Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/08/17

Los imaginarios

A editorial Blackie Books tráenos este marabilloso relato de A.F. Harrold con ilustracións imprescindibles de Emily Gravett: Los imaginarios é unha historia para nen@s e para non tan nen@s, porque arrastra consigo reflexións importantes, como a fidelidade na amizade, o amor familiar, o respecto e sobre todo a perda da imaxinación que sufrimos cando medramos (a biblioteca como lugar esencial para axudar a que non suceda este proceso, o valor dos libros para manter con vida o maxín). Pero tamén fala de que ás veces esquecemos comunicarnos precisamente coas persoas que temos máis preto. E tamén fala da dor da separación, do medo que sentimos a perder a alguén que amamos.
As ilustracións debemos mencionalas porque parécenme esenciais. Mesmo na parte inferior das páxinas dereitas hai un debuxo que vai collendo vida a medida que lemos.
Así que estamos ante unha historia de tenrura, de amizade, de cariño. Un libro precioso que paga a pena.

"Estaba en una biblioteca. 
Amanda le había hablado de ellas, pero nunca había visto ninguna. Le había dicho: "Es el mejor sitio para estar cubierto un día de lluvia. Cada libro es una aventura", y a ella le encantaban las aventuras."

30/08/17

Una posibilidad

Imposible non emocionarse coa lectura deste cómic publicado por Astiberri, a edición integral de Una posibilidad de Cristina Durán e Miguel Á. Guiner Bou, libro que compila dúas obras, Una posibilidad entre mil (2009, Editorial Sins entido) e La máquina de Efren (2012, Editorial Sins entido), ambas teñen en común que contan en primeira persoa as historia das súas dúas fillas. A primeira delas, Laia, nace con parálise cerebral infantil, e será tremendo acompañalos nos primeiros anos de vida; está tan ben reflectido, que será imposible non empatizar con cada pequena alegría ou con cada gran desgusto. E logo, a nosa propia reflexión, unha enfermidade que sempre os acompañará; hai un momento que me gustou especialmente, cando contan o difícil que resulta estar canda outros pais e outras nais que falan dos marabillosos avances que realizan os seus fillos a idades temperás: "¿Os habeis dados cuenta de la cantidad de niños superdotados que, según sus padres, nos rodean?" (páxina 126). Tal cal.
A segunda parte fala da adopción e de todo o proceso que hai que sufrir para chegar a ela. O país escollido é Etiopía, e destaca o cambio de cor nas viñetas para contar canto alí acontece. O proceso de adopción trae consigo uns trámites custosos e longos. Por riba, as dificultades que se presentan á volta a España, mesmo é difícil obter a tarxeta sanitaria.
Aínda que as dúas partes son moi diferentes e resulta moito máis intensa a primeira, ambas conseguen manterte pegado ao papel, saben transmitir uns temas tan persoais dun xeito preciso e emocionante sen cargar as tintas no negativo, senón que é un diario vívido dun pai e dunha nai que loitan pola vida, a deles e a da súa familia.

28/08/17

La grieta

Un deses cómics esenciais que debemos ter presentes para non esquecermos a realidade social: La grieta de Carlos Spottorno e Guillermo Abril, publicado por Astiberri. O libro, un foto libro, é un drama en si mesmo, o dos refuxiados. Dous xornalistas que viven en primeira persoa o que ocorre en diferentes partes da entrada a Europa, a carón deses muros que queren dividir a humanidade. Durante tres anos traballan nas fronteiras europeas para agora converter ese labor nun cómic que nos golpea de primeira man, que nos lembra a nosa pouca humanidade e a desesperación que atinxe a esoutra parte de persoas que foxen das guerras, da fame, da miseria, para atoparse aquí outra miseria diferente, a nosa, a que nós lles ofrecemos, a miseria humana, a peor miseria.
O título fai referencia á procura desas "grietas" nos muros que permitan cruzar para tentar estar a salbo: Melilla, Libia, Balcáns, Finlandia, Bielorrusia...: muros con grietas salvadoras que só teñen un significado, esperanza. Baixo este nome constrúen o seu futuro miles de persoas.
Imprescindible.


