Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/01/20

Tres minutos no aire

Encántame Miguel Anxo Murado. Recoñezo que é unha debilidade, desde que lin sobre todo Fin de século en Palestina e desde que veu ao centro e falei con el, descubrindo un home humilde e tímido cunha abraiante cultura que non cesaba de sorprender. Agora gocei cos seus Tres minutos no aire que publica Galaxia recollendo as súas colaboracións entre 2006 e 2009 no programa Diario cultural da Radio Galega, 83 pequenos ensaios que son reflexións que mesturan esperanza e desesperanza, optimismo e pesimismo, paixón e frialdade, o "yin e o yan" dun xeito que, coido, só é el quen de realizar. Asemade, con esta lectura aprenderemos datos como  por exemplo que Galiza ten máis dun terzo dos topónimos de España, sendo só o 6 por cento do territorio; que levar os zapatos limpos é unha proba de status porque nalgún tempo era sinal de que un podía dispoñer dun coche de cabalos para desprazarse... Información sempre amosada con reflexión e ironía e a nosa retranca máis atinada.
Un libro para gozar en pequenos anacos que convidan a reflexionar e... a seguir lendo!


 

30/01/20

Elisa e Marcela

Na editorial Xerais podemos atopar este libro de Narciso de Gabriel que afonda na historia de Elisa e Marcela. Amigas e amantes, unha historia teatralizada maxistralmente pola Panadaría e levada asemade ao cine por Isabel Coixet. O libro non só conta a súa historia, esa que máis ou menos (máis menos ca máis) coñeciamos, senón que tamén achega o proceso xudicial ao que tiveron que enfrontarse as dúas protagonistas e a repercusión pública na prensa galega, madrileña, portuguesa e bonaerense. Unha historia que cando deixa de ser "singular" permite que as protagonistas volvan a vivir no anonimato e prosegur coas súas vidas, de aí que deixe de existir documentación, o que o converte en máis valorable pensando que por fin puideron seguir adiante.
Segue a se fascinante a historia de valentía destas dúas mulleres, tendo que agocharse baixo un disfraz de home para casaren e ter vida en común, aínda que a  estrataxema fose descuberta e por isto ter que fuxir cal asasinas, por España, Portugal e ata Arxentina. Envexa dá pensar na súa afouteza e no mérito que supón enfrontarse a unha sociedade que non comprende amores que non sexan os "heterosexuais normalizados".





29/01/20

A lingua é a nosa pel

Intervención de Emilio del Río no LGx15 de 2019


27/01/20

Diario dun enterro

Gonzalo Hermo é o autor do Diario dun enterro, Premio Narrativa Breve Repsol 2019 publicado por Galaxia. Un libro que se le rapidamente e que sabe arrincar un sorriso e unha bágoa, aínda que boto de menos un pouco máis de profundidade, xa que tal como indica o título conta de como son os enterros no rural galego e todo o que hai ao seu arredor. Por outro lado, resulta interesante a visión do país e dos seus costumes que se ten cando se está fóra, o duro que resulta ser do rural cando loitas pola naturalidade da túa condición sexual ou as dificultades da emigración.

26/01/20

Conta comigo

Precioso e matemático este álbum que nos trae na nosa lingua a editorial Bululú de Miguel Tanco: Conta comigo fala dunha nena que ten unha paixón: as matemáticas. Isto pode supór un problema, xa que no parece moi normal que teña esa paixón, pero a medida que imos avanzando na lectura, imos desenvolvendo esa mesma paixón da protagonista, xa que a xeometría ou o cálculo vive en nós e nas nosas vidas. Son unha ferramenta esencial que debemos manexar, e a nena así nolo di. 
Un álbum que todo o profesorado de matemáticas debería ter. É matematicamente perfecto!


