Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/10/11

Fiz, o coleccionista de medos


Sobre un fermoso libro de Fina Casalderrey con ilustracións de Teresa Lima, realizouse esta curta:



Un texto que nos fala da superación que cada un debe afrontar contra os seus propios medos.

Salvajes

Don Winslow é o autor de Salvajes, publicado por Roca. É o primeiro libro que leo del, e confirma que teño que buscar tempo (ulo?) para ler os seus outros títulos. Chama a atención, sobre todo, a súa linguaxe tan áxil e directa, que facilita de tal xeito a súa lectura que o libro lese deseguida, a pesar das súas máis de tres centas páxinas; o autor non anda non se regodea nin busca palabras redundantes: vai ao gran en todo momento, e con poucas palabras -non necesitamos máis- informa tanto do que ocorre como do que pensan os personaxes. Volvemos a estar ante unha novela negra diferente, posto que non existe un detective nin policía que investigue asasinatos, pero si temos unha acción trepidante, tan frenética que a adrenalina e os crimes están asegurados... e hainos abondosamnete. Un libro que nos ilustra sobre a crúa realidade dos cárteles da droga, a súa violencia e o pesimismo que pode existir na procura da súa desaparición. Pero tamén nos lembra que cada un de nós pode converterse nun ser salvaxe cando as circunstancias así o requiren.
Certo é que a novela teredes que lela de golpe. Non saberedes cando frear, porque a propia acción tira dun en todo momento, non deixa un momento de respiro e converte a todos os norteamericanos -dá igual que sexan demócratas ou republicanos, Obama ou Bush, delincuentes ou policías- en monicreques de acción.
Tremenda. Bestial


Experimenta co galego!

Peza audiovisual realizada cos deseños presentados ao concurso de Deseño e Lema "O galego e a ciencia", organizado polo ENDL e o Dpto. de Plástica do IES Leliadoura (Ribeira) o curso 2010-2011




E este é Angel Carracedo, unha das persoas coas que podedes conversar este venres, Día da Ciencia en Galego:

Ángel Carracedo from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.


30/10/11

Gárdasme o segredo?

Hoxe sorprendíame e emocionábame con este artigo de Carlos Negro en Terra e Tempo. Foi moita a ilusión que me ocasionou ver reflectida na súa pluma os anceios que conforman este noso blogue. Agradézollo moito e, malia eu repetir moitas veces que a moita xente cómprelle unha cura de humildade, vou realizar un exercicio de auto-bombo que sei non debería. Prego o voso perdón, pero tentade comprendelo: Carlos consegue un decálogo que nin nós mesmos realizaramos.
Vaia dende aquí unha aperta a este poeta, profesor e amigo, a quen me gusta arruinar coa merca de libros.

O quince de outubro de 2011, así como quen non quere a cousa, produciuse un aniversario feliz na intrahistoria da cultura galega na rede, mais que se cadra pasou desapercibido para o común dos mortais.

E aínda que a afirmación anterior semelle unha brincadeira irónica nestes tempos de incerteza, asegúrolles que non se trata dunha miraxe producida por un optimismo infundado, senón dunha xusta homenaxe a un proxecto que non por humilde deixa de resultar significativo.

Poñamos, pois, a frecha no albo: o pasado quince de outubro de 2011, o blogue Trafegando Ronseis, coordinado por dous docentes galegos (Gracia e Anxo), chegou, logo de catro anos de labor constante no ámbito da difusión en rede, ao post número cinco mil. E, por suposto, a día de hoxe continúa a expandirse, pois non amosa síntomas de fatiga no seu ritmo de actualización.

Para aquelas persoas que aínda descoñezan a existencia deste blogue, diremos que constitúe un punto de encontro moi significativo para mantérmonos informados decote sobre todo aquilo que afecta á promoción dos hábitos lectores, a difusión dos actos culturais e artísticos xurdidos na comunidade escolar ou ao reseña crítica das novidades literarias máis destacadas en ámbitos tan suxerentes como o álbum ilustrado, a banda deseñada ou a novela gráfica, sen renunciar tampouco ao comentario de textos novelescos, poéticos ou teatrais. E sempre desde unha óptica que aúna a querenza pola literatura galega co repaso exhaustivo das alfaias literarias publicadas noutras linguas.

Pero Trafegando ronseis, sen afán de protagonismo, chega a ser moito máis que un blogue divulgativo sobre as diversas pólas do universo da lectura; representa tamén unha porta de acceso a mil e un contidos multimedia relacionados coa defensa da educación pública e dos principios pedagóxicos que, desde calquera parte do mundo, contribúen á loita a prol dun mundo máis libre e solidario.

Desde esta perspectiva interdisciplinar, Trafegando ronseis constitúe unha interesante ferramenta didáctica para a comunidade educativa, pois permite un acceso inmediato a unha atinada escolma de documentos audiovisuais tales como curtametraxes de animación, pezas documentais ou publicitarias, videoclips de carácter artístico... En definitiva, un calidoscopio de imaxes e palabras que, desde a imaxinación e a creatividade, nos axudan a ir establecendo un marco de análise crítica da realidade contemporánea.

Por todo isto, permitan que os anime a exerceren a curiosidade, para que así poidan xulgar por si mesmos se Trafegando ronseis é merecente dunha migalla de atención, sobre todo nestes tempos en que ficamos tan orfos de canles de información no noso idioma; e agardo que, logo da visita, saian convencidos de que existen espazos virtuais que van moito máis alá do rexoubeo tabernario ou do autobombo narcisista, para adicárense a unha promoción entusiasta de todo aquilo que resulta fermoso porque tamén trata de ser xusto.

E a modo de despedida, e como folla de ruta para internautas despistados, velaí van estes dez mandamentos que tratan de suxerir a tonalidade afectiva de Trafegando ronseis, é dicir, a dinámica esencial que lle presta alento ao seu discurso:

Decálogo ético de Trafegando Ronseis

1. Ama a lectura sobre todas as cousas.
2. Non tomes á lixeira a novela negra.
3. Garda os domingos para o sofá con libro.
4. Honra o labor das bibliotecas.
5. Descobre o mundo en mil curtametraxes.
6. Decláralle a guerra ao machismo.
7. Non renegues da escola pública.
8. Non despreces a banda deseñada.
9. Soña cada noite un álbum ilustrado.
10. Reza para que a última páxina non sexa a derradeira.