27/08/17

Non á violencia contra as mulleres (DXXVI)

Carta a un matratador 

26/08/17

Blanco perfecto

Dani Torrent é o autor de Blanco perfecto, álbum publicado por Libre Albedrío, un novo álbum sobre os ciumes co nacemento dun novo membro da familia. E con el comprobaremos ese conflito que sempre hai que enfrontar, aínda que neste caso o autor achéganolo grazas á imaxinación e a orixinalidade, xa que a fantasía da viaxe interior supón o proceso de madurez da historia. Son as emocións as que mandan, as que dan cor entre o perfecto branco, as que falan da soidade e do amor incondicional.
Este amor sobrevoa o libro e aporta sentido a canto acontece.
         

25/08/17

No, mamá, no

No, mamá, no de Verity Bargate, publicado por Alba na súa colección "rara avis", é un libro cando menos sorprendente, dende o principio ata o final. Sorprende e apaixoa por igual, por iso, como boa novela curta, déixase devorar. Unha protagonista que desexa ter fillas e no seu lugar ten fillos, e iso non o acepta. Como non acepta un matrimonio que está acabado dende hai moito. Unha depresión que profunda máis e máis e nos tira canda ela, caendo nun abismo insondable, pouco a pouco, a cámara lenta, porque a protagonista ten moi pouco ao que aferrarse e nós sentimos ese baleiro. E destaca algo moi curioso: a alianza dos homes fronte á incomprensión, fronte á unha muller que está á deriva. Unha deriva provocada pola maternidade non desexada, pola soidade, polo baleiro existencial.
De fondo, o intento de salvación da protagonista por medio da lectura: Orlando de Virginia Woolf, En Grand Central Station me senté y lloré de Elizabeth Smart,  El fin del romance de Graham Greene... relacionados co propio motivo argumental desta novela curta.
Unha pequena xoia, moi diferente.



23/08/17

Pregúntame

En Océano Travesía podemos atopar este álbum de Bernard Waber con doces e máxicas ilustracións de Suzy Lee: Pregúntame é tenro, unha viaxe paternal dunha soa tarde onde pai e filla gozan xuntos dun paseo por un parque, cunha complicidade marabillosa demostrada nun diálogo constante con preguntas e respostas, destacando a intelixencia da pequena e facendo fincapé en que o pai quere sobre todo manter esa relación especial coa filla. Un pai activo nun álbum onde a nai, en contra do que normalmente ocorre, non aparece por ningures.



21/08/17

Que me quieras

Que me quieras de Meritt Tierce, publicado por Blackie Books é unha lectura que me deixou intensamente noqueada, por ser tan dolorasamente brutal, por pasear pola dor case dun xeito aséptico, facendo equilibrios, como eses que vemos desafiando a lei da gravidade. A saltos, sabemos da moza que ía ir a Yale pero queda embarazada na adolescencia, estragando calquera plan de futuro; logo, imos participando da dor, do traballo de camareira arredor de homes sen escrúpulos, da droga, das autolesións, do sexo. E imos tremendo. Cunha vida baleira que só é quen de encher cando pensa nunha filla que non vive canda ela, pero que ama por riba de todo, aínda que seguramente non saiba expresalo. Nalgúns momentos necesita abusar de si mesma, non hai quen lle provoque ese abuso senón ela mesma, e iso infrínxenos máis medo.
A carón da dor, o traballo, os compañeiros, a descrición dunha vida chea de vasos rotos onde a protagonista nin sequera se lamenta; a decisión valente de querer gañarse a vida por riba de todo, de non amosar os sentimentos, de ser unha boa profesional. Só o conta. Para que a dor sexa resolta con máis dor. E esta é relatada fragmentadamente, porque a dor non é senón a conciencia dunha vida espantosa, desgarradora. Como a lectura.



