Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Urco. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Urco. Amosar todas as publicacións

01/03/19

Mulleres bravas da nosa historia: Pepa a Loba

Creo que non vos falara aínda desta fantástica colección que a editorial Urco está publicando de a pouco: Mulleres bravas da nosa historia. Hoxe teño nas mans o último libro publicado, Pepa a Loba, con texto de Ledicia Costas e ilustracións de Eva Agra
Trátase dunha desas coleccións que todo neno e nena da nosa terra debería coñecer, e que debe estar en todas as bibliotecas públicas e escolares. Aínda que hoxe traia este libro, os anteriores son igual de importantes, porque están escritos por mulleres que defenden en primeira liña a nosa Literatura, e fano dende a súa posición de escritoras. Esta é unha das características destacables da colección.
Ledicia Costas cóntanos a figura de Pepa a Loba dende a perspectiva dunha nena que a admira e que a coñece grazas a unha figura esencial na súa vida: a avoa. Esta será quen poña no seu coñecementos as aventuras da nosa bandoleira. Así que temos un conto moi real entre as mans.
Dá gusto que as editoriais galegas se sumen a un carro esperemos que imparable de recoñecemento das mulleres. Esas que nunca estiveron nos libros.

14/05/18

Nosoutras

Publica Urco este Nosoutras de María Victoria Moreno con limiar de Xavier Senín, unha interesante achega para coñecer a palabra literaria da autora homenaxeada este ano. Relatos que falan do sufrimento das mulleres, desas silenciadas, ocultas, desas que non tiñan voz e que agora comezan a outorgárllela; a autora dálles voz, unha voz impregnada de lirismo, unha voz forte, contundente, unha voz que non deixa dúbidas nin espazos, porque cómpre esa voz rexa para asentar a liberdade, a igualdade.
Cando comecei o libro, a verdade, pensei que me enfrontaba a algo moi diferente, posto que o primeiro relato non é tal, ese "nosoutras" é un texto reivindicativo dos espazos literarios para  Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández, Úrsula Heinze, Palmira G. Boullosa e ela mesma. Unha curiosidade que, seica, non coñecían as mecionadas. E que reclama para todas elas ese espazo literario que pretendía serlles negado, pero tamén o seu espazo profesional.




07/01/17

Mulleres bravas da nosa historia

Urco Editora edita Mulleres bravas da nosa historia, unha colección necesaria e fermosa da que de momento gozamos de dous títulos:
Eli Ríos é a responsable do volume dedicado a María Victoria Moreno, de quen saberemos a súa biografía da man de Navia, de xeito rigoroso e ben documentado, salientando a súa formación e a súa obra literaria.
María Lado tráenos a Rosalía de Castro cun vagalume que acompaña á autora desde o seu nacemento ata a súa morte, facendo fincapé na súa familia, na súa preparación académica ou na súa vida, acompañada de textos da nosa autora.
As ilustracións corren a carto de Eva Agra.




02/08/15

As Crónicas de Bran. A revolta dos mestres

Deille ao meu alumno Adrián Mato estes libros para ler no verán porque eu non os lin, non e o meu xénero. Aquí nos chega a súa primeira impresión. 
Estou a falar de As Crónicas de Bran de Xosé Duncan (con ilustracións de Kaiser Wilhem, ou Carlos Calviño), tres volumes publicados por Contos estraños. Este libro ten o seu propio blogue.

  Isto é o que nos di Adrián:




  Podo asegurar que, e  iso que aínda lin só a primeira parte desta prometedora triloxía chamada As Crónicas de Bram que me recordou moito a outra triloxía o Señor dos aneis,  é ben interesante, unha historia de fantasía, aventuras e acción, que transcorre nun universo de maxia inspirado no mundo celta.
Estou impaciente por comezar a ler os dous libros que me quedan porque ademais sería unha superación para min, dado que é a primeira vez que remato tres libros da mesma saga.
 A base do libro encantoume así como a sucesión das aventuras e a narración da historia en terceira persoa, dado que se prescinde dun personaxe principal aínda que se deixa entrever quen é esa personaxe: Bran é novo e inexperto; porén a historia non vai estar centrada no seu desenvolvemento persoal,  pois o seu papel estará lonxe de ser central: non é un heroe. Tamén me gustou que houbese conversas entre os malos tamén e non só entre os bos. Á súa vez é un libro sinxelo de ler, pero podes perderte nalgún dos seus capítulos. Utiliza unha linguaxe sinxela e áxil, de aí que sexa unha lectura doada, con poucas descricións e moito ritmo.
O principio é un pouco lioso como se vai desenvolver a acción pero pouco a pouco vai colocando a cada quen no seu sitio, ata obter dous bandos que se enfrontaran entre si: a loita entre Ben e Mal . 
Definitivamente, encantoume este libro.

