Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/11/18

Non á violencia contra as mulleres (DLXIX)

19/11/18

Non á violencia contra as mulleres (DLXVIII)

18/11/18

Non á violencia contra as mulleres (DLXVII)

16/11/18

Os esqueletos divertidos

Janet & Allan Ahlberg son artífices deste divertido álbum que nos propón Kalandraka: Os esqueletos divertidos é unha historia chea de óso con tres esqueletos protagonistas (nada terroríficos, por certo) que viven nun soto e que contan unha historia acumulativa e redonda, xa que o final é igual que o comezo. Historia dun paseo nocturno que nos amosan unha serie de gags que provocarán os nosos continuos sorrisos xa que a pesar da súa intención de asustar non o darán conseguido... e é que asustar non é tarefa doada! Así que o que podería ser un álbum medoñento convértese con mestría en todo o contrario, e iso que a priori poderiamos pensar nalgo totalmente diferente: son esqueletos despistados con ganas de xogar.
Asemade, a posta en escena do álbum é tamén un xogo, xa que combina o formato cómic con viñetas e bocadillos e alternan os tamaños das tipografías. Outra cousa a ter en conta é que os diálogos están en maiúscula para facilitar a lectura do prelectorado. A pa.abra máis utilizada é "escuro" porque o autor e a ilustradora seguramente nos propoñen ese xogo de pensar no sinistro contrapoñendo esta idea coa tenrura da ilustración e coa diversión do libro en si.
Debo recoñecer que os meus xuízos feitos a priori ultimamente non dan no cravo! O cal constitúe unha alegría, neste caso cando menos.


15/11/18

Con voz

¡África tiene voz! - Sani Ladan, activista africano por los Derechos Humanos sobre migración


13/11/18

¡Dídola Pídola Pon!

Que Maurice Sendak era un xenio estaba claro. Con libro coma este déixao aínda máis claro. É que ¡Dídola Pídola Pon! o La vida debe ofrecer algo más é todo un reto de imaxinación e destreza. O libro fala duna cadeliña que ama a comida por riba de todo pero que está asolagada por un estraño espírito de aventura. Podería ser normal o argumento, pero o autor trátao maxistralmente, xa que é quen de achegarse ao descoñecido, a unhas zonas escuras que non adoitan formar parte de libros infantís; pero el elixe afrontar todo tipo de retos, onde os nosos temores máis agochados non suporán ningún tremor, xa que no fondo da escrita hai amor e respecto polo lectorado. E iso nótase.
Grazas, Kalandraka.


11/11/18

Non á violencia contra as mulleres (DLXVI)

10/11/18

Las niñas serán lo que quieran ser

Segue Raquel Díaz Reguera un camiño iniciado xa hai un tempo cos seus álbums ilustrados de empoderamento das nenas. Como esquecer o marabilloso e necesario Yo voy conmigo??? ou Cuando las niñas vuelan alto??? Agora tráenos este título tan pouco suxestivo pero tan identificativo, Las niñas serán lo que quieran ser, publicado por Lumen. Un álbum para lembrar que por moitas pedras que ás mulleres non poñan no camiño (aquí baixo o nome de "Noloconseguirás"), todas somos quen de perseguir os nosos soños e sermos aquilo que nos propuxemos. Porque se queremos, podemos. E non hai máis.




08/11/18

Descoñecidos na rede

Vídeo sobre os perigos de falar con descoñecidos por internet.
grooming


06/11/18

De Blancanieves a Moana: las princesas Disney han cambiado con nosotras

05/11/18

Vermella

Sabela Losada Cortizas resultou gañadora do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade con este pequeno álbum que trae do prelo Baía  con ilustracións de Minia Regos: Vermella. Moi interesante que un tema tabú que coido non ver con anterioridade na nosa literatura infantil, a menstruación,  sexa tratado con divertimento, coma se dunha investigación policial se tratase.


 

04/11/18

Non á violencia contra as mulleres (DLXV)

 Publicado na Voz de Galicia:
Coreografía sobre violencia machista no "Got Talent" francés.


