Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/11/14

RAYDEN - MATEMATICA DE LA CARNE

Aquí queda, porque lle gusta tanto ao meu Anxiño:

Vestido de novia

Un día, non hai moito, cheguei, coma cada día, á casa paterna e meu pai díxome dándome un libro: "toma, é para ti, a min non me gustou; logo xa me contarás. É moi complicado". Tróuxeno e aparqueino coma tantos outros na mesa de noite. Logo, vin que é un dos libros estrela da temporada.
Días despois veu o Xefe de Estudos onda min á biblioteca: "Estou lendo un libro que me ten enganchado. Unha pasada". Resultou ser o agasallo de meu pai.
Así que pasado o 25N e o meu cansazo, collino. Ao comezo, non me encandilaba. Pero ao chegar á segunda parte (ten catro), aquilo volveuse pernicioso: imposible marchar a corrixir e pousar o libro. Pero non pode ser!
E aquí está. Pierre Lemaitre consegue en Vestido de novia (publicado por Alfaguara) unha lectura envolvente que atrapa o lector e que dá unhas cantas voltas ao concepto de novela negra. Falamos dun thriller psicolóxico que consegue perturbar o lectorado, que desconcerta e que consegue transmitir a impotencia e o desasosego dun xeito inquietante. Todo isto a base dunha trama que produce calafríos con frases curtas e poucos artificios retóricos, pequenos capítulos nos que sempre ocorre algo. Unha trama que se vai ganduxando pouco a pouco, con fíos finos e invisibles que atan coma cordas a mente do lector a medida que avanza o libro. Porque hai momentos nos que asfixia e hai que parar a respirar sen pensar demasiado e procurando non pórse no lugar da protagonista, atmosfera tensa e agobiante que traspasa as páxinas do libro para chegar á nosa propia casa.
Quizais o final sexa demasiado feliz. Ou non. Porque ben nos cómpre, digo eu.


Non á violencia contra as mulleres (CCCXC)

Boísimo vídeo de Amnistía Internacional de Francia:

Ne restons pas muets face aux violences conjugales 

29/11/14

Iremos a Culturgal

Sempre hai moitos motivos para ir ata o Culturgal. Neste programa toparédelos:




Martín y la luna

Fermosísimo este pequeno álbum que publica Fondo de Cultura Económica de Sebastian Meschenmoser: Martín y la luna destaca pola riqueza expresiva que aportan as súas ilustracións a lapis contando unha historia que semella unha lenda sobre a lúa e a súa posible orixe. Nela, un encadeamento de personaxes e sucesos fan do libro unha delicia memorable. 
Alguén pode roubar a lúa? Ou esta pode caer soa?


Libro do Mal Amor (V)

Seguimos co noso proxecto estrela, que tantos alegrías nos devolve. Catro entregas anteriores dan idea de que estamos ante un traballo exquisito. Desta volta acompáñannos os Haikus de Alfredo Ferreiro, María do Cebreiro, Mercedes Queixas Zas, Raúl Vacas e Rosa Aneiros. Todos eles ilustrados pola incomparable artista Mar García.






28/11/14

The Last Bookstore

Isto é o que pasa nunha libraría cando non sei vai.
Hoxe é o Día das Librarías.

Mi cajón favorito



Chega un libro moi especial, recoñezo que teño debilidade por este autor: Decur. Un álbum alongado con funda que publica Thule baixo o nome Mi cajón favorito. Incrible o que un escritorial pode dar de si! E é que cada caixón ten a súa propia historia, ou miles de historias, agochar miles de vidas en cada un dos seus obxectos, e algunhas delas é quen de atrapalas Decur cos seus debuxos e os seus pinceis. Abride este caixón-libro para atopar todo tipo de personaxes que desprenden tenrura... e moitos máis caixóns.


