Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/10/18

ZULEIKA ESNAL

22/10/18

Un dous tres, vampiro ti es

Un dous tres, vampiro ti es é un libro divertido para o primeiro lectorado que conxuga palabra e imaxe a base dun esquema repetetitivo de xogo encadeado. Personaxes estraños e inquedantes como vampiros, monstros ou esqueletos proxectan en nós unha ollada tenra que nada ten que ver coa súa idea inicial medoñenta. En pastas grosas e manipulables, o libro rezuma humor e diversión. Ideal para esta época de Samaín... ou non, xa que sempre é agradable deixarse sorprender pola imaxinación de Nadia Budde. Publicado por Kalandraka.

20/10/18

Estoy bien



Curta sobre o suicidio.

17/10/18

Una hermana

En Diábolo edicións podemos atopar este cómic de Bastien Vivès: Una hermana. Unha pequena xoia que fala da fascinación dun mozo responsable por unha moza algo maior ca el pero que está moito máis experimentada tanto física como emotivamente. E comeza unha relación emotiva que conleva a perda da infancia para entrar na adolescencia plenamente. Son personaxes sinceros e reais que ollan o mundo e nolo ensinan dende a perspectiva do protagonista. Vemos o que el ve, sentimos o que el sente. E amamos canda el.
O debuxo é en branco e negro, pero aínda así é claro, luminoso. Os trazos son sinxelos, pero detallistas. De diferentes tamaños, xogando coa páxina. 
E todo el cun ritmo pausado sen chegar a ser lento.
Fascinante.

13/10/18

Y mi calle pa cuando

Xenias estas mulleres que loitan por unha igualdade real:


Visto aquí 


12/10/18

Aplicación instantánea

Creo que xa teño dito máis veces que se non existise Carlos Negro habería que inventalo. Mellor aínda, todas as LIX necesitan un Carlos Negro. Un poeta que leva a poesía ás aulas dos institutos. Resulta tan enriquecedor chegar emocionada a unha aula de 2º de ESO cun libro de poesía nas mans, comentarlles que o lin a noite anterior e seguro vailles gustar, lerlles un poema... e que sigan pedindo máis, que os comentemos, que nos dea para falar... e que voe a hora de clase con esa satisfacción de tela aproveitado moito máis que cando falamos do substantivo!!! A Carlos Negro gústalle apostar, si, pero faino sabendo que vai gañar, que esa aposta ten unha ficha segura nun xogo que se chama poesía. E nese xogo entran moitos xogadores e xogadoras que beben inmediatamente do mel dese triunfo poético.
Xoga Carlos Negro coa linguaxe literaria en Aplicación instantánea, en Xerais. E xoga coa actualidade, xa que neste libro podemos escoitar catro voces que son catro avatares con catro perfís psicolóxicos que se corresponden por tanto con catro personalidades con voz propia. Con elas haberá trazos feministas, trazos rebeldes, trazos galeguistas... pinceladas de crítica social e poemas que rachan con estereotipos; poemas que saen redondos e poemas que saben deliciosos.
Como en todo libro de poemas, hai algúns que me gustan especialmente e outros que non tanto. En todo caso, estou emocionada e desexando ver o alumnado lelo e saber a súa opinión e o seu goce.
Así que Carlos, se me les, que saibas que Lalín é o primeiro lugar ao que terás que acudir para falarmos deste teu libro. 

Xa tardabas, ho.
En canto unha moza che leva a contraria,
disparas.
Pero non creas que me arredo.
Porque aprendín a vivir noutro idioma
e cando ti me chamas zorra
coma quen cospe un esgarro
eu entendo adrede outra cousa
e subo lixeira
nese carriño con esquís
que me leva montaña abaixo
lonxe
moi lonxe 
de ti,
como unha Heidi feliz
que non precisa dun Pedro feroz.





09/10/18

Paseniño, paseniño

Deses libros alfaia que dá gusto mirar, ollar, e volver a el para relelo de cando en vez, do mesmo xeito que nos indica o título, paseniño: Paseniño, paseniño de Antonio García Teijeiro con ilustracións de Marcos Viso, ilustrador que se manifesta con gran delicadeza na súa interpretación dos poemas que acompaña. Un diálogo coa obra da nosa Rosalía que vén de se reeditar xunto cun CD con poemas recitados polos autor e que publica Xerais. Os poemas parten do diálogo que o poeta establece con Rosalía, e nese diálogo fálase de natureza e fálase de amor, mesmo fálase da palabra poética que é quen de producir poemas como os que acariñamos coas mans. Como somos quen de acariñar as ilustracións que xogan con estas palabras, que reinterpretan, que contradin, pero que sobre todo homenaxean a Rosalía, coa presenza das súas iniciais.
Sinto non ter o libro inicial publicado en Everest e ilustrado polo gran Cobas.