Pequeña en la jungla

Publica Blackie Books este álbum de Marta Altés titulado Pequeña en la jungla, un libro sobre as dificultades e as avantaxes que ten ser o máis pequeno da familia. Dado que a  nosa pequena protagonista nunca pode realizar as mesmas tarefas canda os grandes, decide ser moi valente e expolar pola súa conta o bosque, sen ser consciente dos perigos aos que terá que enfrontarse, captados polo lectorado grazas ás ilustracións e o seu detallismo e ignorados por ela mesma, porque a valentía -máis ben a inconsciencia- non os deixa ver. Unha metáfora da vida cotiá que debemos vivir, ás veces, como arriscada aventura.
Un álbum para peques moi rico e sinxelo.


19/08/17

La esposa del conejo blanco

Gilles Bachelet é o artífice deste álbum publicado por Adriana Hidalgo en gran formato: La esposa del conejo blanco conta a vida en forma de diario -escrito por ela mesma- da cónxuxe do famoso coello do libro Alicia no país das marabillas. Así saberemos como non está satisfeita coa vida que ela, estresada pola carga doméstica e familiar, facendo fincapé no machismo da situación -estamos na época vitoriana- e lembrándonos que a aparición de "Alicia" non é do seu agrado polo seu continuo cambio de tamaño.
Pero se o texto fala do traballo cotián e da vida escrava que leva a nosa protagonista, as ilustracións non deixan lugar a dúbida, xa que a realidade que amosan é ben peor que a poderiamos imaxinar pola lectura, engadindo asemade un toque humorístico e de frescura. Ás veces, o texto é coma un pé de foto para dar máis significado ao que vemos. Desde logo, debemos dedicar especial atención ás ilustracións, non só polo dito, senón pola mestura que nos ofrece con referencias constantes ao mundo de Alicia no país das marabillas
Se o álbum era divertido por si só, ten a xenialidade de engadir unha “Nota del autor”, que lle aporta unha nota humorística e que nos conquistará xa de vez.




18/08/17

La flor púrpura

Encantoume. Encantoume este libro de Chimamanda Ngozi Adichie publicado por Random House: La flor púrpura penduraba nos andeis da biblioteca como un libro desexable ao que nunca daba chegado, e, por fin, aquí está. Unha historia conmovedora que non deixa indiferente, onde descubrimos que a figura paterna, que nun principio semellaba eloxiable, é un home rico, demócrata, que se enfronta dende o seu xornal ao ditador que vén de facer un golpe de Estado, unha figura pública modesta e marabillosa, é en realidade un fanático católico maltratador na súa casa, unha figura a quen odiaremos a pesar das súas cualidades públicas. De fondo está o ambiente social e a violencia política, a pobreza do país, as diferentes crenzas e relixións. Pero o argumento principal, ese que nos deixa atrapados ás súas páxinas, é ese día a día de dous adolescentes que conviven nesa opresión doméstica ata que coñecen outra vida, a da súa tía e os seus fillos, onde se educa en liberdade e ledicia. O fanatismo é pois o que se critica no libro, o fanatismo de calquera tipo; un fanatismo que acarrea inxustiza e onde os seres humanos terán que procurar a súa propia xustiza. A xustiza poética teremos que deixala para outra ocasión.
Non a perdades.



16/08/17

El jardín maléfico

Un novo libro de Edward Gorey, na súa liña, é este pequeno tesouro que publica Libros del Zorro Rojo, El jardín maléfico. Unha vez máis, temos un argumento que en aparencia e a priori podería ser totalmente "normal" e realista: unha familia, decimonónica a xulgar polas ilustracións, vai pasar un día festivo a un parque. Pero todo cambia dende a entrada, porque o xardín está cheo de misteriosos perigos e marabillosos plans; uns plans que os personaxes semella que aceptan sen grandes xestos nin temores, e iso a pesar do perigo constante que os rodea: é o universo deste autor, a crueldade como algo intrascendente. Todo isto a base de pareados na parte esquerda da folla coa ilustración na dereita.
Outra xoia.

