Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/05/22

Os libros que hai en min

 


Cando lin Os libros que hai en min publicado por Cuarto de inverno, pensei se eu tamén podería facer un exercicio de reflexión parello ao que realizou Emma Pedreira. Porque na miña vida hai moitos libros tamén; se tento botar a vista atrás (un monte de anos, por outra parte), lembro sobre todo ao Capitán Trueno, que lin e relín mil veces, e os “Clásicos Ilustrados” cos que coñecín todos eses libros dos que falamos hoxe e o noso alumnado non coñece: As aventuras de Tom Sawyer, Hucklebery Finn, todas as obras de Julio Verne, Moby Dick, contos de Grimm... e un longo etcétera. Na páxina 23 deste libro, a nosa autora afirma que chegou tarde á lectura; eu, porén, cheguei moi, moi cedo. Quizais porque tiven a sorte de termos libros na casa xa que meu pai era un gran lector; quizais porque non había outra cousa que facer, literalmente. Pouco despois Emma tamén nos recorda as primeiras lecturas, libros que eu tamén lin na miña infancia, 13 anos antes: Los Hollister, Los Cinco, Los siete, pero quen roubou o meu corazón de verdade foi unha colección dunha nena danesa internada chamada “Puck”: aínda conservo toda a colección de libros que debín reler cando menos 5 veces cada un. Na páxina 37 lembra Emma o seu primeiro libro de poemas (grazas a unha enfermidade), que lle chegou de tal xeito que a converteu en poeta; eu, porén, non cheguei á poesía ata ben máis tarde.

Así pois, para as persoas que amamos a lectura, este libro é asemade un baúl dos tesouros, porque convídanos a realizar, a nós tamén, un exercicio de reflexión persoal.

Así que temos un libro de memoria, de memoria persoal e de memoria lectora, posto que as súas vivencias particulares (curmáns, avós, enfermidades, madureza...) vincúlanse aos libros que van marcando as diferentes etapas da súa vida. É por iso que estamos ante un libro vivo que foxe de academicismos e que pousa a súa particular ollada de xeito desenfadado nos libros que atopou ela ou que dalgún xeito repousaron no seu ollar para convertela nunha lectora voraz. Emma comparte unha das miñas obsesións, e agradézollo: falar de libros, recomendalos, compartilos.

A autora fai organizando un libro de memorias bibliográficas, xa que o seu propio eu, o eu da narradora, pero aquí tamén da autora, constrúese a partir das experiencias lectoras. De aí que o libro comece cunha ‘Declaración de intencións’ que nos dá o punto de inflexión e o matiz creativo de todo o texto: un texto que vai ser un tecido exquisitamente bordado por anécdotas, títulos, críticas, listaxes, datos, fragmentos... compoñendo así un tapiz no que perdernos se amamos ler. Curioso compartir como nun primeiro momento das nosas vidas só temos títulos en castelán escritos por homes; será a nosa propia madureza a que nos leve ao galego e ás mulleres. Na páxina 90 lembra a descuberta do racismo e a descuberta da violencia contra as mulleres aos seus trece anos: no meu caso este achado chegou moitísimo máis tarde, así como o meu particular  gusto por Chimamanda; pola contra, cheguei antes a Jean Austen.

Pero ao mesmo tempo o seu libro fala tamén da súa relación coa escrita, intimamente ligada á lectura.

Outro aspecto suxestivo é o carácter colectivo que a autora logra imprimir neste libro; xa o dixen: o primeiro é repensar a nosa propia historia lectora. Pero é que a autora diríxese constantemente a nós, lectorado que estamos do outro lado do libro, fainos preguntas, convídanos a participar, mesmo realiza un xogo como o de “Rayuela” para non lermos o libro de xeito tradicional. Isto é a outra esencia literaria: a intertextualidade como diálogo. Moitas veces asistimos ao debate de “se a lectura nos fai mellores persoas” (e temo que a resposta é non, visto o lector que foron personaxes como Hitler) pero a literatura si é quen de asumir certas capacidades (cando menos, eu como profa de literatura así o considero), como por exemplo a capacidade de reflexión e a capacidade de creación, non só persoal senón tamén comunitaria. De feito, este libro é un deses espazos común que podemos compartir.

Compartir lectura, libros, é para min unha parte esencial da miña vida; non comprendería vivila doutro xeito: a paixón rebélase en min cando falo de libros, cando o meu alumnado me pide que lle recomende lecturas. Sei que un libro me gusta cando os seus personaxes entran nos meus soños. Nese momento, sei que ese libro apoderouse de min, e iso compráceme enormemente; ben é certo que non todos os personaxes son quen de coarse nos meus soños, o que non implica que esoutros libros non me gusten; pero o feito de me acompañaren fan que sexan dobremente especiais para min. Porque o acto de ler é un acto de dominar a soidade, de dominar, ás veces, a tristura que nos asolaga; é unha maneira de saber que estamos no mundo para algo. As palabras son compañía necesaria. Non son unha relixión, aínda que ás veces poida semellarse; os libros repousan nos seus andeis, aínda que ás veces, non nos deixan camiñar libremente, tanto espazo ocupan nas nosas casas e por tanto nas nosas vidas.

Non podo rematar estas poucas liñas sen falar de algo que ela tamén menciona na páxina 97: acumular libros que nunca leremos. Non sabe ela o acertada que estivo comigo e as miñas propias particularidades ao mencionar unha palabra en xaponés: ‘tsundoku”; a miña casa está chea de libros que sei que non poderei ler nunca, aínda que admito que desexo a miña xubilación para tentar solucionar algunhas destas carencias. Eu si lin a Pennac a mantenta e dígovos que tedes todo o dereito de deixar os libros a medio ler se non vos gustan, entre outros dereitos dos que gozamos como lectoras.

Por outra parte, adoro os álbums ilustrados e os pop-up, como tamén os “libros raros”. Así que está visto que sen nos coñecer, temos moito en común Emma e mais eu.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.