Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/02/14

Silent

En “Silent”, celébrase a unión de contadores de historias, inventores e técnicos á hora de crear iso que chaman a maxia do cine.



El árbol de los recuerdos

Publica Nubeocho este precioso álbum de Britta Teckentrup: El árbol de los recuerdos trata o tema da morte e ensina a superala, porque só na lembranza perduran os seres queridos. Realmente, fermoso e necesario.


27/02/14

2CELLOS - Thunderstruck

Os violonchelistas croatas Luka Sulic e Stjepan Hauser, máis coñecidos co nome de "2CELLOS", son capaces de interpretar calquera canción cos seus instrumentos. Versionar a AC/DC non é problema: 


Ilustracións críticas

 Luis Quiles destaca pola xenialidade e a precisión coa que ilustra a crítica desta sociedade. Enfoca os problemas do día da día, como os prexuízos, a violencia, a política, a relixión, a sexualidade, a prostitución...

1
2—–



3

5

6

7

8

9

10

11

12

13

14

15

16

17

18

19

20


26/02/14

Charlot, a la una de la madrugada

Vino aquí:

Denver

 

Publica Océano Travesía este álbum de David MacKee (autor de Elmer): Denver, home rico, vítima da envexa e da malediciencia, sabe superara as difucultades e ser un home feliz e realizado. Un libro sobre a autorrealización, sobre a riqueza pero tamén sobre a sociedade en xeral. Como somos e como nos comportamos?



Dos tempos sombrizos

 
O último poemario publicado por Xerais de Daniel Salgado é Dos tempos sombrizos, I Premio de Poesía Gonzalo López Abente. Poemas que conforman un diario, poemas que falan da sociedade, de compromiso, de liberdade, de xustiza. Por riba, ou en derredor, a música. Por que non sentir o jazz mentres lemos a Salgado? Con el, permanece un agocho para a esperanza, porque sabemos que non estamos sós, que hai poetas que senten coma nós e deciden loitar dende a palabra. Palabras que son armas. Pero armas fermosas que desexamos posuír.

A realidade esténdese
pola última mañá de outubro.
Pensas na folga máis antiga da historia
-contra Ramsés III, 1166 a. C.-
e na sucesión de corpos insurrectos.
Nin así dás evitado
esta sensación de frío colectivo.
O tempo en que nos adentramos
é incerto, consideras.
Ningún sinal indica
que non vaia haber sangue e lume.
O prezo a pagar doe, pero doe
nos ósos.
Non existe metáfora dispoñíbel
para as actuais circunstancias.
Sentimos na propia carne
o vento que empurra os salgueiros.

                                                   1 de novembro



Xúntanse ao pé do río, pero cara ao interior.
Na fronteira.
Celebran que unha vez houbo república
na formación social histórica que chamamos
Estado español.
A memoria fai parte do corpo.
Doe nas mans.
Cando lembran, sempre están na fronteira.
Os camiños teñen cicatrices.

25/02/14

Toy Story Toons: Extra Small

Hilo sin fin

Considerado un dos mellores álbums do 2013, Hilo sin fin, publicado pola editorial Juventud, contén texto de Mac Barnett e ilustracións de Jon Klassen. Unha historia de xenerosidade e desinterese que pretende valorizalos en contra dunha sociedade materialista como a que temos. Porque a cobiza, a maldade, pretenden dominar e enganar, pero neste conto non se lle permite. Así que a tenrura, a maxia e sobre todo a entrega xenerosa será a que domine e consiga marabillas mentres destacan as ilustracións cheas do cores -que transmiten esperanza- e mesmo de gris.



Máis Rosalía

En colaboración co IES Ramón Mª Aller Ulloa comezamos hoxe a andaina do Día de Rosalía ao Día da Poesía : Nós cantar cantamos. En que consiste? Colgamos 36 folios en branco representando os poemas de Cantares Gallegos. Cada día tiraremos un folio e colocaremos un poema dunha poeta galega, que segue o ronsel de Rosalía. Así ata o Día da Poesía, o 21 de marzo. 
As ilustracións que acompañan o texto debémosllas asemade ao IES Mª Aller Ulloa.




 E deixámosvos tamén isto:
31 Centros do Morrazo reunidos para recitar a Alborada.

24/02/14

Fugu

O noso Día de Rosalía


Reintepretando o poema "Soia" de Follas Novas.





Eran craro-los días,
risoña-las mañáns,
i era a tristeza súa
negra coma a orfandá.

Íñase á mañecida,
tornaba coa serán...;
mais que fora ou viñera
ninguén llo iña a esculcar.

