Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/01/21
#NoMoreMatildas
16/01/21
Ocultos en el bosque
Un deses álbums imprescindibles en toda casa que teña nenxs e en toda biblioteca. Mitsumasa Anno -Premio Hans Christian Andersen en 1984-, autor xaponés falecido hai pouco, é un artista esencial en Xapón, con máis de 300 libros. Este que agora temos nas mans, grazas a Kalandraka, de título Ocultos en el bosque, foi publicado por vez primeira en 1977, é é unha obra visual sen palabras que supón un desafío en cada páxina, xa dende a propia cuberta. Non é doado en moitas ocasións atopar os animais agochados que o artista nos ofece, polo que o libro convértese nun xogo para horas de soños e maxinación. Unha auténtica gozada!
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
15/01/21
O axolote e outros contos de bestas e auga
Aínda que non son eu moito de relatos, pareceume moi interesante esta proposta que nos convida a ler Lara Dopazo Ruibal a través da editorial Galaxia: O axolote e outros contos de bestas e auga lévanos a viaxar polo misterio e polo sobrenatural, con fenómenos naturais e animais fascinantes (reais ou non) que remexen na tradición oral e no imaxinario popular, que sorprenden e que nos deixan ao remate de cada relato agardando, cunha estraña sensación de illamente e de sobrecolledora ausencia que non sabemos explicármonos. A autora crea escenarios afastados en breves relatos que modulan a tensión narrativa e o ritmo para sorprendernos con latitudes alleas e lendarias.
Moi recomendable.
Premio Illa Nova 2020
Atoparalo en Biblioteca, Galaxia, Lectura, Letras Galegas, Libros, Premios
14/01/21
Ella pisó la luna
Breve e intenso este libro de Belén Gopegui que recolle unha conferencia da autora baixo o título Ella pisó la luna. Ellas pisaron la luna, publicado por Random House. Intenso e emocionante, xa que reivindica os logros silenciosos das mulleres a través da figura da súa nai. Pero a nai é un pretexto para falar de todas as nais, das mulleres que nos rodean, que loitan e loitaron por transformar a sociedade. É un libro que chega aos nosos corazóns porque na historia da súa nai, na historia que conta están tamén as nosas nais, as nosas avoas, as nosas amigas, e nosoutras. Por un mundo mellor. Por un mundo igualitario.
Atoparalo en Lectura, Libros, Penguin Random House, Recomendamos
12/01/21
Canción negra
Atoparalo en Ilustración, Lectura, Libros, Nórdica Libros, Poesía, Recomendamos
11/01/21
Yo voy soñando caminos
Unha recomendación para amantes de libros ben editados: Nórdica, marabillosa editorial -máis na súa colección ilustrada, por motivos obvios, para min- ofrécenos ler a poesía de Antonio Machado ilustrada por Leticia Ruifernández; un percorrido polas cidades nas que viviu o autor, con 40 poremas seleccionados por Antonio Rodríguez Almodóvar, e cun epílogo de Julio Llamazares. Vaia, que máis non se pode pedir. Así que xa sabedes, é hora de reler a Machado gozando visualmente dos seus poemas.
Atoparalo en Ilustración, Lectura, Libros, Nórdica Libros, Poesía, Recomendamos
10/01/21
Illa Decepción
Publica Berta Dávila en Galaxia Illa Decepción, un fragmento do pasado, do futuro, dun presente sen fin. Tempos nos que non cambian os escenarios porque hai esperanza na memoria e no porvir. As casas que nos deixan pegada porque foron nosas, as relacións familiares e a falta dos seres queridos que marchan para sempre. Tamén a Covid-19 ten oco no libro, igual que moitas referencias culturais. É, por tanto, un libro sobre a vida.
Atoparalo en Galaxia, Lectura, Letras Galegas, Libros
07/01/21
06/01/21
O perfil da boca
Un libro que namora por fóra. Sen previo aviso, sen tocalo sequera, queremos posuílo. Tanta é a fermosura que transmite! Abrímolo con coidado, con discreción mesmo, marabilladas ante as ilustracións que nos agasallan as primeiras páxinas. Agardamos, contemplando a beleza, antes de seguir; logo virá a lectura demorada, tenra, emocionante. Cánticos ligados á infancia, á aldea. A avoa como eixo. Eu, que non a tiven, añóroa. Porque este libro é unha homenaxe a todas as avoas (e eu agora tamén o son), unha homenaxe que se transforma en demostración de afecto, en expresión de vida, en defensa dos sentimentos. A voz poética lévanos por terreos vizosos que nos transmiten cheiros e sons e que nos leva a infancia, a súa e a de moitas persoas, a unha infancia que non se debe esquecer.