15/08/17

Ícaro

Un pracer descubrir este autor de novela negra que nos trae Salamandra na súa colección "Black": Deon Meyer e o seu Ícaro foi unha lectura apaixoante e diferente por vir dunha terra case descoñecida e aportarnos un retrato social dela (un país cheo de conflitos polícos e raciais, unha paisaxe case inclemente), ademais dun vocabulario definido e un argumento sólido. Non importa non ter lido ningunha entrega anterior desta saga cun detective protagonista (novamente, unha figura rompida en mil pedazos con adicción ao alcohol, algo demasiado manido para este tipo de personaxes) porque son independentes e é doado saber a evolución dos personaxes ata chegar a esta entrega. Desta volta temos varias liñas narrativas, todas elas ben fiadas ata confluir nunha soa: os negocios da internet, o cultivo vitivinícola, as fortunas chinesas, e a propia investigación dun asasinato (que aporta asemade o retrato emocional dos protagonistas da saga); todas elas quizais postas en función do retrato social ao que eludiamos, ese desafío dunha sociedade que vén de sufrir tanto durante tanto tempo e que vive aínda baixo unha sombra que non debería ter existido por canta dor supuxo: o apartheid.
Coido que haberá que volver a este autor.

14/08/17

Si las manzanas tuvieran dientes

Divertido álbum de Milton e Shirley Glaser publicado por Libros del Zorro Rojo: Si las manzanas tuvieran dientes é un exercicio estimulante da imaxinación, un mostrario de animais e obxectos que se atopan en situacións paradóxcias ou absurdas, con preguntas indirectas que enredan máis ao lectorado para deixar un pouso de humor e ironía ben acompañadas das ilustracións, tamén chocantes e cun final de película que convida a ir á seguinte páxina. Non hai máis que deixarse atrapar polo xogo que se nos propón para participar nunhas páxinas cheas de humor. Lembra a outros libros deste estilo que convidan a participar activamente nunha viaxe imaxinaria onde todo é posible. Por que non? Os límites poñémolos nós e a vida real, tan pouco apaixoante, se llo permitimos.



13/08/17

Non á violencia contra as mulleres (DXXV)

 "Danza"

12/08/17

JEZZY P:

Jezzy P foi unha das primeiras mulleres que en Ecatepc, concello mexicano con maior taxa de feminicidios, puxo a súa voz ao servizo dun hip hop crítico, falando da discriminación por xénero e do valor do traballo comunitario.




Visto aquí

11/08/17

Silvia Pérez Cruz - "No hay tanto pan"

10/08/17

O gatiño nocturno

A editorial Lata de Sal publica dúas coleccións: "Vintage" (que sigo fielmente) e "Gatos" (que colecciona a miña amiga Mónica). Desta volta vouvos falar dun libro desta segunda colección, porque só ollar a portada xa namora. Tanto, que a compañeira de Plástica pediu que se mercase para a biblioteca. A verdade é que é unha auténtica pasada este álbum de Sonja Danowski titulado O gatiño nocturno. A esta ilustradora xa a admiraba polo seu traballo en O principio, publicado por Kalandraka, e aquí volve conquistar, sen dúbida ningunha. A historia é sinxela, o amor polos animais, o respecto, a solidariedade; sinxela pero conmovedora. Amor pola música, asemade, tanto que o libro remata cunha partitura, unha oferta especial.



09/08/17

Valerosas

Este cómic de Pénélope Bagieu que publica Dib-buks é deses libros imprescindibles en toda biblioteca escolar: Valerosas. Mujeres que solo hacen lo que ellas quieren tráenos quince historias protagonizadas por outras tantas mulleres que procuran a súa liberdade individual nunha loita contra a sociedade patriarcal; e faino a través dunha pequena biografía que se centra nisto que nos interesa. O mellor de todo, é que non son as típicas biografías de mulleres valorosas que estamos acostumadas a coñecer, non, algunhas coñecémolas pero outras é a primeira vez que as descubrimos, o que lle engade valor ao cómic. Por exemplo, Agnodice, xinecóloga grega vestida de home para exercer a medicina, ou Clémentine Delait, muller barbuda. 
O libro non só sobresae por isto, senón pola estética empregada, xa que entre historia e historia hai unha dobre páxina incriblemente fermosa.