(Beizóns, Gracia; beizóns, Anxo)

La leyenda del espantapájaros

Moi apropiada para esta fin de semana:

Si ler, NON ler

Non á violencia contra as mulleres (CCXXIII)

Porque só conquistando a plena igualdade entre homes e mulleres, a violencia poderá deixar de existir:

29/10/11

Mound

Moi apropiada para estes días este traballo de Allison Schulnik, unha curta na que o artista utilizou máis de 100 figuras en 6.000 fotogramas e 100 días de gravación, mesturando pintura, escultura, bordado... para dar vida a uns personaxes que se moven entre o lírico e o tétrico.


Mound by Allison Schulnik from garaco taco on Vimeo.



Vía Mangas Verdes

A chave da Atlántida

Xa podo "toquetear" este libro que ten un significado especial para min, por formar parte do xurado que lle concedeu o premio Merlín. Un libro que estou segura vai encantar ao noso alumnado máis novo e que vai gozar coa súa lectura aventureira. Estou a falar de A chave da Atlántida de Anxo Fariña, publicado pola editorial Xerais.
Un libro co que viaxaremos na procura da Atlántida e nesa viaxe comprenderemos que o que criamos máis afastado está tan preto que, ás veces, nin nos percatamos. Ademais, a novela pescuda a inxerencia do antigo co moderno, a biotecnoloxía únese á mitoloxía para crear un ritmo trepidante que os lectores devorarán; e todo isto adobiado con esas magníficas ilustracións ás que nos ten acostumad@s Anxo Fariña e que tan ben nos soubo explicar no seu paso polos centros de ensino. Porque non hai que esquecer que este autor paseou entre nós para darnos a coñecer o seu xeito de traballar, axudando a crear novos mundo entre o noso alumnado, algo que sempre é tan útil.
Un libro que, ademais, fala de amor e respecto, tan necesarios que son quen de "humanizar" ou "deshumanizar" a quen os utilice ou non. Porque o que nos fai covardes e presuntuosos é o desexo. O desexo de ser -ou de posuír- máis que os demais.

Arte igualitaria

28/10/11

Los olvidados de los olvidados

Tráiler do documental "Los olvidados de los olvidados", producido por Aigua Films, TVE e Canal Odisea. Ten como tema a situación dos enfermos mentais en África.
Estréase o 4 de novembro. En Galiza pódese ver no cine Dúplex de Ferrol do 4 ao 10. Anímovos a ir, de vos quedar preto. A min xa me gustaría, xa.


Los Olvidados de los Olvidados from Aigua Films on Vimeo.



Ten páxina en Facebook.

Inolvidable

Encantoume este cómic de Alex Robinson, Inolvidable publicado por Astiberri. Falamos ben deste autor algunha vez máis, porén quédome con esta novela gráfica.
Xa chama a atención a portada, imitación dunha caixa de cigarros. E logo sorprendémonos ao lelo e buscar o xeito de deixar de fumar do protagonista: o regreso ao pasado serve para atopar o primeiro contacto co mundo do tabaco e servirá asemade para reflexionar sobre pasado e presente, sobre oportunidades que deixamos pasar e que non poden volver, sobre cambios que nos gustaría realizar pero que a vida non permite, sobre un futuro que desexariamos tornar pero que é un soño imposible. E todo isto adobiado con moito humor.
Un cómic moi recomendable en branco e negro, como a vida, que ás veces permite a cor e outras a agocha. Ademais, sinala moitos temas de xeito conciso, de aí a brevidade do libro, que mece recordos e melancolías e que nos procurará pensar na nosa propia adolescencia.


Marea verde

27/10/11

Debí Llorar

"En la imaginación" é unha revisión de clásicos da música cubana, seleccionados polo contrabaixista Javier Colina e interpretados pola cálida voz de Silvia Pérez Cruz. Ademais, Albert Sanz no piano e Marc Miralta na batería, e a colaboración especial de Perico Sambeat co saxo.


Debí llorar y ya ves,
casi siento placer
debí llorar de dolor,
por vergüenza tal vez.

Debí sufrir el bochorno
de tu insensatez
pero ya ves apenas estoy triste y sola.

Y es que sufrir sin razón
es fugaz padecer
yo comprendí tu traición
como un simple revés.

De quién jamás podrás saber
cuanto cariño soy capaz de ofrecer.
Debí llorar
pero pensé
¿por qué?

Vía

El ladrón de palabras


Con texto e ilustracións de Nathalie Minne, un libro en gran formato publicado por Edelvives: El ladrón de palabras. Fermoso álbum que pode dar moito xogo nas aulas sobre a importancia das palabras e o que podería ocorrer se estas desaparecesen, ademais da necesidade de ampliar vocabulario para saber que podemos dicir nas diferentes ocasións e porque as palabras axudan a compoñer grandes historias. Que sería de nós sen as palabras?


Rajá. El mago más poderoso del mundo


Outra das novidades de Edelvives é este gran álbum de Carl Norac con ilustracións de Aurélia Fronty: Rajá. El mago más poderoso del mundo, que fala do poder da maxia pero sobre todo do amor, do amor propio e da loita persoal. Un libro para medrar nun mesmo, para nos percatar de que non importa o que os outros crean ou opinen se estamos seguros de nós mesmos e se estamos dispostos a loitar por aquilo no que cremos. Se decidimos ser fortes e seguir, pese a quen lle pese. As ilustracións rebordan cor e este engloba o propio texto.

