Ten a autora deste libro un nome precioso que predispón ao gusto pola lectura... Gracia Iglesias xunto con Rosa Osuna constrúen en O fío, publicado por Kalandraka, un divertimento rimado onde un neno tanto decide tirar do fío que case é quen de deconstruír o mundo! O que nun principio semella obvio, tirar dun fío e desfacer unha chaqueta vólvese unha loucura de ritmo onde destacan as ilustracións que nos contan polo seu bando unha trama enriquecedora sobre o texto. Tamén é certo que podemos extrapolar os versos do noso libro á vida adulta, cando enleamos e enleamos sen sabermos onde e como rematar; e logo procuraremos un inicio que nos queda moi lonxe pola nosa propia estratexia equivocada.
Vós tirade do fío, tirade e tirade ata chegar ao final, seguro que vos sorprenderá!
Sen comentarios
Publicar un comentario