A reconquista

Antía Yáñez resultou gañadora do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade con este pequeno álbum que trae do prelo Baía con ilustracións de Ana Pedreira: A reconquista. Unha obriña que fala de solidariedade e de liderado feminino dende dúas voces narrativas que sinalan ficción e divulgación.

02/11/18

Kusuma

Encantoume Kusuma, o libro con que Héctor Cajaraville gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil que convoca a editorial Xerais e que publica coas xeniais ilustracións de María Lires. Sabe o autor manexarse coa rapazallada e constrúe unha fábula necesaria sobre a inmigración e a solidariedade, sobre o medio ambiente e o seu coidado, sobre as consecuencias perigosas que supoñen especies invasoras e sobre o respecto á natureza. Todo isto nun libro que se le dunha sentada e que se deleita con cada palabra. Ao mesmo tempo nos lembra a invasión dos eucaliptos na nosa terra e con esta a nosa riqueza. Vaia, un libro completísimo onde o autor non deixa escapar ningún elemento necesario para a educación medioambiental e do respecto aos dereitos humanos.

24/10/18

ZULEIKA ESNAL

22/10/18

Un dous tres, vampiro ti es

Un dous tres, vampiro ti es é un libro divertido para o primeiro lectorado que conxuga palabra e imaxe a base dun esquema repetetitivo de xogo encadeado. Personaxes estraños e inquedantes como vampiros, monstros ou esqueletos proxectan en nós unha ollada tenra que nada ten que ver coa súa idea inicial medoñenta. En pastas grosas e manipulables, o libro rezuma humor e diversión. Ideal para esta época de Samaín... ou non, xa que sempre é agradable deixarse sorprender pola imaxinación de Nadia Budde. Publicado por Kalandraka.

20/10/18

Estoy bien



Curta sobre o suicidio.

17/10/18

Una hermana

En Diábolo edicións podemos atopar este cómic de Bastien Vivès: Una hermana. Unha pequena xoia que fala da fascinación dun mozo responsable por unha moza algo maior ca el pero que está moito máis experimentada tanto física como emotivamente. E comeza unha relación emotiva que conleva a perda da infancia para entrar na adolescencia plenamente. Son personaxes sinceros e reais que ollan o mundo e nolo ensinan dende a perspectiva do protagonista. Vemos o que el ve, sentimos o que el sente. E amamos canda el.
O debuxo é en branco e negro, pero aínda así é claro, luminoso. Os trazos son sinxelos, pero detallistas. De diferentes tamaños, xogando coa páxina. 
E todo el cun ritmo pausado sen chegar a ser lento.
Fascinante.

13/10/18

Y mi calle pa cuando

Xenias estas mulleres que loitan por unha igualdade real:


Visto aquí 


12/10/18

Aplicación instantánea

Creo que xa teño dito máis veces que se non existise Carlos Negro habería que inventalo. Mellor aínda, todas as LIX necesitan un Carlos Negro. Un poeta que leva a poesía ás aulas dos institutos. Resulta tan enriquecedor chegar emocionada a unha aula de 2º de ESO cun libro de poesía nas mans, comentarlles que o lin a noite anterior e seguro vailles gustar, lerlles un poema... e que sigan pedindo máis, que os comentemos, que nos dea para falar... e que voe a hora de clase con esa satisfacción de tela aproveitado moito máis que cando falamos do substantivo!!! A Carlos Negro gústalle apostar, si, pero faino sabendo que vai gañar, que esa aposta ten unha ficha segura nun xogo que se chama poesía. E nese xogo entran moitos xogadores e xogadoras que beben inmediatamente do mel dese triunfo poético.
Xoga Carlos Negro coa linguaxe literaria en Aplicación instantánea, en Xerais. E xoga coa actualidade, xa que neste libro podemos escoitar catro voces que son catro avatares con catro perfís psicolóxicos que se corresponden por tanto con catro personalidades con voz propia. Con elas haberá trazos feministas, trazos rebeldes, trazos galeguistas... pinceladas de crítica social e poemas que rachan con estereotipos; poemas que saen redondos e poemas que saben deliciosos.
Como en todo libro de poemas, hai algúns que me gustan especialmente e outros que non tanto. En todo caso, estou emocionada e desexando ver o alumnado lelo e saber a súa opinión e o seu goce.
Así que Carlos, se me les, que saibas que Lalín é o primeiro lugar ao que terás que acudir para falarmos deste teu libro. 