Sanidade

26/10/11

Rare Prints



Vía

El herbario de las hadas


Que xoia! Que preciosidade! Temos outro libro de Benjamin Lacombe que nos apreixa o entendemento para namorarnos loucamente! O autor desta marabilla titulada El herbario de las hadas é, xunto con propio Lacombe, Sebastien Pérez e está publicado, claro, por Edelvives (doutra volta, volvemos observar como hai versión en catalán e en español, en galego semella imposible).
Non sei se debo falar novamente deste ilustrador que consegue unha maxia especial. Neste libro sobre todo, posto que é un libro "máxico". A historia trata dun botánico ruso Alexandr Bogdanovitch, que en 1914, por orde de Rasputín, viaxa ao bosque de Broceliande e alí atopa un fantástico mundo poboado de seres extraordinarios.
As ilustracións son... buf, unha pasada, non sei que palabra podería expresar a beleza que poderedes ver; hai páxinas de papel vexetal, espectaculares ilustracións botánicas, máxicas e fantásticas acuarelas, collages, recortes. Deses libros que pensas que tes que regalar a seres queridos porque ninguén pode pasar sen telo.








Así se fixo:


Redondo

A editorial Thule -como non!- pon nas nosas mans un libro Redondo: non podía chamarse doutro xeito sendo como é completamente redondo, de aí unha parte da súa orixinalidade. O texto é de Pablo Albo e as ilustracións de Lucía Serrano. O formato tan especial compleméntase coa historia poética e disparatada que se conta no interior, onde ata unha chiscadela ao lector chama a atención posto que o propio libro é protagonista na historia.
Un deses álbums que é imposible que pase desapercibido. Se o vedes nunha libraría abrirédelo seguro.


"Una inquieta mariquita quiso conocer su planeta... Metió en una maleta su camiseta violeta, unas migas de galleta, un pedazo de chuleta, media croqueta (porque estaba a dieta) y, haciendo piruetas, partió en su bicicleta".


A descomposición da balea

Que sucede cando unha balea morre e cae ao fondo do mar? Convértese nun auténtico ecosistema que pode durar máis que a vida da propia balea.
Este vídeo de Sharon Shattuck é unha recreación artística do proceso:

Whale Fall (after life of a whale) from Sharon Shattuck on Vimeo.



Vía Microsiervos

25/10/11

Zero

Nun mundo que xulga a xente polo seu número, os "rostros cero" están constantemente sometidos ao prexuízo e á persecución. Transitan por unha senda de soidade ata que un encontro casual cambia as súas vidas para sempre: atopan unha "parella cero". Xuntos confirman que, a través da determinación, a coraxe e o amor, definitivamente "nada" pode converterse en "algo".



Vía Mangas Verdes

X

Si, este é o título da novela que veño de ler: X, de Percival Everett, publicada por Blackie Books. A verdade, creo que nunca chegaría ata este libro se non fose porque lin -non sei onde- que Alberto Manguel o recomendaba.
Estamos ante un libro completamente diferente, especial, tanto que dentro contén outros libros e diferentes lecturas: crítica ao mundo editorial, crítica á sociedade, identidade, cinismo, hipocrisía, traición, soidade... de todo hai na novela. E do que máis hai é dunha filosofía da vida, dos pormenores cotiáns baixo unha prisma talentosa de crítica cara a un mesmo e cara á sociedade que chega a formar unha sátira cruel que entenderemos grazas a -ou por culpa de- unha novela interior que desata unha engranaxe nada difícil de crer, un disparate social que resulta magnífico e tormentoso.
Tamén de cando en vez aparecen fóra dunha aparente orde fragmentos de diálogos filosóficos, onde cuestións implícitas tomarán forma a medida que avanzamos na lectura da novela, xa que achegándonos ao final todas as ideas estouparán nas mans do personaxe principal. Porque o mundo é traizoeiro, mesmo un mesmo... ou que cadaquén entenda como queira, que para iso o final é aberto.

Es una idea fallida, un feto sin formar, una semilla que ha caído en la arena, una mano sin dedos, una palabra sin vocales. Resulta ofensiva, está mal escrita, es racista y no tiene ni pies ni cabeza



Homenaxe a Chano Piñeiro (IV)

Aquí tedes a mesa redonda que o pasado xoves celebramos no IES con motivo da homenaxe a Chano Piñeiro.


Homenaxe a Chano Piñeiro from trafegandoronseis on Vimeo.

24/10/11

Contrex

Boísimo:

Contrex - Ma Contrexpérience - 97s from Marcel on Vimeo.

La niña silencio


Non sei a razón de que este magnífico libro sexa un mini-álbum, pero como o tamaño non é o que importa prégovos que o teñades en consideración. Eu cheguei a el porque as ilustracións son de Benjamin Lacombe, e iso para min xa era suficiente. Pero, ai!, cando lin o texto...!!!
Cécile Roumiguière aborda en La niña silencio -publicado por Edelvives- o tema do maltrato infantil. E achégase a el dun xeito delicado e comprometido, mediante metáforas, pero con esperanza. As ilustracións, non podían ser doutro xeito, son fermosísimas en tons vermellos, con ese toque tan Lacombe que me ten totalmente prendida do seu traballo.




Entender o sistema

23/10/11

A nena e o cabalo



Vía

Se ata Bruce...

Coma sempre, a publicidade das librarías Gandhi é xenial:








Prexudicando



E este é o vídeo que fixeron no IES Marco de Camballón de Cruces animando a ler:



Aquí tedes unha campaña francesa defendendo as librarías.

Non á violencia contra as mulleres (CCXXII)


Os homes tamén están en contra da violecia contra as mulleres. E para que o lembremos, existen asociacións coma a de 'Hombres por la Igualdad en Aragón' que convocan manifestacións para "plantar cara a la violencia machista". E é que é insoportable o número de mulleres que sofren violencia, son maltratadas ou asasinadas a mans dos homes que aseguraban amalas. Falan de que "os homes non son nin máis nin menos que as mulleres, iguais en dereitos, deberes e coidados e responsabilidades, e cómpre que sexan maioría os que rexeitan as agresións ás súas parellas.
Aquí podes ler o manifesto.