Nadie Pide Ser Abusada

27/11/14

Anuncio TV 2014 bq

El libro de la suerte


Publicado por A buen paso este orixinal álbum de Sergio Lairla con ilustracións de Ana G. Lartitegui, El libro de la suerte é un álbum dobre porque podemos comezalo por diante ou por atrás; por un lado temos a historia do señor Buenaventura, un nome que dá idea do personaxe que imos topar, unha persoa ordeada e que toma a vida con optimismo, a quen lle van saíndo as cousas ben. Por outro lado temos ao señor Malapata; o nome non deixa lugar a dúbidas: sempre lle sae todo mal e sempre vive de mal humor, enfróntase a todo e a todos.
O curiosos é que viven no mesmo edificio, aínda que non se coñecen. E aínda máis curioso será que marcharán de vacacións ao mesmo lugar. Claro está: vivirán semellantes situacións pero antitéticas, con diferentes puntos de vista e sen saber canto comparten. 
E haberá que estar atento ás ilustracións, un prodixio de detallismo que nos pasean dunha historia a outra, dunha vida a outra. Xa dende a portada e a contraportada, sexa cal sexa unha ou a outra.
Sabemos botar a vista atrás e aprendermos?

26/11/14

Antes de comprar

Antes de ler a etiqueta, deberás sabelo:

La Próxima Vez Que Veas La Etiqueta De Tu Ropa Nueva, Te Gustará Leer Esto También

25/11/14

25N nas bibliotecas escolares

O maltrato nin en pintura en Bibliolucus.
Ligazóns en Biblogcañiza.
Selección de textos no IES de Ribadeo.
Nós tamén damos a cara, no Recanto de Mik. E "polas mulleres".
A Historia en feminino en biblioBN. Asemade, Guía de Lectura.
Crestomatía poética no IES San Paio.
Non es mellor por usar a violencia na Biblioteca Rosalía de Castro. Cada día é 25 de novembro.
BiblioBN: Contamos a Histora en feminino.
Biblosvivos: recursos.
IES Ribeira de Louro: En contra. Poemas. Homenaxe a Malala.
Biblifonsa Fontem Albei: Seguimos coa mesma canción.
O lar de Frianciño: o maltrato é cousa de nenos.
CEIP Alexandre Bóveda: Suxestións.

O Día Laranxa.

"O Monstro" de Daniel Martin, traducido ao galego e con actividades e recursos para Educacion Infantil e Primaria. Equipo de Convicencia do CPI Ponte dos Brozos de Arteixo.

Pequena aportación contra a violencia

Tanto Anxo coma min estamos comprometidos con algunhas causas que nos parecen primordiais. Ben se ve polos contidos que podedes revisar no blogue. Se a Violencia de Xénero é unha das peores lacras sociais, nós estamos empeñados en poñer un granciño de area para tentar que desapareza. Así que un clásico é facermos un vídeo contra este tipo de violencia no Día da efemérede; este ano quixemos centrarnos na violencia que atinxe a adolescentes e xente nova. Esa violencia que medra grazas a novelas e filmes que falan dese mito do amor romántico que converte as mozas en seres vulnerables.

 

24/11/14

Libro do Mal Amor (IV)

Imos xa pola cuarta entrega, o traballo non remata, pero... aínda somos incombustibles! Desta volta, Haikus de Yolanda Castaño, Mª Xosé Queizán, Rosalía Fernández Rial e Xina Vega. Ilustra Mar García os tres primeiros.  Arancha ilustra os haikus de Antón Riveiro Coello, Helena Villar Janeiro e Jesús Ge. Novamente, moitas, moitas grazas a todas.








Nos vemos allá arriba

Cando todos e todas pensabades que Carme nos esquecera... volveu! Con gran ledicia pola miña parte, posto que a botaba moito de menos. Así que aquí está, con renovadas enerxías e paixóns. Desta volta vainos falar dun libro absolutamente descoñecido para min: Nos vemos allá arriba de Pierre Lemaitre, publicado pola editorial Salamandra.
Moitísimas grazas!