Xa tardabas, ho.
En canto unha moza che leva a contraria,
disparas.
Pero non creas que me arredo.
Porque aprendín a vivir noutro idioma
e cando ti me chamas zorra
coma quen cospe un esgarro
eu entendo adrede outra cousa
e subo lixeira
nese carriño con esquís
que me leva montaña abaixo
lonxe
moi lonxe 
de ti,
como unha Heidi feliz
que non precisa dun Pedro feroz.





09/10/18

Paseniño, paseniño

Deses libros alfaia que dá gusto mirar, ollar, e volver a el para relelo de cando en vez, do mesmo xeito que nos indica o título, paseniño: Paseniño, paseniño de Antonio García Teijeiro con ilustracións de Marcos Viso, ilustrador que se manifesta con gran delicadeza na súa interpretación dos poemas que acompaña. Un diálogo coa obra da nosa Rosalía que vén de se reeditar xunto cun CD con poemas recitados polos autor e que publica Xerais. Os poemas parten do diálogo que o poeta establece con Rosalía, e nese diálogo fálase de natureza e fálase de amor, mesmo fálase da palabra poética que é quen de producir poemas como os que acariñamos coas mans. Como somos quen de acariñar as ilustracións que xogan con estas palabras, que reinterpretan, que contradin, pero que sobre todo homenaxean a Rosalía, coa presenza das súas iniciais.
Sinto non ter o libro inicial publicado en Everest e ilustrado polo gran Cobas.



08/10/18

Los monstruos tienen miedo de la luna

Marjane Satrapi escribe  unha historia divertida sobre os medos nocturnos neste Los monstruos tienen miedo de la luna que publica Norma. Un álbum infantil con moita cor e léxico sinxelo que fala como enfrontar ese medo á escuridade que senten nenos e nenas nalgún momento das súas vidas. Hai que procurar unha solución, e aquí veremos como a nosa protagonista farao dun xeito moi particular.


07/10/18

Ajdar

Marjane Satrapi realizou a súa primeira incursión no álbum ilustrado con este Ajdar publicado por Norma. Unha historia ambientada en Oriente, protagonizada por Ajdar, un dragón que vive no centro da terra e coida dos humano. A autora propón neste relato unha crítica social ao falar da irresponsabilidade do home con respecto ao planeta, este que é único e que non estamos a coidar como debemos.

06/10/18

Súplica a la mar

A editorial Salamandra publica este fermosísimo libro de Khaled Hosseini con ilustracións de Dan Williams, Súplica a la mar, que vén a ser unha sentida homenaxe ás persoas refuxiadas; o relato baséase na morte do neno Aylan Kudi, tristemente famoso pola foto da súa morte desamparada.
O relato é unha oración que un pai dirixe ao mar na véspera da súa viaxe; esa noite anterior comprende os perigos que os agardan e lembra a súa vida pacífica cando esta era posíbel. Pero tamén fala, precisamente, da morte da felicidade e da paz.
Unha lectura tristeme e tenra, un libro para ler e follear. Paga a pena volver a el. E sobre todo paga a pena non esquecer.




05/10/18

Hay un orangután en mi habitación y no se que hacer

E ti, sabes que facer?


04/10/18

La trenza

Laetitia Colombani escribe La trenza, publicado por Salamandra, un libro que se le rapidamente e que... está "ben", no sentido de que se deixa ler pero non saborear, porque non acaba de convencer. Si, é interesante, pero resulta algo distante, frío, debería haber máis emotividade e a autora non a consegue. E é unha mágoa.
Tres mulleres, tres continentes, tres vidas. E sobre todo, tres loitas. Tres mulleres que loitan é a historia que nos conta a novela. Ou sexa, o libro parte dunha base que me interesa. De feito, lino case dunha sentada, porque me interesaban as tres vidas que alí se debuxan, interésanme os tres destinos contra os que se levantan cada día e seguen adiante. Sobre todo, a vida dunha delas, a que vive na India, resultoume máis apaixoante. Porén, non acaba de emocionar, de prender. Son tres historias que poderían dar moito de si se se profundase nelas, se tirase o que se agocha no seu interior. Pero isto non sucede. Tres historias duras (algunha máis ca outra) pero non rachan os sentimentos do lectorado. Algo non vai ben, e máis tendo en conta que unha das historias, aínda que sexa unha loita, é bastante máis superficial cás outras dúas. Aínda habendo distancia entre estas dúas.
O nexo de unión destas tres historias aparentemente tan estraño, déixase entrever case ao final, e dálle o título ao libro. Resulta un nexo marabillosamente emotivo, aínda que semelle traído un pouco polos pelos, valla a redundancia, coma se fose apresurado e houbese que rematar porque acababan as ideas. Quedoume algo coxo.



