Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Mil razones. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mil razones. Amosar todas as publicacións

11/02/18

Barrios de colores

Gustoume este álbum ilustrado que publica Milrazones de Ana González e Kike Ibáñez que leva por título Barrios de colores, premio Lazarillo 2016. A nivel ilustrado é orixinal e asemade suxestivo xa que está deseñado sobre unha cuadrícula escolar (mesmo pensei que ao final do libro nos ían convidar a seguir ilustrando), o que lembra os nosos tempos escolarizados da infancia e ás primeiras caligrafías que tiñamos que elaborar (seguirán existindo???). Nesta base, e como non podía ser doutro xeito, as figuras son xeométricas e os personaxes están feitos a base de liñas. Logo, o texto, que nos fala sobre todo de esperanza, de futuro, de emoción, de posibilidade. De que non debemos esquecer quen somos e que queremos, que loitemos por aquilo no que nós cremos. Porque nada é irreparable e porque podemos erguer a cabeza e mirar cara adiante.
Fagámolo.


24/01/18

El rey del cielo

Nicola Davies e Laura Carlin constrúen en El rey del cielo, publicado por Mil razones, un fermoso álbum sobre a inmigración, aínda que tamén sobre a amizade. Un rapaz que chega a un novo país, a unha nova cidade, e bota de menos todo canto tiña: a súa lingua, as cores, os olores... e a morriña invádeo de contino. E a tristura apodérase do protagonista e do texto, do álbum escrito para ser lido con dozura e a modo, procurando as metáforas e a humanidade.
As ilustracións son brumosas, como a nostalxia. Evocadoras, como as palabras. Potentes, como o instinto das aves. Confidenciais, como a amizade. Doces, como a tenrura final. Esperanzadoras, como a certeza final. Poéticas, como o tratamento dun tema tan difícil con esta precisión.


27/02/15

Un cuento



Daniil Jarms e Rocío Araya, sorprenden con esta oferta literaria, imaxinativa e chea de humor, que nos ofrece a editorial Mil razones: Un cuento. Estamos a falar dun libro que foi escrito na década de 1930, na Rusia estalinista.O autor foi encarcerado en varias ocasións por saírse da canle estética proposta polo réxime. Neste álbum desprega suficientes armas como para que sexa o maxín quen mande ata un final espléndido e sorprendente. Polo camiño, enredos e humor, ata o autor asoma a cabeza un momento! Este, o que fai, é mesturar todos os planos e facer un conto diferente que realmente o que fai é comprender, unha vez máis, que a Literatura é unha marabilla.
As ilustracións tamén foxen de convencionalismos.: collage, lapis, óleo... é posible mesturalo todo. As ilustracións viven canda as palabras, ofrécennos aos lectores e lectoras chiscadelas e reviravoltas, conseguen a mesma maxia que as palabras.


Un cuento (Daniil Jarms, ilustraciones de Rocío Araya)
Un cuento (Daniil Jarms, ilustraciones de Rocío Araya)

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.