08/10/18

Los monstruos tienen miedo de la luna

Marjane Satrapi escribe  unha historia divertida sobre os medos nocturnos neste Los monstruos tienen miedo de la luna que publica Norma. Un álbum infantil con moita cor e léxico sinxelo que fala como enfrontar ese medo á escuridade que senten nenos e nenas nalgún momento das súas vidas. Hai que procurar unha solución, e aquí veremos como a nosa protagonista farao dun xeito moi particular.


07/10/18

Ajdar

Marjane Satrapi realizou a súa primeira incursión no álbum ilustrado con este Ajdar publicado por Norma. Unha historia ambientada en Oriente, protagonizada por Ajdar, un dragón que vive no centro da terra e coida dos humano. A autora propón neste relato unha crítica social ao falar da irresponsabilidade do home con respecto ao planeta, este que é único e que non estamos a coidar como debemos.

06/10/18

Súplica a la mar

A editorial Salamandra publica este fermosísimo libro de Khaled Hosseini con ilustracións de Dan Williams, Súplica a la mar, que vén a ser unha sentida homenaxe ás persoas refuxiadas; o relato baséase na morte do neno Aylan Kudi, tristemente famoso pola foto da súa morte desamparada.
O relato é unha oración que un pai dirixe ao mar na véspera da súa viaxe; esa noite anterior comprende os perigos que os agardan e lembra a súa vida pacífica cando esta era posíbel. Pero tamén fala, precisamente, da morte da felicidade e da paz.
Unha lectura tristeme e tenra, un libro para ler e follear. Paga a pena volver a el. E sobre todo paga a pena non esquecer.




05/10/18

Hay un orangután en mi habitación y no se que hacer

E ti, sabes que facer?


04/10/18

La trenza

Laetitia Colombani escribe La trenza, publicado por Salamandra, un libro que se le rapidamente e que... está "ben", no sentido de que se deixa ler pero non saborear, porque non acaba de convencer. Si, é interesante, pero resulta algo distante, frío, debería haber máis emotividade e a autora non a consegue. E é unha mágoa.
Tres mulleres, tres continentes, tres vidas. E sobre todo, tres loitas. Tres mulleres que loitan é a historia que nos conta a novela. Ou sexa, o libro parte dunha base que me interesa. De feito, lino case dunha sentada, porque me interesaban as tres vidas que alí se debuxan, interésanme os tres destinos contra os que se levantan cada día e seguen adiante. Sobre todo, a vida dunha delas, a que vive na India, resultoume máis apaixoante. Porén, non acaba de emocionar, de prender. Son tres historias que poderían dar moito de si se se profundase nelas, se tirase o que se agocha no seu interior. Pero isto non sucede. Tres historias duras (algunha máis ca outra) pero non rachan os sentimentos do lectorado. Algo non vai ben, e máis tendo en conta que unha das historias, aínda que sexa unha loita, é bastante máis superficial cás outras dúas. Aínda habendo distancia entre estas dúas.
O nexo de unión destas tres historias aparentemente tan estraño, déixase entrever case ao final, e dálle o título ao libro. Resulta un nexo marabillosamente emotivo, aínda que semelle traído un pouco polos pelos, valla a redundancia, coma se fose apresurado e houbese que rematar porque acababan as ideas. Quedoume algo coxo.



03/10/18

E... Soengas metastaseounos

Hai días.
E hai DÍAS.
Onte foi un deses DÍAS.
Un deses DÍAS indelebles, que permanecerá na memoria.
Marisol Soengas fíxoo posíbel.
Cantas actividades levaremos organizado nos centros? Sempre traballamos por e para o alumnado. É a nosa máxima. Queremos que aprendan, sobre todo, a ser mellor persoas. Queremos sentirnos orgullosas de velos medrar.
Encántame a miña profesión! Encántame estar rodeade de futuro. Porque eles e elas son o futuro. E pídolles que constrúan un futuro mellor.
Hai moitas persoas que acoden ao centro de ensino para falar da súa obra, para falar do seu traballo. Pero ademais cosntitúen un exemplo a seguir. E iso é importante.
Onte coñecemos a Marisol. E ensinounos que as persoas humildes son as máis valorosas, as máis afoutas, as máis intelixentes. As que conviven cun sorriso contaxioso. Queremos manter este contaxio para sempre.
 Grazas, Marisol.

02/10/18

Zahara - Hoy la Bestia Cena en Casa

Valente canción de Zahara que defende as súas conviccións nunha canción que lle suporá, de seguro, moitos ataques.

https://www.eldiario.es/cultura/Zahara-nueva-cancion-vientres-alquiler_0_819618131.html

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.