta trama voa, ou añíñase, unha reflexión constante sobre o paso do tempo, as lembranzas, e -en si- o devir humanor. Así, o punto clave da novela, sen a que non se entende, é a nostalxia, e sobre esta varía a reflexión e a análise da nosa lectura, de xeito que paramos a cavilar sobre a nosa propia morriña. Somos unha sociedade que mira para o pasado ou que agarda polo futuro? Certo é que o pasado coñecémolo (de aí a recreación del nos distintos lugares e momentos ao longo da novela) e o futuro sempre é incerto: de aí a nosa propia alarma e medo ante el. Seica todo tempo pasado é mellor. Unha das trampas humanas favoritas ante a dúbida do que virá.

O libro lembra que a saúde mental non é algo individual senón colectivo, e que a realidade sostense no noso interior e non no universo que habitamos. A novela convértese pouco a pouco nunha Europa pasada e case esquecida, nun delirio comunitario que se repite e que pretende recordar o que os individuos non recordan. A vida como retrovisor que nos devolve unha imaxe espellada que non é totalmente real. Porque a pesar de que o futuro que se presenta non é desexable, o pasado tampouco ofrece o descanso que anceiamos.


"Valiente robo, la vida.... ¿No? Hijo de puta. Llámalo tiempo, vida, vejez, da lo mismo, son todos de la misma banda. Idéntica escoria"

07/11/17

Yokai

Carmen Chica e Manuel Marsol publican en Fulgencio Pimentel Yôkai, International Award for Illustration da Feira do Libro Infantil de Bolonia. Un libro en clave metafórica sobre a natureza, esa que non creou a man do home pero que este destrúe, esa infinita que nos convida a reflexionar, a pasear, a sentir. En comuñón con ela, podemos sentir que somos outras persoas, que o noso mundo é diferente, que a nosa vida non a vivimos porque estamos perdidos en todo o seu esplendor. Cruzar a súa porta é maxia pura. E desta maxia fala o libro con intensas ilustracións.


04/01/17

El libro que hace clap

El libro que hace clap de Madalena Matoso, publicado por Fulgencio Pimentel, é un álbum onomatopeico, un libro para xogar unha e outra vez, ideal para a rapazallada máis pequena, co que pasar horas descubrindo sons e "clapeando" continuamente. Considerados, ademais, un dos mellores álbums do ano, é ideal para non se aburrir.


01/11/16

El tiempo del gigante

En Fulgencio Pimentel e hijos atopamos este gran álbum ilustrado de Carmen Chica e Manuel Marsol que leva por título El tiempo del gigante. Un libro para demorarse nel, cando o tempo nos permite esa sensación de calma, porque calma é o que transmite, ese sentimento de que non pasa nada cando están a pasar tantas cousas, esas que semellan imperceptibles porque non lles prestamos a atención axeitada, pero que están aí, e que xorden posteriormente na memoria causando mesmo sopresa. Porque o tempo é así, silencioso, efémero, pero tamén trampulleiro e inaprensible.


02/06/15

Mundo Loco


Na editorial Fulgencio Pimentel temos este álbum sen palabras de Atak (Georg Barber): Mundo loco, un libro que nos amosa un mundo ao revés, divertido e imaxinativo. Un neno que alimenta á súa nai, unha lebre que dispara ao cazador, un cabalo que monta un xinete... Ilustracións a dobre páxina que resultan un agasallo para a vista, ocupada en buscar todas as tolemias que este autor nos ofrece, unha morea de posibilidades onde procuraremos unha liña ben fina entre verdade e mentira, entre realidade e ficción.
O mundo ao revés. Coma aquela canción de cando eramos pequen@s: "Polo monte van as sardiñas..."



24/02/15

Tío Budo


A editorial Fulgencio Pimentel e hijos é quen publica este orixinal álbum de Víctor Coyote Tío Budo. Divertido álbum dirixido aos tíos, e no que dous sobriños tentan convencer a seu tío de que rasure a barba. E non só isto: o libro inclúe o "Manual do perfecto tío". Xa vedes, se tedes por aí un tío ou unha tía a quen facerlle un agasallo e que está acostumado a exercer como tal, aquí tedes o mellor dos presentes. E é que este libro é unha tenra homenaxe á relación que se establece entre tíos e sobriños, cunhas ilustracións que chaman a atención, afastadas de calquera sensiblería e ás veces ben escuras, en todo caso sempre absolutamente deliciosas. Como o álbum remata con esa guía que vos comentei, poderedes comprobard se realmente sodes ou non bos parentes, se facedes tan ben aquilo que criades que si, ou mesmo ata que punto ser tío significa ser transgresor, xa que para educar estás as mamás e os papás. Esta guía vén en formato cómic.








Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.