03/10/18

E... Soengas metastaseounos

Hai días.
E hai DÍAS.
Onte foi un deses DÍAS.
Un deses DÍAS indelebles, que permanecerá na memoria.
Marisol Soengas fíxoo posíbel.
Cantas actividades levaremos organizado nos centros? Sempre traballamos por e para o alumnado. É a nosa máxima. Queremos que aprendan, sobre todo, a ser mellor persoas. Queremos sentirnos orgullosas de velos medrar.
Encántame a miña profesión! Encántame estar rodeade de futuro. Porque eles e elas son o futuro. E pídolles que constrúan un futuro mellor.
Hai moitas persoas que acoden ao centro de ensino para falar da súa obra, para falar do seu traballo. Pero ademais cosntitúen un exemplo a seguir. E iso é importante.
Onte coñecemos a Marisol. E ensinounos que as persoas humildes son as máis valorosas, as máis afoutas, as máis intelixentes. As que conviven cun sorriso contaxioso. Queremos manter este contaxio para sempre.
 Grazas, Marisol.

02/10/18

Zahara - Hoy la Bestia Cena en Casa

Valente canción de Zahara que defende as súas conviccións nunha canción que lle suporá, de seguro, moitos ataques.

https://www.eldiario.es/cultura/Zahara-nueva-cancion-vientres-alquiler_0_819618131.html

30/09/18

Mamá, quero ser Ziggy Stardust

Xenial proposta esta que nos fai Iria Misa na editorial Xerais: Mamá, quero ser Ziggy Stardust -con ilustracións de Alba Barreiro- é unha lectura necesaria que vén a cubrir un oco da nosa literatura e que completa o espazo creado por 22 segundos, o tema da transexualidade.  Desta volta dirixida a un público un pouco menor que o libro de Eva Mejuto.
Si, unha nena que non se identifica co sexo e xénero asignado ao nacer e que se sente unha admiración especial por todo canto representa a figura de Ziggy Stardust, é dicir, a súa androxinia e a súa música. Resulta moi interesante porque o libro non nega os problemas que conleva, os problemas familiares, o rexeitamento dunha parte da sociedade, a actitude dos pais e nais, os conflitos escolares, os conflitos emocioniais... Imos descubrindo en cada páxina o duro que resulta esta batalla vital. A voz narradora, interesante voz que vén a ser ese amigo invisíbel necesario para seguir adiante, non rexeita falar da problemática cotiá da protagonista, e iso gustoume. Por suposto, como libro dirixido a un público infanto-xuvenil non se recrea nela nin afonda, pero coido que é un libro necesario e fantástico para dar visibilidade á diversidade.
Desde logo, lectura máis que recomendábel para os dous primeiros cursos da ESO.


27/09/18

Necesitamos nombres nuevos

Máis que interesante lectura esta que nos ofrece Salamandra: Necesitamos nombres nuevos de NoViolet Bulawayo. Unha lectura profunda que nun primeiro momento podería pasar desapercibida. Un grupo de rapaces e rapazas que viven en liberdade, pero que viven así porque conviven nun suburbio, non van á escola porque non hai profesorado, porque o seu país está en permanente conflito. A través deles imos comprobando as profundas desigualdades sociais que existen, as eleccións amañadas, a pobreza, a corrupción, a violencia, a sida. Porén, en ningún momento se nos di o lugar exacto onde viven. Por fin, a emigración a Estados Unidos. A dor desta situación centra o relato, unha dor do recordo. Se había crítica cando estaban en África, agora non para. Fala da violencia da sociedade norteamericana, pero tamén das desigualdades, do racismo, do acoso escolar.
Esteamos onde esteamos, a vida é dura, e así nola amosa. Na primeira parte dende unha visión máis infantil, máis inxenua, pero con detalle; unha vida dura onde hai unha familia e unhas amizades que acompañan. Na segunda parte cunha visión máis aceda onde a soidade reina xunto coa ausencia de expectativas.
En todo caso unha novela realista, que sen ser unha pasada está ben e que nos recorda cousas que ás veces tendemos a esquecer.