Vía

22/10/11

Homenaxe a Chano Piñeiro (III)

Unha das actividades levadas a cabo o pasado xoves foi a colocación na entrada do centro dun mural no que se explica quen foi e que representa Chano Piñeiro, mural descuberto pola Mari Luz Montes, viúva de Chano, na homenaxe deste xoves. Aquí volo deixamos:

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, tamén en Lalín


Presentou onte en Lalín Carlos Callón o seu libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos publicado pola editorial Xerais. O seu discurso baseouse no proverbio reconvertido para a nosa vila, neste día, "en vez de queixarte pola escuridade, prende unha luz", un lema para o optimismo e o bo facer, posto que de nada serve lamentarnos se nada facemos por cambiar as situacións.
Presentou o acto Luís Couto, quen asegurou que este libro é coma un Vademecum, unha guía para usar como referente nas diferentes situacións que se nos presenten cando non se recoñezan os nosos dereitos lingüísticos.
Falou Carlos Callón de como vivimos como falantes cotiáns, posto que vivir en galego non é doado, xa que a cotío topamos situacións incómodas que poden xerar conflitos se non nos resignamos.
O libro ten unha función práctica: baséase nas queixas que recibe a Mesa pola Normalización Lingüística e as solucións que se poden ofrecer. Estrutúrase en tres eixos:
- Unha guía de conduta, case coma un libro de "autoaxuda", con propostas realizables. Lembrando os tres verbos: "usar", "escoller", "solicitar", xa que o máis revolucionario para a defensa do idioma é USALO.
- Repaso legal breve, divulgativo e claro. Existe unha gran diferenza entre o que recoñece a lei e a práctica diaria, por iso é importante coñecer os nosos dereitos lingüísticos e exercelos.
- Propostas por un consumo responsable: miremos que empresas loitan polo galego, apoiemos a quen nos apoie.
Debido á afluenza de xente, puidemos rematar cun extenso diálogo entre os asistentes e os presentadores do libro, onde falamos das situacións que achamos no noso devir cotián lalinense.


Somos así... e esquecémolo

Non o deberiamos esquecer xamais:

21/10/11

Nómades



A editorial Galaxia vén de publicar estes días un precioso cómic que merece os nosos máis entusiastas parabéns, non só polo libro senón pola calidade da edición. Nómades é de Xosé Tomás, un monllo de historias curtas sobre a emigración dende a óptica feminina. Gústame sobre todo ese xeito de non rematar cada historia, deixando que cadaquén entenda ou sobreentenda a dura vida destas mulleres explotadas, prostituídas, indaptadas, agochadas...



Homenaxe a Chano Piñeiro (II)

Este é o texto que preparei para a homenaxe que celebramos onte no centro e da que vos seguirei falando:

Seguramente, a maior parte de nós, profesorado e alumnado, cando nos din que imos traballar ou estudar no IES Chano Piñeiro non cavilamos quen pode haber detrás dese nome, nin por que este centro se chama así ou nin sequera se esa persoa era de Forcarei e merece que se lle dedique un centro de ensino (dámolo por suposto). Igual nos ocorre de certo coa rúa na que vivimos, coas rúas polas que paseamos a cotío ou mesmo polos lugares que atravesamos cada día; non temos a inquedanza de procurarmos saber a que se deben eses nomes que nos acompañan nas nosas vidas.
Por iso, a homenaxe de hoxe facíase necesaria. Cumpría recoñecer, e darvos a coñecer, que o noso centro leva o nome dunha persoa esencial na historia da cultura galega, e que debemos sentirnos orgullosos disto.
A min particularmente, o que máis me chamou a atención ao afondar na figura de Chano Piñeiro son dúas frases que vin repetidas veces ao falaren da súa propia idiosincrasia:

A primeira é “Facer cine é voar
Unha frase que fai referencia ao poder dos soños de cadaquén: Perseguir os nosos propios soños. Traballar por eles. Loitar. Non abandonar ante o primeiro atranco.
O outro día lendo unha entrevista a un home deses que che devolven unha fugaz crenza na raza humana, ou mellor na humanidade da nosa raza, unha crenza que desapareceu estes días negros de incendios que arrasan Galicia coa conivencia de todos os galegos, falaba de algo que me provocou de inmediato unha estraña relación coa frase de Chano. Falaba este señor, Enrique Meneses, de 82 anos, de que cando daba conferencias e falaba coa xente nova nas universidades sempre tropezaba coa mesma frase “Non teño cartos para emprender algo”; isto débese, segundo el, a que a palabra “cartos” substituíu á palabra imaxinación. Pola contra, cando ía a África os nenos pídenlle algún regalo, e este consiste en papel e lapis. Eles dan forma aos seus soños, á súa imaxinación. Os que vivimos rodeados de comodidades substituímos a nosa imaxinación polo que xa nos vén dado.
Por iso, esta parte da biografía de Chano Piñeiro pareceume tan interesante. El soubo darlle forma aos seus soños, soubo converter a súa imaxinación en fantasía, iso que chamamos cine. Soubo andar un camiño que non tiña unha senda feita, e non se perdeu.

A segunda frase coa que me quero quedar hoxe para compartila convosco é
Facer cine en galego é necesario”.
Facer cine en galego é necesario. E facer literatura. E facer arte. E facer... a nosa propia vida.

Pídovos que loitedes polos vosos soños, que NON permitades que os destrúan, e sobre todo pídovos que NON PERMITADES QUE VOS ROUBEN A VOSA LINGUA. Porque a lingua é o noso ben inmaterial máis prezado, un ben común tan barato que por iso non ten prestixio, un ben que pode desaparecer se vós, xeracións que representades o futuro, non o salvades e loitades por el.