08/08/17

Non é unha caixa

Absolutamente delicioso este álbum pola súa sinxeleza e por un contido que nos fai lembrar que as cousas máis sinxelas son susceptibles de converterse en calquera xogo, levándonos ao lectorado adulto a una viaxe no tempo, onde os xoguetes era calquera cousa que colliamos, como fai o coelliño protagonista da historia. A caixa é unha caixa? Ou non. Pode ser calquera cousa, porque o maxín non ten límites, só aqueles que lle queiramos poñer nós. Así que o que no libro se nos presenta cunha caixa, no seu lugar poderiamos poñer moitos outros obxectos que utilizabamos na nenez, un simple pao, por exemplo, que convertiamos en pistola, en cabalo, en camiño...
Non é unha caixa é de Antoinette Portis e está publicado por Kalandraka.

07/08/17

Un máis

Olalla González e Marc Taeger son os artífices deste tenro álbum ilustrado publicado por Kalandraka: Un máis. A chegada dun irmán (ou de varios) é a base do relato, con estrutura repetitiva, que insiste na idoneidade deste libro para un lectorado ben novo, non só polo contido senón tamén pola forma. Tamén é ben acaída a lectura para traballar eses ciumes que poden sobrevir a nenos e nenas que se van converter en irmáns maiores, estimulando todos os xogos e actividades que como maiores poderán realizar.
As ilustracións inciden na ternura do texto.

06/08/17

La levedad

Como sobrevivir a un ataque terrorista? Como seguir coa vida? Como crer na arte, na beleza, estando rodeados de morte e terror? Catherine Meurisse escribe e debuxa sobre todo isto en La levedad, cómic publicado por Impedimenta. O xeito de sobrevivir á dor mediante á arte é retratado dun xeito fermosamente doloroso, facéndonos partícipes desta situación terrible que nos ensina que a arte, ou sexa, a cultura, pode salvarnos das inxustizas.
A autora e protagonista, en pleno shock postraumático por ter perdido a amigos e compañeiros nun ataque terrorista, cae nunha apatía que a converte nunha autómata incapaz de sentir, mesmo de se emocionar. Así que anímase a viaxar e pretende refuxiarse na literatura, pero non consegue saír dese estado. De aí, a procura da arte, de embriagarse de arte para sentirse viva de novo. Por iso o libro será un canto á beleza, ao poder que ten a arte para curar o que realmente parecía incurable.
De fondo, a loita por seguir procurando aquilo no que crían os seus compañeiros asasinados, o humor e arte do debuxo como loita social.




Non á violencia contra as mulleres (DXXV)

"Muda"


04/08/17

In a heartbeat

En 4 minutos ("Nun latexto"), a curta reflicte a experiencia de mozos LGBTQ, amosando que non hai nada que temer.
Vía Cultura Inquieta.