25/01/20

Rapunzel con piollos

Divertídisima revisión do clásico de Rapunzel da man do Hematocrítico, con Ilustracións de Mar Villar e publicado pola editorial Xerais, Rapunzel con piollos conta como a famosa princesa está farta de ter o pelo tan longo e máis cando hai unha ameaza real: os piollos atanca o castelo e forman unha cidade nese bosque tan frondoso. E se eles quedan enganchados, o lectorado aínda máis, porque resulta realemnte divertido; máis cando polas páxinas do libro pasan personaxes dos contos máis famosos. Asemade, permite unha reflexión sobre a nosa sociedad actual.
Unha vez máis, el Hematocrítico acerta coa súa proposta.

20/01/20

Las flores perdidas de Alice Hart

Encantoume. Claro, que vindo de quen viña a recomendación, non podía ser doutro xeito. A pesar do meu pouco ánimo lector, Las flores perdidas de Alice Hart de Holly Ringland, publicado marabillosamente por Salamandra, fíxome relembrar o sabor da lectura. Doce sabor da lectura!
Unha historia de mulleres e segredos familiares, sobre a presenza do maltrato machista, a tristura da perda, a fuxida, o desamor, e o amor. Asemade, cobra importancia o lugar, que seguramente nos resulte estraño por afastado, e nos encantará a linguaxe das flores e a súa vitalidade: esta linguaxe será unha das potencias máis evocadoras do libro; ao rematalo, as flores cobrarán vida na cabeza, encherán de beleza as pálpebras e faranse un oco no corazón. Permitirán que pechemos o libro con delicadeza para non estragalas. E sementarán esperanza e beleza. Unha beleza que percorre as páxinas do libro e que ás veces fará que nos emocionemos, que choremos, que maldigamos. As flores son protagonistas do libro, xunto co amencer e o serán, xunto coa natureza e os sentimentos, xunto co horizonte. Hai moitas clases de protagonismos que viven engarzados entre a crueza da historia e a dozura da prosa que nos alenta. 
Por certo, a biblioteca e a bibliotecaria tamén son importantes no libro. Non só de flores falamos...s


19/01/20

Ninguén coma min

Impresionoume a lectura deste álbum. Unha parodia, unha sátira que deixa mal sabor de boca porque por desgraza pensamos rapidamente nunha persoa de carne e óso, unha persoa que existe e que tamén sente o mesmo que este protagonista. Un ditador que se cre que é infalible. Medo dá. E que mal sabor de boca deixa a súa lectura por lembrarnos a realidade crudelísima que vivimos.
Ninguén coma min de Ignacio Chao e Eva Sánchez, publicado por Kalandraka, recibiu a mención do xurado do XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Unha metáfora, si, pero tamén unha parodia ao final que non consegue facernos esquecer a tiranía, o elitismo, a incomprensión, a insolidariedade, a tiranía... Un deses libros necesarios porque son reais, porque nos lembran que non debemos permitir que estean aí. Porque só uníndonos podemos construír un mundo no que a tiranía non exista. Seremos capaces de construílo???

"Son un dos grandes persoeiros deste país recóndito, con rol de náufrago, reo de si. Eu, que pertenzo a unha estirpe pobre, vulgar, afeita a vivir coa cabeza abaixada, son agora o elixido…"

18/01/20

Ola! Son un bicho bóla!

Elvira Ribeiro e Noe Caamaño son as artífices deste álbum publicado por Apiario baixo o título Ola! Son un bicho bóla!. Un libro que nos achega con sorrisos cómplices á natureza, e fano dun xeito que sempre funciona coa rapazallada máis pequena: co carácter acumulutivo do texto e os "bichos bóla" que non son outra cousa que aqueles animais que son quen de enrodelarse en si mesmos á vontade. Animais que coñecemos e que seguramente se de nós dependese non chamariamos "bichos bóla", pero con doses de humor e con moita simpatía por parte dos propios protagonistas iremos coñecendo. Asemade, estes animais caracterizaranse polo seu carácter aberto e inclusivo, tanto que ata organizarán un club para celebralo.
Moi ocorrente e enxeñolo. A miña gata tamén é un "bichos bóla". Únoa a este club tan feitiño!