"A estos de la ONG les gusta mucho hacer fotos, como si fuéramos sus amigos y sus parientes de verdad o algo así, como si luego, al volver a sus casas, fueran a ponerse a ver esas fotos y a decirles nuestros nombres a otros amigos y parientes. No les importa que a nosotros nos dé vergüenza estar sucios y llevar la ropa rota, ni que prefiramos que no nos hagan fotos"

24/09/18

A balada dos unicornios

Estes días coñecín -ou recoñecín- a Jack el destripador. Si, unha novela de alento xuvenil transportoume ao Londres vitoriano cos seus crimes máis sanguentos. Sen concesións. Abraiante, ou non?
Foi unha sorpresa esta lectura. Claro, ler os libros de Ledicia sempre é un pracer. Sorpréndeme cada día o seu maxín e encántanme esas personaxes femininas poderosas que é quen de construír. Resulta tan agradable ver como as mulleres independentes e afoutas pasean polas súas páxinas! Este é un libro de mulleres, mulleres con poderes, mulleres boas ou malas, mulleres que poboan un universo que semella querer seguir; a protagonista é forte, pero sábese fráxil: aí radica a súa luminosidade. Seguro, seguro, que todo o seu lectorado xuvenil pedirá que este libro sexa o primeiro dunha saga.
Non estraña o premio conseguido por Ledicia Costas con este A balada dos unicornios que vén de publicar Xerais. Un xeito de aupar aínda máis a LIX. Un nivelón. Non, non errei de vogal, sei o que quero dicir.
Cando ollei a contraportada, pensei "non me vai gustar"; que equivocada estaba! A verdade é que estaba a lelo e ía pensando: "que premio máis axeitado"; estou desexando que o lea o meu alumnado de 2º da ESO.
Pasearemos por unhas páxinas máxicas, cheos de elementos disparatados, inventos de todo tipo, con ollos que non o son e corazóns mecánicos que senten. Con cans que guían humanos. Con crimes. Con maldades que semellan invencibles. Con amor. Con moito amor. Con todo tipo de amor. Seica todo isto chámase Steampunk .
Sorpresa tras sorpresa, resulta unha viaxe emocionante. Tanto, que o libro atrapa e envolve. Queremos saber máis. Aínda agora, queremos saber máis.

A tristura ten patas de araña e medra. Como tamén medran os soños, e a chuvia, cando cabalga fuxindo da súa nube

19/09/18

Senlleiras

Déixase ler Senlleiras de Antía Yáñez, publicado por Galaxia, nun salaio, nun curto espazo de tempo no que, precisamente, desaparece a noción temporal para nos centrar nas personaxes que o libro nos ofrece. Certo é que o libro nos atrapa dende o principio ata o final, xa que ten alento propio. Non sempre me convence a calidade da voz narradora nin o detalle fantástico que voa nalgunhas das súas páxinas, pero gústame sobre todo a ollada deitada no pasado, naquelas vidas miserables e tan reais que nos falan de pobreza e ignorancia -tantas veces unidas, por desgraza- como a peor lacra social. Gústame a imaxe dunha nena afouta e intelixente, lectora, con capacidades "masculinas", que é independente... ata que deixa de selo; unha moza que reclama o seu espazo de afectos, e que cando pensa topalos, estes resultan pouco reais. O que si atopa é unha violencia que naquel momento non tiña nome, porque a muller era obxecto; e os obxectos poden golpearse, racharse, esquecerse. Cos obxectos podemos facer o que nos veña en gana. Esa era a concepción que había sobre as mulleres.
Era?
Viaxemos no tempo e situémonos nas protagonistas actuais. Naquela que non é quen de falar dos seus sentimentos reais –de saír do armario- e daquela que semella telo todo. TODO. Pero que baixa esa capa de felicidade agocha outro tipo de violencia, seguramente a máis terrible porque cada día vai minando a personalidade facéndoa máis feble sen vela: a violencia psicolóxica. A manipulación é unha arte e aquí amósase claramente.
E tiremos conclusións.
Ambas historias, pasado e presente, terán un delicado fío que as une e que dá protagonismo ao espazo. Ese "cuarto propio" reclamado e non sempre obtido.
Encantoume a recuperación da figura de Corona González, articulista preocupada pola emigraicón e a educación das mulleres,  e os seus textos xornalísticos. Serve para alucinar xa de paso un libro dun médico coruñés, Roberto Nóvoa Santos, que fala da "pobreza mental da muller". En fin, sen comentarios...
Sei que vai gustar.