Tomóu un día leve
camiño do areal...
Como naide a esperaba,
ela non tornóu máis.

Ó cabo dos tres días,
botóuna fora o mar,
i alí onde o corvo pousa,
soia enterrada está.

Día de Rosalía

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014:
 
Hoxe e sempre, Rosalía de Castro representa a fenda, a nosa fenda. Unha ferida aberta na conciencia colectiva, un talento literario irredutíbel a fórmulas caducas e tópicos amables. Unha voz que escribe para ser libre e consciente, aínda que manque e rabuñe, pois non quere ser flor. Solitaria e solidaria. Muller e galega nun mundo gobernado por raposos que non ocultan o rostro da barbarie, o fanatismo reaccionario. 
Rosalía de Castro: aquela que nos deixa en herdo un feixe de versos como toxos e silvas, xurdidos dunha gándara onde inzan a angustia e a carraxe. Porque ninguén coma ela soubo expresar os enigmas da condición humana, as dúbidas existenciais que nos acosan, as contradicións da alma, a saudade e a soidade. O río da vida que pasa e flúe polas brañas de Laíño, co seu maino rebulir, camiño das torres do Oeste. 
E, ao mesmo tempo, sen renunciar á expresión do íntimo, Rosalía emerxe como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos en canto nación e pobo; mais a súa literatura non se converte nunca nun panfleto de carácter burocrático. Moi pola contra: é un documento humano escrito con sangue, desde as entrañas, como un espello no que a voz da poeta captura todo aquilo que é digno de ser cantado. E esa dignidade comeza pola restauración do uso escrito da lingua galega, convertida en símbolo de rebeldía. 
Desde ese compromiso, padecemos a través dela os dramas dun pobo que sofre, mais que nunca atopou unha pluma que o defendese. E ela, literata consciente, converte a súa obra nunha casa de acollida para todas aquelas mulleres invisibles que padecen maltrato e desprezo; e cede a palabra a todas esas viúvas que tecen soidades, a todas as labregas que loitan e non se renden, ás mozas que aman e ás que odian, ás que van alegres de romaría e ás que collen con rabia a fouciña. 
Non reduzamos esta homenaxe a un canto fúnebre; pois Rosalía de Castro non debe ser nunca unha escusa para a solemnidade académica arredor dun cadaleito; ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura para levarnos máis lonxe de nós mesmos. Alguén que, se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar a todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume. 
E por iso Rosalía de Castro segue a convocarnos, a emocionarnos, a transformarnos por dentro. 
E non esixe ritos de adoración. Simplemente, unha lectura plural e sen ataduras. 
E por iso, desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, querémola viva os trescentos sesenta e cinco días do ano. 
Querémola pola rúa e nas escolas, nos barrios e nos arrabaldes, nas aldeas e nas prazas, nas fachadas brancas dos edificios. 
Queremos que os seus versos nos invadan, fender con eles o silencio administrativo dos poderosos. A súa teimuda indiferenza. 
Para que a súa voz ilumine o noso futuro, alta e clara como murmurio e como alento. 
Ceiba coma sempre. 
Nosa e de toda a cidadanía consciente de si mesma. 



Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2014
Carlos Negro, vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

Todas con Rosalía (II)

Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dunha segunda parte do vídeo colectivo Todas con Rosalía, cuxa primeira parte pode verse aquí.

Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.

23/02/14

El inmigrante

 

Como non, hoxe curta de Charles Chaplin, Charlot:


La montaña

La Montaña, de Antonio Zurera

Antonio Zurera é o responsable deste álbum chamado La montaña que publica Kokoro:un libro divertido que é unha auténtica alegoría sobre a vida, sobre a educación da descendencia, daquilo todo que se pode facer xuntos e que moitas veces esquecemos. Pero fala tamén do paso do tempo, da madureza e mesmo do esquecemento. As ilustracións, xeniais.




La Montaña, de Antonio Zurera
La Montaña, de Antonio Zurera

Non á violencia contra as mulleres (CCCL)



A Policía Nacional utilizou vídeos de carácter sexista para ilustrar un cursiño dirixido a profesionais das forzas de seguridade sobre técnicas de primeiros auxilios en Jaca. Non deixa de sorprender que se proxecten vídeos de carácter erótico, cos seus protagonistas en roupa interior en actitudes sexistas.