“Todos los que pensaban que aquella guerra acabaría pronto, habían muerto hacía mucho tiempo. Precisamente a causa de la guerra”.
Así comeza Nos vemos allá arriba, de Pierre Lemaitre (Salamandra, 2013), novela multipremiada que non decepciona, pero que amosa algúns desaxustes, froito non sei se das présas ou dun afán peliculesco. Tres tempos: novembro de 1918, novembro de 1919 e marzo de 1920. Tres personaxes principais masculinos que ven confluír as súas vidas na contenda bélica do 1914. Albert Maillard, contable anodino; Édouard Péricourt, rico, riquísimo fillo de papá con grandes dotes para o debuxo e, por último, Henri d´Aulnay-Pradelle, ruín e ambicioso (no sentido máis pexorativo do termo).
                Novela clásica na súa estrutura, presenta un narrador omnisciente que realiza frecuentes apelacións ao lector/a . Cun ritmo moi áxil , vai tecendo unha historia onde a guerra se aproveita como negocio,  entrecruzándose fíos de agradecemento, tormento, falta de escrúpulos, arribismo, corrupción e  miseria humana.
                As mulleres, Pauline e Madeleine, semellan ás veces simples marionetas movidas pola aparencia e a frivolidade, aínda que a segunda, nunha parte da novela, sorprende  e dá ganas de aplaudila polo que fai. Pero vai ser  Marlin, funcionario antiheroico quen, na páxina 247, leva a cabo algo que, nos tempos que corren, non deixa de resultar  insólito por inhabitual.
                Novela negra, sentimental, psicolóxica, picaresca (con respecto a este último tipo de novelas, o autor ten mencionado ao Lazarillo de Tormes como o seu modelo narrativo), que presenta no seu final unha escena un tanto rocambolesca e moi pouco verosímil, mais isto non impide que a súa lectura deixe, no remate, a impresión de ter aprendido algo máis sobre a condición humana.

Non á violencia contra as mulleres (CCCLXXXIX)

Dende Pontevedra, carteis rotundos, significativos e verdadeiros:




23/11/14

Un matrimonio provinciano

Aproveitei a longa espera para entrar no médico para ler gran  parte deste curto libro -dende que estou no novo centro apenas teño tempo para a lectura. E como o gocei! Iso a pesar da atmosfera oprimente que Marquesa Colombi nos presenta en Un matrimonio provinciano publicado por Hugin & Munin, editorial que segue a sorprendernos pola descuberta dos seus textos e pola calidade das súas traducións. Unha novela feminista porque constitúe todo un alegato contra a condición da muller alá contra finais do século XIX; a moza protagonista ten un único degairo para poder fuxir do aborrecemento no que vive: casar. Desta única cuestión deriva a agochada reclamación de cambio nesa sociedade: unha chamada -urxente- á rebelión feminina. E que esta rebelión pase así, en crequenas, polas páxinas do libro é o mérito máis importante.
A opresión familiar e social na que viven as mullers é tal que a moza protagonista namora mesmo sen coñecer o obxecto de tal namoro, unha visión posible en actos relixiosos e un maxín constante durante ese gran tempo de soidade no que vive mergullada. Non se cuestiona nada, é por iso que ese pensamento machista social, familiar e persoal, queda descualificado dende a primeira folla. Así que unha novela ben afastada no tempo segue vixente aínda hoxe, salvando as distancias. Cal é o papel real da muller na nosa sociedade? Foxe a muller da soidade establecida como algo cruel e tenta aínda hoxe casar por riba de todo?
Unha lectura que vos recomendo, xaora!



Non á violencia contra as mulleres (CCCLXXXVIII)

22/11/14

Barcelona en tranvía

En dous días teremos connosco a Caspervek Trío
Outro exemplo do que fan poñendo música ao cine mudo:
Xoia das orixes do cinema español, precursosa das sinfonías urbanas, esta curta é do catalán Ricard de Baños, un dos poucos exemplos do cine impresionista.


O rabaño

A editorial La fragatina publica na nosa lingua este álbum de Margarita del Mazo con ilustracións de Guridi aportándonos un novo punto de vista sobre como conciliar o sono. En O rabaño, as ovellas teñen unha vida moi doada, xa que non deben pensar nin saltarse o mandado, é dicir, comer, durmir... e axudar a durmir. Que é unha tarefa ben importante! E para axudar aos humanos, só hai que saltar en ringleira e coa numeración apropiada. Pero que ocorre cando unha se rebela, converténdose nunha ovella negra?


La Última Gota

Curta coa que o colectivo feminista "Las Tejedoras" quere amosar situacións que cada día viven mulleres cando denuncian aos seus agresores e acoden aos xulgados "especializados" en violencia de xénero.


21/11/14

Le Son des Flammes

Sen palabras e marabillosa música


Vía

Libro do Mal Amor (III)

Pasiño a pasiño, imos realizando o noso Libro do Mal Amor. Despois das dúas primeiras entregas, chega a terceira. Desta volta, cos Haikus de Chisco Fernández Naval, Dores Tembrás, Francisco Castro, María Reimóndez e Xoán Babarro, As marabillosas ilustradoras, Mar García e Arancha.
Grazas, moitas grazas a todas e a todos.