20/10/11

El viejo juez

Salamandra publica El viejo juez de Jane Gardam. Un libro que engancha dende o primeiro momento e que sobresae por ese desorde aparente de narración, segundo os recordos veñen á mente do protagonista; unhas lembranzas que flúen incompletos e intermitentes, ás veces coma soños, ás veces coma pensamentos, ás veces como cartas ou mesmo como información que provén de xente que viviu canda el. Un protagonista soberbio, a dicir verdade, porque baixo ese aparente señoría agóchase unha vida de morte e destrución, pero sobre todo de soidade. Algo que marca profundamente o seu carácter e que lle impedirá unha certa felicidade vital. Resulta fascinante saber algo sobre eses "orfos do Imperio" que describe o libro, así como o xeito de contarnos unha vida tan azarosa que ás veces mesmo teremos que intuír. Que distancia existe entre o que se ve dende fóra e o que se sente por dentro!
Con certos e enxeñosos toques humorísticos e irónicos, imos contemplando e completando finalmente un panorama de tristura e sentimentos rompidos por mor das circunstancias. E estas conforman un protagonista que semella fóra do mundo aínda que el se aferra a este porque desexa seguir vivindo e recuperar algo dese tempo perdido que malgastou durante case toda a súa vida.
Unha novela estrañamente cativadora.


Homenaxe a Chano Piñeiro (I)

Hoxe organizamos no IES Chano Piñeiro unha merecida e necesaria homenaxe a este director de cine, nado en Forcarei, de quen toma prestado o nome o noso centro de ensino. Comezaremos coa proxección da curta "Mamasunción" para logo pasar a ter unha mesa redonda coa presenza da súa viúva, MariLuz Montes, Rochi e Miguel Anxo Fernández. Aos tres agradecemos a súa presenza.
O acto terá a semana próxima unha segunda parte coa presenza da actriz Uxía Blanco e a proxección da longamentraxe "Sempre Xonxa".
Déixovos a curta:



19/10/11

Chromophobia

Teño a sorte de que este blogue axuda a converter en amizades a descoñecidos. Antía Marante atópase moi pretiño dun festival de animación e infórmame cada día. Hoxe tócalle a Raoul Servais, de quen vos traio -grazas a Antía- esta curta:

Fibonacci. El soñador de números



Recoméndovos este libro, coma sempre, por ser un álbum ilustrado fermosísimo pero tamén a todos aqueles que gustades das matemáticas (veño de ensinarllo a Anxo e xa me confirmou que el tamén o quere). O libro Fibonacci. El soñador de números é de Joseph D 'Agnese con excelentes ilustracións de John O'Brien, publicado pola editorial Juventud (en catalán e en español!!!). O álbum é en realidade unha biografía de Leonardo de Pisa ou Pisano Leonardo Leonardo Bigollo (c. 1170-1250), tamén chamado Fibonacci, un neno que soñaba cos números sen que ninguén o comprendese. Un home que foi un dos maiores matemáticos da historia, coñecido sobre todo pola secuencia Fibonacci. Un libro moi interesante dende o punto de vista divulgativo e biográfico: deses que non abondan. Libros coma este son necesarios, ogallá se publicase tamén na nosa lingua.
Porque soñar, aínda que non te comprendan, é importante, e non se debe renunciar aos soños.




As ilustracións son verdadeiras obras de arte.



Ao final trae xogos matemáticos de moita utilidade nas aulas.

Aquí podedes ver un vídeo sobre o libro en inglés.


O único refuxio

A educación é o único refuxio para os nenos da rúa. Doa libros.



La educación es el único refugio para los niños de la calle. Dona libros.



Education is the only refuge for a street child. Donate books.




Vía Desequilibrios

One Minute Puberty

Fantástica esta curta animada que explica sen necesidade de palabras todo que sente un adolescente, ese difícil paso á idade adulta...

One Minute Puberty from bitteschön.tv on Vimeo.



Vía Recogedor

18/10/11

La mirada circular

Un pesadelo dun día normal:



Vía

Metamorfosis en el cielo


A terceira novela de Mathias Malzieu, publicada igualmente por Mondadori, titúlase Metamorfosis en el cielo. Seguimos novamente ante un conto especial, como fixera nas dúas obras anteriores, un conto de amor e morte. Recoñezo que aínda sigo buscando aquela emoción que experimentei cando lin a súa primeira novela, e que vou perdendo a medida que anvanzo nas súas lecturas. Vaime decepcionando pouco a pouco, pero comprobo asemade unha certa adicción a este xeito de narrar tan diferente: a mestura de fantasía e realidade e as formas de afastar a dor ante unha morte inminente envolto todo nunha atmosfera diferente e case irreal.
Así que toparedes novamente maxia e fantasía, ademais dun diferente sentido do humor, claves en todos os seus libros, así como unha historia de amor fascinante que mestura aquí coa dor da enfermidade que logra converter en poesía.





Saír recortando

Publicidade titulada "Cres que da crise só se sae recortando?" realizada por "Un mundo más justo"



Vía Recogedor

17/10/11

Elvis

Unha curta de A Large Evil Corporation sobre a existencia posible do gran mito da música Elvis Presley. Está claro que segue vivo e que lle gusta o té, aínda que se sente só.


Elvis from A Large Evil Corporation on Vimeo.



Ah!, non lembro onde o vin!
Pero veño de topalo novamente aquí e tedes a letra da canción.

Una esposa de fiar

Baixo este título tan pouco atraente agóchase unha fermosa novela que constitúe unha historia sobre a desesperación. Robert Goolrick é o autor de Una esposa de fiar publicada por Salamandra. Os seus protagonistas son enrevesados, sorprendentes, lonxe de seren eses personaxes planos que podemos atopar en tantas outras novelas; cada mirada, cada xesto, cada palabra ou cada pensamento é importante. E o lector percátase de que unha vez comezada, está "castigado" irremediablemente a proseguir a lectura dun xeito voraz. Tanto, que ese final pouco soprendente deixa a alma nun permanente sobresalto que pervive un tempo despois de pechado o libro. Chama a atención que nesta novela se traten algúns temas como primordiais. Xa dixemos que a desesperación é un deles. Pero tamén está a culpabilidade: todos os personaxes teñen algún motivo para sentila.. E o desexo de perdón. E a sexualidade, que subxace detrás de cada xeito de mirar, de tocar ou de sentir dos personaxes principais; e destaca porque esta sexualidade é fonte de pracer e de culpa, terapia de vidas dilapidadas e terapia de emocións e sentimentos.
E que dicir doutro gran tema, a loucura. Un tema que se agocha nunha vida rural que provoca suicidios e asasinatos, pero que tamén está presente, axexando e intimidando, a vida dos personaxes principais. Porque todos somos susceptibles de caer nela. Porque é moi feble a liña que afasta loucura e cordura.
Pode semellar ás veces algo repetitiva, ese xeito de dar voltas constantes á autoculpa, pero é unha lectura que, de seguro, apaixonaravos.