Vía

22/02/14

Jerusalén

Nick_Bertozzi_Jerusal_n_forro

Boaz Yakin e Nick Bertozzi son os autores de Jerusalén. Un retrato de familia publicado por Ediciones La Cúpula. A historia sitúase nos anos previos á independencia do Estado de Israel dos británicos e fala dos constantes conflitos xerados polas malas relacións entre musulmáns, xudeus e o exército de ocupación británico. Toda esta historia baseada nunha familia onde un pai nada fai por tentar resolver os problemas cotiáns, o que provoca que sexan os fillos quen tomen a iniciativa na loita diaria. E todos eles loitarán dalgún xeito pola independencia. Pero neste cómic de case 400 páxinas o punto de vista árabe non se toca, só sabemos deles que actúan con odio, o que provoca por tanto o odio dos xudeus.
No libro non hai heroicidades, hai historia, miserias da guerra, datas oficiais, dor. Curiosamente non hai relixión, algo que sabemos crucial no conflito. Pero é o lector quen debe xulgar os acontecementos e avaliar se o que hoxe sucede é o resultado daquelas contendas. Si queda claro o sufrimento dos civís, o sangue derramado entre familias por un anaco de terra. Dramatismo e tristura: o odio que alí existe é o que nos provoca. E non deixa de medrar!


jerusalen-un-retrato-de-familia-i1fs-komic-libreria1

Otra vuelta de tuerca

 
Tod@s coñecemos a obra de Henry James, Otra vuelta de tuerca. Pero esta versión que vos traio aquí hoxe é espectacular por unha diferenza esencial: está ilustrado por Ana Juan. Ilustracións suxerentes que espertan emocións, que provocan inquedanzas, que nos asoman a anguria. Un novo decorado para estes dous orfos que son criados nunha mansión victoriana por unha institutriz. Se o texto é puro misterio, agardade a ver as ilustracións.
Unha xoia


otra vuelta de tuerca 2

21/02/14

El pez feliz

Si, repito. Pero os anos pasan e hai cousas que se poden rememorar. Como esta curta, de Jimmy Liao:

Cuando desapareció el mar

 
Fermoso álbum publicado pola editorial Juventud con texto de Francisco Sánchez e ilustracións de Bárbara Sansó. Un libro que aposta pola ecoloxía e qeu conta a historia dun neno quen de paseo con seu pai non comprende o porqué da presenza de barcos no deserto. O pai explícalle a historia de destrucción da man dos seres humanos. As ilustracións, realistas e desacougantes, reflicten a mensaxe do texto. O álbum remata cunha chamada de atención e datos sobre o mar de Aral e o que aconteceu.:

“No olvides que el agua es un bien indispensable para la humanidad:¡sin ella no viviríamos! ¡Es deber de todos cuidar del agua!".
 













Machismo no cine

Entrevista realizada a Pilar Aguilar onde analiza as mensaxes patriarcais e machistas dalgunhas escenas cinematográficas. 


20/02/14

After Oz


Vía

Nicolás Guillén. Selección poética

 


Outra xoia poética que nos ofrece a editorial Kalandraka: trece lúas poéticas do Poeta Nacional de Cuba, Nicolás Guillén. As ilustracións que acompañan estes poemas son de Nelson Villalobos. Imaxes exóticas moi acaídas ao mundo cubano.
Poemas inspirados nos ambientes caribeños e nos seus ritmos. Ademais, temos unha biografía do autor. Máximo expoñente da poesía negra daquel país, estes trece poemas son unha explosión colorista ben acompañada polas ilustracións que nos levan á orixe da poesía de Guillén, pureza e realidade. Versos musicais, rítmicos, que pola súa orixe estarán próximos a un público máis infantil.
 A selección poética está extraída dos seus libros "Motivos del son", "Songoro cosongo", "West Indies" e "La paloma de vuelo popular".


Por el mar de las Antillas
anda un barco de papel:
anda y anda el barco barco,
 sin timonel"


19/02/14

Hugo, un amigo con Asperger

Un vídeo que amosa as características dun neno coa Síndrome de Asperger, por que fai determinadas cousas e tamén nos ensina como axudar.


Vía

14

 


Non lera nada anteriormente de Jean Echenoz -creo- ata este 14 publicado por Anagrama. Chamoume a atención. Non podía ser doutro xeito, pola contención narrativa que amosa: unha gran guerra en menos de cen páxinas. E é que o título alude á guerra de 1914, a Primeira Guerra Mundial. Unha guerra de catro anos que se pensaba ía durar quince días. O autor escolle catro amigos para falarnos dos horrores da guerra, da traxedia constante que supón a vida baixo a destrución e a morte. O ritmo suave da obra contrasta coa velocidade das balas, dos falecementos, das amputacións. E, de paso, deixa unha narración elegante ao seu paso.
Pero... é esta elegancia suficiente para dar alma aos personaxes, para encher de vida unha guerra que se nos transmite en tan poucas páxinas? A dúbida persiste.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.