20/11/14

Inventario ilustrado de animais con cola

Xa estamos acostumad@s a coñecer os animais grazas á editorial Kalandraka e da man de Virginie Aladjidi e Emmanuelle Tchoukriel; desta volta son animais con cola os que podemos contemplar neste fermoso libro que nos ilustra ademais sobre algo que quizais non souberamos: apra que serve a cola?. Inventario ilustrado de animais con cola ensínanos que esta serve mesmo para defenderse, para atacar... e a importancia que para eles supón a súa existencia. E é que a Natureza é moi sabia, e se lles puxo cola non foi por antollo senón por algo ben especial. 40 especies de animais que habitan en todo o planeta, incluída, por suposto, a nosa terra; o inventario é tan completo que nos trae ademais do nome común o nome científico, a súa clasificación zoolóxica e logo a utilidade da cola, que é no que se centra este libro que temos entre as mans.
Aprender é ben divertido con estes libros que son imprescindibles nas bibliotecas escolares, tan faltas de libros de divulgación científica en galego.




No al acoso sexual callejero

19/11/14

La Grenouille

 O martes 25 de novembro entre as actividades que a biblioteca do IES Laxeiro organiza para conmemorar o Día contra a violencia de Xénero, teremos connosco a Caspervek Trío. Recoñezo que cando os vin e os escoitei deixáronme pampa, polo que me sinto feliz de telos no centro proximamente. 
Veño de ver no seu Facebook que poñen música a cine mudo, como nesta ocasión a Segundo de Chomón, nunha das súas curtas de título "La Grenouille", unha tola e inverosímil fábula de 1908.


Mis robots en Pijarama

Volve deleitarnos a editorial Kalandraka cun destes libros-artefacto con xogos ópticos como o do "ombro-cinéma", ilusión do movemento provocada pola persistencia da retina: a capacidade do ollo para gardar na memoria durante unha fracción de segundo unha imaxe que acaba de desaparecer. Ou sexa, o que hoxe coñecemos como o "flip-book.
Michaël Leblond e Frédérique Bertrand conseguen neste Mis robots en Pijarama un libro futurista onde os protagonistas son enxeños tecnolóxicos e o propio lector, xa que este poderá realizar algunhas das variadas propostas que presenta o libro para interactuar con el. Así que o libro deixa de ser un obxecto para converterse asemade nun xoguete ben especial: aquel que permite crear un robot a gusto de cada un. Aí é nada!

Libro do Mal Amor (II)

Xa vos falei o outro día deste proxecto que estes días ocupa o noso tempo e as nosas mentes: o Libro do Mal Amor, Haikus contra a Violencia de Xénero.
Amosámosvos daquela cinco haikus ilustrados. Nesta segunda entrega, van catro: de Ana Mª Fernández, Juan Carlos Martín Ramos, Concha Blanco e Miro Villar. Moitas grazas por participar.
Como vedes, dous están ilustrados por Mar García e outros dous por Arancha Diñeiro: grazas polo voso magnífico traballo!







18/11/14

Erradicar a caza ilegal en África

Jackie Chan comprometido contra a caza indiscriminada de animais salvaxes en África nunha campaña da Fundación Vida Silvestre de África, na procura de deter o comercio ilegal da venda de corno de rinoceronte.


Watch more La Venta videos on Frequency

17/11/14

Rhapsodie pour un pot-au-feu

Quen é ese becho?

Divertido álbum de Carmen Queralt publicado por Kalandraka para primeiros lectores en cartón duro: Quen é ese becho? percorre en cada páxina diferentes bechiños de cores e tamaños, formas e aparencias. O feito de estar escrito en maiuscúlas facilita o acceso dos nenos e nenas que estean comezando a ler. A sopresa final descobre un sorriso agochado entre esta fauna proposta facendo que cada persoa que teña na man o libro sexa o verdadeiro protagonista.

Depuis la chute du Mur de Berlin, des murs ne cessent de se dresser

Fermosísimo vídeo de Amnistía Internacional de Francia, realizado con motivo do aniversario da caída do muro de Berlín



Pero quedan moitos muros por derrubar.