Era increíble la cantidad de cosas que se podían llegar a aprender en una biblioteca. Simplemente buscándolas. Aprender se convirtió en su razón de ser. Le gustaba el aroma de los libros y las páginas impresas, la perspectiva interminable de lomos en los anaqueles y, sobre todo, la idea de que el mundo era infinito pero cognoscible. Cada cosa que aprendía daba paso a una nueva pregunta, y para cada pregunta había otro libro.

Arde Galicia

Xa temos falado deste tema e segue sendo unha das miñas teimas, teima que se está a converter estes días nun desastre medioambiental de enormes proporcións, algo do que ningún medio oficial informa pero do que tod@s falamos nas pequenas tertulias. Vivimos baixo un manto de fume e choven muxicas, o único que pode caer tras días e días de incendios continuados. Unha situación que se prolonga no tempo pero que ata agora semellaba non ser demasiado importante, posto que non vin nas redes sociais ningunha mención ata hai un par de días. Un desastre ecolóxico tan ou máis importante que o de Prestige e o mutismo é absoluto. Por que non hai ningunha manifestación? Por que non se pide un máximo rigor? Onde está a intelectualidade que nos chama á acción noutras ocasións?
Eu estou indignada. Indignada cun país que queima. Indignada cun país que cala. Indignada cun país que acepta. Indignada cun país que sen formación vive resignado pase o que pase. Indignada cun país que destrúe canto posúe para quedar sen futuro.
Falando con xente que supostamente sabe -con cultura-, con profesorado, axentes forestais... a miña indignación vaise volvendo maior. Teño que oír cousas como que "non hai quen apague", "o monte non se dá tido limpo", "non se dá vixiado", "sempre houbo incendios"...
Cal é a raíz do problema? Xa dixemos unha vez que a clave de todo é a formación. Pero... canta formación necesita este país? O outro día, mentres escoitaba tales afirmacións, tentei explicar o meu razoamento cunha metáfora: se un día me doe unha moa, tomo un analxésico para a dor; se ao día seguinte me volve doer, tomo outro; ao terceiro día de dor vou ao odontólogo para extipar a raíz do problema, para buscar unha causa e unha solución. Pois cos incendios ocorre o mesmo: si hai que apagalos, pero o que hai que impedir é que se produzan. Pero semella que isto en Galicia é misión imposible. Por que non o é noutros lugares que teñen tanto ou máis monte ca nós?
Se entre a poboación é grave o que ocorre, máis grave se volve se miramos cara ao goberno. Ulo? Lembro que antes de gañar as elección vimos unha foto do presidente elegantemente vestido apagando un lume. Onde está agora este señor? U-lo goberno que resolva o que un país atrasado destrúe?
Levamos anos escoitando que o único xeito de coidar o medio ambiente é plantando árbores e coidando as que hai. En Galicia -non podía ser doutra maneira- facemos xustamente o contrario: queimamos as poucas árbores que van quedando. A cultura dun país mídese polo respecto ao medioambiente da súa poboación. Non quero ver eu un cadro indicativo da nosa cultura: dáme demasiada vergoña.
Este planeta non pode dar máis de si. Os humanos destrúeno pouco a pouco. Os galegos fano de vez.

Reproduzo unha frase que oín pronunciar a unha persoa achegada falando cuns nenos:

"As árbores, coma os libros, só lle fan ben á xente".

Agora só falta queimar libros para que o atraso sexa completo.

16/10/11

Destino

Curta do ano 2003 de The Walt Disney Company. A súa produción comezou no ano 1945, froito dunha colaboración entre Walt Disney e o pintor español Salvador Dalí. A música é do compositor mexicano Armando Domínguez e interpretada por Dora Luz. O proxecto foi cancelado polos problemas financeiros durante a Segunda Guerra Mundial da Disney Company -e porque non se entendían entre eles, segudo parece-.
A curta é reconstruída a partir das pinturas e debuxos de Dalí; unha face semellante á de Gala anímase con rasgos das princesas Disney e baila mentres o mundo se destrúe en pesadelos dalinianos.



Vía Baúl de cortos

Blancanieves



Por fin!!!
Xa o teño!!!
O último libro ilustrado por Benjamin Lacombe é Blancanieves, cuxo texto é dos irmáns Grimm e publícao Edelvives. Por suposto, o libro xa o coñecedes e nada temos que dicir sobre o amor ou a morte, os ciúmes e a bondade dos que fala o libro. Hoxe celebramos esta versión polo ilustrador, que -presumiblemente- é un dos meus preferidos (aínda que teño uns cantos, a verdade...).
Nesta versión combina as súas fermosísimas ilustracións (con ese aúrea de tristura que lles dá habitualmente) en cor




con outras en lapis e en branco e negro:


Unha auténtica preciosidade!!! (creo que o comería se puidese)

Ledes este post, paga a pena.

El hijo


Un cómic impresionante este El hijo de Mario Torrecillas e Tyto Alba, publicado por Glénat. Dos mellores que teño lido ultimamente.
Unha historia dura da posguerra civil onde atopamos continuamente personaxes crueis e un drama constante da vida sumida na pobreza e no medo. Aínda que hai algún atisbo de esperanza grazas a certos personaxes que cren no amor por riba de dificultades e situacións. Os debuxos chaman a atención, un tanto expresionistas, e esa incansable búsqueda a través da néboa mentres observamos a miseria e crueldade continua... Unha historia máis das feridas que procuran as guerras, da dor, da relación filial, todo xunto nunha novela gráfica que non poderemos esquecer.
E se queredes escoitar os autores, podedes facelo escoitando esta entrevista premendo aquí.