17/09/18

Olive Kitteridge

Elizabeth Strout tráenos unha personaxe memorable en Olive Kitteridge, libro publicado por Duomo.  Unha novela que case podería ser un libro de relatos nos cales retrátase a vida nunha pequena vila, coñecendo os seus habitantes baixo un nexo, a protagonista, unha muller que enche o libro e que nos desconcerta, nos atrae, amámola e odiámola, e sobre todo queremos comprendela. Con ela viviremos momentos cruciais da súa vida e das persoas que a rodean. Cando pechamos o libro, non deixamos de pensar nela; aínda que ten ao seu arredor personaxes importantes, como o seu home, entrañable, servicial, querido.
Asemade, a voz narrativa, próxima, detallista, sen ritmo pero cativadora.
O paso do tempo, os erros que se cometen ao longo do tempo, o deteriroro do corpo e da mente, a soidade, a vida, en fin, é o pouso do libro. Neste paso da vida quedan remosos, recordos, desilusións, amores, ledicias e tristuras, conflitos coas persoas que nos rodean. Así é a vida. E así nola conta o libro. Pero baixo esa ollada acaparadora da protagonista, preguntámonos cando se equivoca e cando non. Cando sofre as consecuencias ou cando é suficientemente forte. A vida non é doada. Nunca. E é por iso que a obra achéganos os conflitos do ser humano, coa resistencia que este posúe. E é por iso que a visión pesimista subsiste.
Un libro para saborear.


16/09/18

Micromachismos. Machismo invisivilizado

A Asociación Berenguela Pola Igualdade presenta "Micromachismos. Machismo invisibilizado", un vídeo colaborativo e interxeracional feito coa participación de veciñas, asociacións e establecementos de Vedra co obxectivo de facer visible o machismo cotiá, tan arraigado que chega a ser imperceptible.


15/09/18

Fun Home. Unha familia tráxica

Unha boa nova para a nosa lingua: publica Rinoceronte Fun Home. Unha familia tráxica de Alison Bechdel.
A historia que conta é moi interesante, aínda que non me acabe de convencer a súa lectura, non sei se por ter unha prosa demasiado densa ou pola inxenuidade dos debuxos. Aínda así, é unha obra a ter moi en conta, polo interese que supón a historia en si mesma (o descubrimento da propia sexualidade, a relación con seu pai, a oculta homosexualidade deste...) e polo amor pola lectura que respira a obra. Isto destaca dende un principio: a autora amósanos personaxes lectores continuamente; os libros son e serán case o único vínculo con seu pai e serviranlle á protagonista de explicación para que o lector poida entender o carácter ben difícil da figura paterna.
E como todo, TODO, está nos libros, o suicidio do pai está en Camus, a sexualidade da moza está en Colette e a relación filiopaternal en Wilde. E isto é posible porque a literatura é a vida.
Xunto ao amor á literatura está o compoñente argumentativo principal que xira arredor dun pai que resulta ser o que non se pensaba; a autora consegue presentarnos o complexo mundo no que vive con sinceridade absoluta e cunha reflexión necesaria que se fai dende a honestidade e a procura de coñecerse a un mesmo e aceptarse. O que non sempre é doado.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.