O perfil da boca, de Lorena Conde, editorial Urutau.
Atoparalo en Editora Urutau, Ilustración, Lectura, Letras Galegas, Libros, Poesía, Recomendamos
05/01/21
Tierra de fuego
Esta novela negra levoume de viaxe a Chile e a Suecia. E gustoume. Engancha dende o principio e presenta unha trama ben construída e interesante. Tierra de fuego é de Pascal Engman e está publicada pola editorial Roca. O autor volve a demostrarnos que o paraíso sueco non existe e a inseguridade tamén é moeda de cambio. De fondo, na parte chilena, o nazismo como telón de fondo e máis acá a ditadura chilena. E algo tan aterrador como o mercado de órganos e o secuestro de nenxs da rúa. Unha detective que terá continuidade, e que agardamos, Vanessa Frank. Todo mesturado dá como resultado unha boa novela que vos recomendo se vos gusta este xénero.
Atoparalo en Lectura, Libros, Novela negra, Recomendamos, Roca ed.
02/01/21
Velloucas & Minchas
Lorena Conde gañou o III Prmeio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con este Velloucas & Minchas, publicado por Cuarto de Inverno, unha lectura que terá éxito, coido eu, entre o lectorado novo (1º, 2º da ESO), xa que consegue manternos pegadxs ás súas páxinas e queremos saber como vai acabar todo. A pesar de introducir na historia un malo demasiado malo, un personaxe dende o meu punto de vista pouco crible e non acabado de construír, as páxinas centratanse en transmitir valores positivos como a diversidade sexual -en persoas maiores, que resulta desde logo máis innovador- e inclusividade (ambos supoño que foron quen lle outorgou o premio). O feito de que as protagonistas -agás as nenas- sexan mulleres maiores que celebran a vida e loitan polos seus dereitos é un dos piares da narración, que se sustentará asemade nunha vila que como todas as vilas ten habitantes diversos, habitantes tolerantes e intolerantes, unha vila que festexa e que baila. Canda esta vila iremos coñecendo unha nena que vive con temor pero tamén con valentía os sucesos que ocorren ao seu arredor, acontecementos que a fan sufrir e que axudarán na súa madureza e na construción da súa personalidade.
Atoparalo en Cuarto de inverno, Lectura, Letras Galegas, Libros, Premios, Recomendamos
01/01/21
O paraíso dos inocentes
Non se me ocorre mellor xeito de comezar o ano que recomendando un bo libro da nosa Literatura. Así celebremos o cambio de ano coa esperanza de que este sexa mellor para o mundo e que medre a nosa Literatura. Antón Riveiro Coello non decepciona, porque ten oficio, e este oficio demóstrase novamente en O paraíso dos inocentes, publicado por Galaxia. Unha novela que nos introduce por vez primeira na nosa Literatura (creo) no conflito sirio. Neste libro pasearemos con medo polas rúas de Alepo, mentres é bombardea e mentres vivimos nunha guerra sen fin. Logo, chegaremos a Bruxelas, onde -a pesar de ser unha cidade occidental- tamén percorreremos rúas que están en guerra, xa que o mundo occidental amosa a súa indiferenza e a súa non-aceptación daquelas persoas necesitadas que fuxiron da fame, a miseria, o medo e a guerra. Que significa ter que marchar do propio país? A soidade, a dor, o medo camiñan ante a nosa indiferenza. Ese camiñar marca as páxinas do libro. Un camiñar pousado, tráxico, vibrante... esperanzador. Si, tamén atopamos a esperanza entre os cascallos das rúas e os cascallos dos corazóns. Aferrémonos a ela. Sen ela, non poderemos xuntar eses anacos de vidas esnaquizadas por políticas incongruentes e intransixentes. Neste sentimento ventureiro atoparemos tamén como reconstruírnos despois da morte de seres queridos, atoparemos a humanidade, atoparemos un sorriso que pague a pena, a pesar de todo, porque somos seres humanos, capaces de cometer actos atroces pero tamén capaces de sermos solidarixs, afectuosxs... ao fin e ao cabo, humanxs.
Atoparalo en Galaxia, Lectura, Letras Galegas, Libros, Recomendamos