Non á violencia contra as mulleres (CCXXI)

Nova campaña ministerial, "non saltes os sinais, elixe vivir", "No te saltes las señales, elige vivir":






15/10/11

5000

Queremos celebralo convosco. Semella incrible, pero o número non é erróneo. Son 5000 os post que podedes ler neste blogue. Botamos a vista atrás, a ese verán do 2007 no que comezamos a traballar con tanta ilusión nesta nosa e vosa casa. Miramos en derredor e pensamos: "Temos que perseverar. Hai tanto por facer!". E continuaremos, mentres saibamos que para un de vós somos importantes. Queremos seguir loitando por un mundo mellor. Dende este humilde recuncho, coas nosas pequenas voces na inmensidade do universo, procuraremos avanzar na busca dun mundo máis humano, máis culto, máis concienciado, máis formado, máis igualitario e pacífico.
Grazas a todas e todos por estardes aí, do outro lado, en silencio ou tomando a palabra. Por seguirnos nas redes sociais e por espallarnos.
5000 entradas
5000 grazas
5000 apertas
5000 desexos de igualdade
5000 motivos para visitarnos



A Galicia 'desaparecida'

Boísimo, coma sempre, o artigo de Manolo Rivas. Cumpriría que falase tamén dos incendios... xa que semella que non importan a ninguén.

Unha cousa curiosa que está a pasar coa realidade en Galicia é que cada vez é mais pequena. Todos estamos atentes á illa canaria de Hierro, porque alí a terra quere parir un monte máis, expandirse un anaco. Pois a min aínda me parece máis noticia o fenómeno galego. Cada día desaparece un cacho. Como a realidade mingua, tócalle a vez polo visto á Galicia virtual. Os traballadores da CRTVG avisan da situación de perigo dos medios de comunicación públicos. Unha esaxeración, segundo os directivos do ente. Pero resulta que dous dos profesionais que participaron como presentadores nun telexornal reivindicativo veñen de ser desaparecidos para o programa previsto para as eleccións do 20-N. Velaí. Non é pois unha metáfora isto que digo de que Galicia é cada vez máis pequena. Se desaparecen os bos presentadores de televisión, como Alfonso Hermida e Ana Pérez, o que non estará a pasar no país invisíbel!

Un dos pensamentos máis aproveitadas da Xeración Nós, unha desas "imaxes do desexo" que ancoran na memoria colectiva, foi aquel ao que deu forma de xeito eficaz Vicente Risco: "Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena; es ti, que endexamais poderás concibir nada grande". Vai ti a saber o que tiña na cabeza Risco naquel intre, mais a idea en si ten chispa contemporánea, é luminosa para o noso tempo. O tamaño non é o importante, agás na visión pornográfica da xeopolítica ou viceversa. Máis ben ocorre ao contrario. O maior benestar dáse nos países que non teñen complexo de tamaño nin saudades imperiais. Onde o importante, como nos círculos da cidade-xardín concibida por Ebenezer Howard, son as persoas, os servizos da comunidade, e os lugares de educación, traballo e lecer, todo unido en rede por transportes públicos e abeirado todo por sucesivos aneis de espazos naturais.

Pero volvendo a Risco, eu non vou facerme o chosco, seguindo a oftalmoloxía dominante no Antigo Reino, e proclamar que Galicia é pequena. O que si digo é que cada día vai a menos. Unha cousa é a crise e outra esta apoteose do ilusionismo, arte máxica coñecida tamén como O Escamoteo. A verdade é que sempre se falou de nós como un país máxico. Eu pensaba que se referían a unha estreita relación co transmundo, á persistencia da bruma, ao latexo panteísta, e tralalí e tralalá, manabú e manacá, que diría Chico César, mais non. Cando a xente estaba a dicir que Galicia era un país máxico estaba a pensar nun sentido absolutamente práctico. A maxia branca e mais a negra. A primeira grande arte; a do Escamoteo. Hai o escapismo, hai a prestidixitación, pero a arte máxica por excelencia é a do Escamoteo. O primeiro truco que mostra se hai madeira de mago ou non é o facer desaparecer unha moeda. Nin pomba, nin coello, nin andrómenas. De súpeto descubrimos que somos unha potencia mundial no Escamoteo.

É tanto o vicio que están escamoteando Galicia enteira. Dentro de pouco, imos ter que andar todos por cordas do zurcido dun país invisíbel.

Pobre país, si, o que cifra toda as súas esperanzas no AVE que o leve a Madrid! Mentres, en ningunha cidade galega se está a construír o tranvía e nas áreas metropolitanas os concellos de taifas son incapaces de pórse de acordo para o transporte público e crear e partillar outros servizos que suporían eficiencia e aforro, no camiño dunha Galicia posíbel que fose un modelo de cidade-xardín. E como o Goberno da Xunta aínda non chegou ao mínimo óptico de diferenciar soños e pesadelos, pois ninguén tira dese país posíbel, e os arqueólogos do futuro abandonado movémonos nun lugar que cada vez ten máis a forma dun Arquipélago do Caos que afoga os gromos de Cidade-Xardín, como os eucaliptais fan dos minguados espazos da biodiversidade un país invisíbel.

Non falo só do territorio físico, senón do mundo que chamamos Galicia, dese tecido de soños e sombras que urde a realidade, dese lugar que agora semella poboado por arqueólogos dun futuro abandonado. Pasamos en pouco tempo dun proceso de construción a un de deconstrución. Lembran? Galicia pasou de ter a sorte dun idioma propio, a ter un problema lingüístico do que había que operarse. Anos perdidos, enlamados nesa derrota do pensamento. Un país enguedellado nun meigallo divisorio. Hai algo máis triste que facerlle crer a unha xente que a lingua que herdou é algo prescindíbel, unha eiva! Dos fillos de solteira dicíase noutro tempo que eran "fillos da silveira". Pois así somos, neste tempo, neste país, os que falan o idioma galego: fillos da silveira. Ben pensado, é o mellor sitio onde se pode estar. A cantar na silveira como un paporroibo, como unha chasca.