16/11/14

Entre maestros

Buscando Haikus

Ando con haikus esta temporada! Así que, que mellor lectura que este Buscando Haikus de Fran Nuño que publica Voces de tinta. Oitenta haikus que, asegura o autor, son base para obradoiros de iniciación á lectura e á creación de haikus. Haikus clásicos que falan deses pequenos detalles que poderían pasar desapercibidos nos nosos paseos, tanto pola cidade coma polo campo, pero que a ollada atenta de Fran Nuño e a súa pluma non permite que fuxan para apresalos en tres versos de emoción contida.


El árbol podan,
atreverse a posarse
ni un solo pájaro.

Lento paseo,
se cruza en mi camino
un caracol.

El viejo ombú
con las ramas su sombra
casi rozando.

Llena de lluvia
la piscina del niño,
dos gatos beben.

Non á violencia contra as mulleres (CCCLXXXVII)

15/11/14

George Grows (Boy turns into Man)

O paso do tempo
Curta sen palabras: George medra.


E ti, que farías?

 Circula este vídeo pola rede: Como reaccionarías ante unha escena de maltrato machista? Vídeo realizado polo colectivo sueco STHLM Panda que amosa 53 reaccións doutras tantas persoas. O resultado dá medo ante a insolidariedade da xente. Pero creo que debemos engadir que moitas persoas non actúan por defensa propia, por medo, máis que por pasotismo. É un espazo pechado e pequeno e... como enfrontarse a un violento?




Vía

14/11/14

Libro do Mal Amor

Se hai un proxecto que coido é do mellor que levo feito no ensino é este que nos ocupa estes días: o Libro do Mal Amor, Haikus contra a Violencia de Xénero (idea aprendida nun Obradoiro de Poesía con Raúl Vacas, a pesar de ser sempre unha mala alumna). Todo o alumnado do centro cavilou en forma poética sobre esta lacra que semella medrar e nunca reducir; e logo de escribir vén ilustrar. A última parte consistirá na publicación do libro... se hai cartos!
Pero non contentos con que sexa o alumnado quen escribe, decidímonos a dar un paso máis grande; de aí veu o atrevemento máis absoluto: pedir a poetas de noso que contribuísen no noso quefacer. E a xenerosidade non tardou nin segundos. Carlos Negro, o noso prezado amigo, foi o primeiro en sumarse. A seguir, Chus Pato, a poeta galega de voz internacional que imparte aulas no noso centro. Lucía Aldao non tardou ren...
 Pero houbo máis: María Canosa teceu unha rede de amizades que ata as arañas do meu patio morreron coa envexa e decidiron emigrar -antes de que eu pasase a vasoira-, avergoñadas pola inmensa tea que María foi quen de construír en tan pouco tempo. E que dicir de Antonio García Teijeiro, que non só escribiu senón que pediu e traduciu!!! 
Non podo nomealos a todos e a todas. Pouco a pouco, iremos publicando o resultado do traballo conxunto no blogue da biblioteca. Pero eu hoxe non podía calar ante tanta beleza e xenerosidade, non podía deixar de fachendear -perdóademe!- e non podía deixar de agradecer unha e mil veces que escritores e escritoras se sumen sen preguntar nin queixarse.
Ademais, contar con dúas artistas no mesmo centro, Mar García e Aránzazu Diñeiro é un luxazo! Grazas, grazas, grazas.



Chus Pato
Antonio García Teijeiro


 María Canosa

 Lucía Aldao

 Carlos Negro


13/11/14

La caja de las palabras

Tiña que ser así, non podía ser máis ca fermoso se a autora é Mar Benegas. Arestora, deléitanos cun álbum ilustrado por Eva Vázquez que publica Lóguez. Unha caixa que encerra metáforas que voan, que brillan, que nos acompañan mentres medramos, que son necesarias e intuitivas, melódicas e reparadoras. E é que a palabra é arte, é esencia, é tesouro. A autora desprende neste álbum intimista o amor pola palabra, pola curiosidade de procurala, polo desexo de pertenza. E tamén nos amosa como crecer significa adquirir, con paciencia. E a arte da palabra é un xogo intenso no que debemos participar, xogar cada día. A palabra é un misterio. A linguaxe a nosa ferramenta. Que somos nós sen a palabra?
E para comezar, a metáfora da portada. Unha chave, unha caixa, un mundo por descubrir. Os anceios de medrar sabendo, coñecendo.



Muller obxecto sexual



A autora deste vídeo explica dun xeito pedagóxico en que consiste a cosificación sexual da muller e as consecuencias que ten na vida cotiá



Vía

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.