17/01/20

Dez gatiñas viaxeiras

Nun primeiro momento lembroume a Once damas atrevidas. Logo, xa me fixo sorrir. Sobre todo, cando se ten unha gata na casa tirándoche o libro das mans mentres les un libro sobre gatas. Gatas divertidas que percorren a xeografía galega e que teñen, non sei se sete vidas, pero cando menos dúas. Tantas vidas que ata se permiten o luxo de emigrar a Portugal. Eu tamén quero!
Estou a falar de Dez gatiñas viaxeiras, álbum ilustrado de Eva Mejuto e Víctor Rivas publicado por Xerais. Un álbum en verso para cantar e contar, que utiliza a estrutura tradicional acumulativa pero neste caso decrecente, para que nos sexa máis fácil xogar coa súa lectura. E de paso que lemos, aprendemos algo da nosa propia xeografía, que ben nos cómpre! Así, pasaremos polo monte de Lestrobe e a Illa de Ons, Trives, a Muralla de Lugo, o Salnés,  Ourense,  Vigo... Asemade, o libro convida a ler as imaxes e canda elas averiguar que información agochan. Outro xogo máis que redondea a proposta. 
Viaxade coas gatiñas mentres percorredes o lene lombo dunha. Será unha experiencia única!

15/01/20

Elmer e o osiño perdido

O coñecido elefante de cadros, Elmer, de David McKee volve outra vez da man de Kalandraka: Elmer e o osiño perdido é a aventura da procura do osiño de peluxe que o Bebé elefante precisa para durmir. É tal a bondade de Elmer que ata cede o seu propio osiño mentres non atopa o outro, pero para atopalo fará todo o necesario. Neste libro destaca o seu curmán cos cadros en branco e negro que farán que as páxinas sexan deliciosamente ilustradas. E unha vez máis destaca o valor da diferenza e valor da amizade e a solidariedade.

14/01/20

Sempre hai un lugar para a poesía (CLIX)

Rotundamente negra


"Me niego rotundamente
A negar mi voz,
Mi sangre y mi piel.
Y me niego rotundamente
A dejar de ser yo,
A dejar de sentirme bien
Cuando miro mi rostro en el espejo
Con mi boca
Rotundamente grande,
Y mi nariz
Rotundamente hermosa,
Y mis dientes
Rotundamente blancos,
Y mi piel valientemente negra.
Y me niego categóricamente
A dejar de hablar
Mi lengua, mi acento y mi historia.
Y me niego absolutamente
A ser parte de los que callan,
De los que temen,
De los que lloran.
Porque me acepto
Rotundamente libre,
Rotundamente negra,
Rotundamente hermosa."


                               Shirley Campbell

12/01/20

Hôzuki

Collino pola portada e por ser xaponesa. E non errei na escolla: gustoume esta proposta da editorial Rinoceronte: Hôzuki de Aki Shimazaki. Novela curta con moitas historias, costumes xaponeses e significados de palabras e de nomes que xogas coas escrituras da súa lingua, os ideogramas kanji orixinarios chineses e a escritura silábica hiragana. O que semellaba unha historia demasiado sinxela vaise despregando nas poucas páxinas que temos para falar de amor, de relacións familiares, de sexo, e de decisións que cambian as nosas vidas. Non sei se podemos falar de erros en lugar de decisións, simplemente son o que son e a vida vai por outras latitudes debido a elas.
De fondo, a importancia da linguaxe. Das palabras que foxen de nós, das palabras que nos definen, das palabras que utilizamos e daquelas que preferimos calar. Dos silencios. 
Unha novela para pasar un tempo pracenteiro que nos deixa un pouso de emocións encontradas e de soños afastados. De paz e de temor.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.