"Chantado no centro da enorme sala, o mozo estendía os brazos apuntando cos dedos a cada uno dos extremos do cuarto. A man esquerda sinalaba o punto por onde xurdira o sol non había moito e a dereita trazaba pequenos círculos, animando o astro no seu camiño até o solpor. Ondeaba, suave e elegantemente, as amplas mangas da súa camisa azulada coma se quixese atrapar os ventos da mañá debaixo do poroso tecido. Baixou a cabeza e, recitando nun murmurio as antigas palabras , reclamou o poder dos seus antepasados cunha timidez case reverencial. Deixou durante uns instantes que a súa longa cabeleira reflectise os nacentes raios do sol e que brillase como un campo de trigo. Subiu o volume da pregaria e, respondendo á súa chamada, unha ducia de bolboretas emerxeron da nada e voaron arredor dos seus brazos. As intensas ás azuis desprendían diminutas chispas que desfacían, a cada fulgor, un anaco de fina membrana que as formaba. Canto máis se consumían as ás, máis frenético era o voo das bolboretas que xa pousaban as finas patas sobre a pálida pel de Bran ao non se poderen manter no ar. As runas que o mozo tiña tatuadas nos antebrazos reaxiron ao contacto dos insectos e comezaron as brillar con intensidade"

06/01/13

Un faro na escuridade

Agardaba con ilusión a segunda entrega d' O mundo secreto de Basilius Hoffman de Fernando Cimadevila con ilustracións de Iván Valladares publicado por Urco. Esta segunda entrega, aínda que a min gustoume menos cá primeira polo que supuxo aquela de sorpresa e agrado no panorama da nosa literatura, non a desmerece. Seguimos nese mundo estraño, fantástico e ben complexo creado para que o profesor Hoffman guíe ao seu sobriño coa fin de conseguir unha revelación abraiante que marcará o destino da Humanidade. Para min, o malo de ler segundas partes é que tiña que relembrar anacos esquecidos do primeiro libro para confluílos e entender o que aquí ocorre, o que me supón un exercicio extra, ademais de resolver misterios que na primeira entrega quedaran inconclusos, pero sei ao rematalo que volverá a ser un éxito entre o alumnado. Iso si, teremos novamente que agardar a terceira parte para seguir comprendendo este mundo creado por Fernando e que Iván nos vai debuxando de cando en vez.
Moitísimos parabéns a ambos, segue a ser unha literatura fantástica que ben nos cumpría e prognostico que seguirá a ter tanto éxito coma a anterior. Eu, desde logo, recoméndovola. Porque as páxinas pasan axiña, moi axiña, e o libro vaise devorando sen sentir que estás a comerte máis de trescentas páxinas sen sobremesa.


18/08/11

O mundo secreto de Basilius Hoffman

O outro día, paseando pola Feira do Libro de A Coruña, detívenme ante unha caseta que me chamou a atención: cómics de oferta e libros da editorial Urco, que teñen unha face especial para min. Conversando con quen estaba detrás dos libros expostos, faloume que era autor dun novo libro, amosándomo, e eu comenteille que levaba este blogue. Agasalloumo e eu asegureille que falaría del aquí, pero sempre, insistín, dende a sinceridade.
Recoñezo entón a miña preguiza. Estaba ante un libro de máis de 300 páxinas, de fantasía, que non me apetecía ler nin pouco nin moito. Ao pouco, chegoume a recomendación de Séchu Sende: el falou moi ben da lectura. Porén, seguía a ter unha certa prudencia: "coincidiremos Sechu e mais eu?"
Abrín a primeira páxina e comecei a ler. "Ah, non, un internado!", pensei. Xa estaba escamada: a sombra de Harry Potter é alongada. "Mal comezamos: tópicos!". Porén, aí remataron as miñas dúbidas. O mundo secreto de Basilius Hoffman. O ladrón de soños enleoume de tal xeito que tiven que devoralo case sen respirar. Fernando M. Cimadevila e Iván Valladares conseguen un volume extraordinario que pasará dende xa a formar parte da lista de lecturas recomendadas para o meu alumnado. A fantasía, por fin, ten un lugar privilexiado nos andeis da nosa literatura. O pracer da evasión total mentres devoraba as páxinas sucedíase con vertixe; mesmo penso que soñei cos seus personaxes nos momentos en que me deixaba vencer polo sono!
Malia ter algúns erros ortográficos que agardo ser recompoñan en próximas edicións, o libro é máis que recomendábel. Alédame telo lido, ter a oportunidade de coñecer o autor e alédame saber que os meus prexuízos, coma todos os prexuízos, deben ser vencidos sen miramentos. Se me deixase guiar por eles non o lería! E sería, de certo, un craso erro.
Como vedes, non hai refugallo: o libro conta coa súa propia páxina web, booktrailer... e unhas estupendas ilustracións.



Creo que podo garantirvos unhas cantas horas entretidas de vez. Parabéns!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.