Non digo que todas as cousas vaian a peor. Eu non vou competir en tristura con ninguén. Non vou participar no campionato da Apocalipse Final, porque ficaría de penúltimo. Podería dicir que son optimista por natureza. Miña nai contoume que cando nacín foi case dun chimpo. Non todas as cousas van a peor, pero todas van a menos. E un non é que teña grandes pretensións en canto a tamaño, mais tampouco aspira a ser cada vez máis pequecho. Nin a ver como mingua a realidade. Un día encóntraste sen a sala Nasa. A outro espertas e xa non hai Códice Calixtino. Ao seguinte, vas ao caixeiro e xa non hai Sistema Financeiro Galego. E agora? Pois vas á pantalla e xa non hai presentadores.

Ao tempo do escamoteo, volve esa sensación de ser periferia periférica. Porque unha cousa é que vivas no que os outros chaman periferia, pero outra cousa ben distinta é que ti te sexas periférico. A periferia é unha cousa psicoxeográfica. Hai quen se sente periférico en Galicia porque pensa que o centro está en Madrid, mais tamén hai quen se sente periférico en Madrid porque pensa que o centro está en Nova York. Así que a periferia e o centro, dalgún xeito, están na nosa cachola ou cosmovisión. Petisos, periféricos e máxicos! As desgrazas nunca veñen soas. Y aún por riba Arturo Mas que no nos entiende en castellano.


14/10/11

Curious Times

Sentir curiosidade para descubrir novos mundos:



Vía

Veinticuatro horas en la vida de una mujer


Con esa delicadeza á que nos ten acostuamd@s Stefan Zweig, Veinticuatro horas en la vida de una mujer, publicado por Acantilado, é unha novela curta na que non sobra nin unha soa palabra, con esa prosa sinxela propia de Zweig que desenvolve con mestría nun libro cuxo argumento pode ser case "folletinesco", transportándonos a unha sociedade diferente en tan só poucas liñas. Unha sociedade que premia só os comportamentos "axeitados" a unha convencionalidade que nos semella moi afastada, unha sociedade que castiga cruelmente calquera acto de paixón ou "desequilibrio" moral. O libro deixa moi claro cal é a vida das aparencias, e que esas aparencias son as que se deben respectar para poder vivir en paz cun mesmo. Esa concepción arcaica do bo e o malo é o que procura unha continua tensión na novela e que a pesar da súa moralina a convirta nunha pequena xoia da literatura. Coma calquera libro de Stefan Zweit. Ten ese don.

Con mi salud no se juega

Debuxos de Jordi Lafebre. Cores, por Mikel Montlló e Oriol Hernández. Unha curta que denuncia o monopolio da distribución farmacéutica.

13/10/11

The Goat and The Well

The Goat and The Well from Benjamin Cady on Vimeo.



Vía

O álbum na literatura infantil e xuvenil (2000-2010)

A verdade é que tan pronto souben da súa publicación, procureino. E dende aquela ábroo case todos os días, para aprender un pouco máis e para coñecer álbums dos que non sabía sequera a súa existencia.
Coordinan o volume publicado por Xerais Blanca-Ana Roig Rechou, Isabel Soto López e Marta Neira Rodríguez: O álbum na literatura infantil e xuvenil (2000-2010) preséntase baixo a Rede temática 'Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano' (LIJMI). Un estudo para reflexionar sobre eses libros que tanto amo: os álbums ilustrados. Eses libros que non son só infantís e o demostran cada día máis e máis títulos sorprendentes.
O libro comeza cun estudo que expón as características do álbum e as súas orixes. Logo aprenderemos tamén sobre a produción artística dos álbums e tamén hai unha "Selección de álbums inesquecíbeis" así como unha "Selección para a educación literaria" que deixan constancia -moi ao meu pesar- da cantidade de álbums que descoñezo.
Ocupa a maior parte do libro os "Comentarios para a formación lectora" onde se repasan un por un moitos libros que existen en todas as linguas do estado, pero non todos están, desgrazadamente, traducidos á nosa lingua.
O libro enteiro é un manual imprescindible para quen queira achegarse a este mundo e para darlle a importancia que merece ao álbum, malia que moito profesorado de secundaria pense que só son libros de infantil que non teñen cabida nos seus centros de ensino.
Un defecto de edición: creo que é unha mágoa que as imaxes non teñan outra nitidez, xa non a cor, senón que se vexan máis claras, posto que as ilustracións recollidas e as portadas perden moito na calidade que se lle deu na impresión final.

Non é un xogo

"No es un juego" é unha curta que fala da inmigración dende un punto de vista totalmente irónico. Premio especial no concurso "Europa en construción" organizado por Digital Plus.

12/10/11

Que quere dicir virxe?

Ás veces, todo é máis fácil do que aparenta:

Lydie

Jordi Lafebre y Zidrou son os autores deste fermosísimo cómic, Lydie, publicado por Norma.
Un libro marabilloso, tanto polo debuxo como polo tema (e mesmo pola propia dedicatoria do autor): un milagre de solidariedade que dá pé a que unha persoa poida ser máis feliz. E esta solidariedade é de por si un milagre: o milagre do sorriso na face dunha nai; o milagre do amor; a sedución dunha rúa que loita en común.
O libro é todo en si unha preciosidade: o debuxo, a palabra, todo está posto en pro dunha sensibilidade especial que esperta só con ver a portada, posto que nesta xa ves o que non existe. Un relato para falar da morte e de como esta está presente continuamente entre nós, de como debemos aprendemos a convivir con ela e de como podemos axudar a quen o necesita. O toque caricaturesco vén dado pola voz narradora: unha pequena imaxe dunha virxe que hai na rúa onde transcorre a historia. Unha imaxe que, por certo, tamén ten a súa propia historia que contar.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.