El cuento de la criada

A lectura de El cuento de la criada de Margaret Atwood, publicado por Salamandra, deixa un pouso amargo e unha reflexión que precisa repouso para ir inxerindo o lido. Non é doado.
O argumento é coñecido: situámonos nunha distopía aterradora onde a sociedade é extremadamente patriarcal e arcaica. A narradora e protagonista cóntanos a súa historia, a actual e a pasada, mendiante flashbacks. Na actualidade, comprobamos como a estrutura do estado aséntase en que as mulleres pouco poden facer, xa que son os homes os que mandan, os "Comandantes", que vixian con "Ollos" e "Anxos" ás "Esposas", que teñen ao seu servizo as "Marthas" para que fagan o traballo da casa e as "Criadas", mozas vestidas de vermello cunha única misión: enxendrar fillos e fillas dos Comandantes; só son corpos, ventres. Deste tipo de clase é a nosa protagonista. Tremendo.
A súa actitude é sobre todo de resignación polo que está a vivir, mentres a morriña apóderase dela continuamente lembrando todo aquilo que viviu nun tempo que semella remoto. Con ela, comprendemos a importancia do que lle foi arrancado a ela e a todas as mulleres: traballo, independencia económica, sexo, liberdade. Liberdade, palabra esencial, xa que agora nin teñen dereito a pensar. A ideas son perigosas. De aí unha educación que responde á destrución da conciencia individual, do pensamento crítico. As mulleres son propiedade dos homes, e punto.
Si, a historia é espeluznante. Escura. Pero ao mesmo tempo ese totalitarismo extremo que nos describe o libro sitúanos en lugares que existen, e iso é o peor, o que nos desmorona. A crítica é tan actual que a inquedanza que nos transmite agrándase por momentos. A sexualidade feminina dá medo, e este libro serve, quizais de testemuña directa dunha actualidade que, desgraciadamente, existe.
Si, non é unha lectura doada. Todo ao contrario. Non só polo que fala, senón tamén por como o transmite. O debate sobre "os ventres de aluguer" está arestora aberto... e este libro serve, asemade, como reflexión sobre este tema.
Para min, sobran as páxinas finais, que me sorprenderon negativamente: sobran, non engaden nada e paréceme un recurso demasiado utilizado que non era necesario neste caso.


03/08/17

Las muñecas son para las niñas


Las muñecas son para las niñas de Ludovic Flamant e Jean-Luc Englebert, publicado por Tramuntana, é un deses álbums imprescindibles cando falamos de igualdade. O título indícanos subrepticiamente de que vai, porque a onde quere chegar é a todo o contrario: o libro fala dos prexuízos que existen na sociedade, aquí identificados sobre todo co pai, aínda que tamén coa nai, sobre cales son os xoguetes que deben ter os nenos e cales non; por suposto, unha moneca non é para un neno, e sobrevoa esta denuncia no álbum. Un álbum que está contado polo irmán maior, o que lle aporta asemade un toque de orixinalidade.
Así que é un álbum ideal para educar en igualdade, para reflexionar sobre o triste feito de que entrar nunha xoguetería é entrar de cheo no mundo sexista que aínda está vixente. Ao seu carón, poderiamos falar doutros temas como as tarefas domésticas e as contradicións dos maiores.



02/08/17

Los cuentos entre bambalinas


Los cuentos entre bambalinas de Gilles Bachelet publicado por Thule proponnos un xogo: descubrir que conto hai en cada páxina. Así, descubriremos que Babar ou O Principiño van ao xastre, que o Lobo debe ir ao médico polas súas malas dixestións, que Pinocho quere unha operación estética de nariz... cada páxina é unha historia, un conto coñecido que debemos saber, contos tradicionais e non tanto, nun catálogo divertido de estampas en viñetas. Que segredos agochan os contos? Quizais con este álbum saibades -saibamos- algo máis. O que si podo dicir é que a min pareceume precioso, de principio a fin. Mirade a portada!
Unha homenaxe perfecta ao mundo da ilustración e dos contos.

01/08/17

Arte a la carta

Pareceume unha pasada este pequeno álbum de Benjamin Chaud que publica Libros del Zorro Rojo: Arte a la carta é un repaso á arte en clave de humor gastronómica. As súas páxinas propoñen gags que relacionan todo o que veño de dicir: arte, gastronomia e humor en 32 estampas caricaturescas. Como? Coido que como unha homenaxe a autores e cadros excepcionais. E mediante o humor consegue achegar esas obras dun xeito lúdico, de xeito que convida ao lectorado a procuralas. Porque o autor "cociña" as obras en dun xeito disparatado facendo caer os creadores nos seus propios tópicos. Con humor. Coma se fose un catálogo de entremeses gastronómicos.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.