Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/02/19

Vilaine Fille

Sen subtítulos; as imaxes contan o que non se pode contar. Magnífica e durísima curta de animación.

VILAINE FILLE | César 2019 (EN/FR) from Les Valseurs on Vimeo.

27/02/19

Niña entre niños

26/02/19

A furgoneta branca

Emotivo álbum este que nos trae Xerais da man de Fina Casalderrey con ilustracións de Lucía Cobo: A furgoneta branca fala de coidado, amor, respecto, e comuñón cos animais. A tenrura domina as súas páxinas polos sentimentos e a sensibilidade coa que está escrito e ilustrado. Namentres, unha báoga foxe da ollada do lectorado porque sente a anguria dese animal só.

Xoana - Mártires

25/02/19

A orde do día

Publica Kalandraka A orde do día de Éric Vuillard, interesante lectura sobre a Segunda Guerra Mundial, a economía e a política. Unha obra para ler e pensar, pero tamén para tremer e sabérmonos vendidos.
Quen logrou eu Hitler estivese no poder? Que houbo detrás? Cartos, apoios. Industriais alemáns déronlle grandes cantidades. Logo, políticos pusilánimes e covardes. Entre todos eles forxouse a lenda dunha besta que conseguiu asasinar a millóns de persoas.
Un punto de vista moi chamativo o do narrador, xa que o libro está contado coma se fose unha conferencia; nela sinala culpables con nome e apelidos. Moitos deles seguen vendendo con marcas ben coñecidas na nosa economía actual. E isto fai que o presente e o pasado, xuntos, sexan máis terribles. Porque o poder económico é camaleónico, capaz de adaptarse a calquera ideoloxía por non perder a súa influencia. Cantas veces é a política a dominante e cantas a dominada? Non podemos deixar de lembrar aquilo de "poderoso cabaleiro é don Diñeiro".
Que medo.


24/02/19

Manifesto Nosa Señora das Letras 2019

Dende A Sega:

Escachar a palabra

 
Apoiada no espello, unha treboada. Ninguén é capaz de contela, nin sequera o texto. O universo enteiro ábrese no seu puño contido. Desafíanos e desacóuganos porque sabe que as imaxes que nos contaron non son certas.
Ela, a treboada apoiada no permanente espello, pariu o fillo do que ninguén nos falara. Fíxose corpo. Deunos voz. Perseguiunos coa súa forza, intemperiadas, ata un infinito que chegou demasiado axiña. Arrasou os marcos, desbotou as imaxes para quedar coas palabras.
E a palabra permanece. Permanecen os seus anacos que non buscan recompoñernos, senón escacharnos por dentro. Transgredir e transcender. Cada palabra escrita co sangue da vida. Na poesía, na tradución, na edición. Abrindo dun lado e doutro un cento de espellos nunha imaxe súa que quixeron presentarnos solitaria, mais que agora é nosa para multiplicala, porque nela nos recoñecemos.
Non é tempo de pararse a mirar. Nun mundo do que sempre se sentiu parte activa, dende o coidado e a ollada atenta, sensible á imaxe que fixeron dela, rebelde contra a estampa sexualizada do gusto de señores que dan títulos de poeta nova, ela fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario. Retorceu as palabras, escachounas. E no seu xesto inconmensurable aliméntanos cos anacos para converternos nós tamén en escachadoras, para espallar a súa rebeldía e talento incomparable, como espallamos a partir de hoxe o seu nome que tamén é noso: Xela Arias.

23/02/19

Que é o xénero?

Primeiro programa de "Manos a la obra", que procura xerar debate e reflexión. Para públicos diversos.
Entrevista a Lidia Sellés.



22/02/19

Día de Rosalía - A Estrada 2019

Precioso vídeo realizado no Concello da Estrada e no que participa o noso Anxiño. Parabéns!

21/02/19

Reserva de Vida

20/02/19

el Diluvi - E ti, só ti (con SÉS)




Serás aquela que quixeches ser
 serás a indómita muller
 serás no ar un puño a arder
 e ti, só ti
 a Terra ti farás tremer

 Emancipada xa de calquera dor
vas sorrindo como aquela que non ten temor
 sabes ben que mañá
sabes ben que mañá será mellor

Xa liberada en calquera lugar
 non deixarás que ninguén te free máis
serás a luz que traerá
 serás a luz que a liberdade traerá

Es a dura tormenta de abril
 para os teus inimigos un edén hostil
 es a dura tormenta de abril
 o sol que rebenta a flor
 para os inimigos un edén hostil
 o lume na noite febril

 Serás aquela que quixeches ser
 serás a indómita muller
serás no ar un puño a arder
 e ti, só ti
 a Terra ti farás tremer


La novia gitana

Lina de contado, nunha soa palabra: brutal. Carmen Mola (pseudónimo) asina La novia gitana, publicado por Alfaguara. De lectura imparablemente áxil, mesmo trepidante, e a pesar da brutalidade e da crueza da lectura, resulta mesmo fresca, porque a pesar de que todo está inventado na novela negra, esta chega a ser curiosamente diferente e novidosa. Polas súas páxinas pasean temas como a violencia machista, a homosexualidade, o racismo... e aínda que hai algúns tópicos (semella case imposible) resulta orixinal e novidosa no seu conxunto. Así que se queredes lela, pensade en que non a ides deixar, polo que teredes que procurar unha fin de semana para ela... e para o voso goce.



19/02/19

Je suis le machisme ordinaire

Xa o tiñamos sen subtítulos. Agora xa os temos:

18/02/19

Hacia la Huelga Feminista

17/02/19

Cerráronseme os ollos

Moi bo o libro que nos trae Faktoría K de Patrick BardCerráronseme os ollos é un berro pola educación, pero tamén é unha chamada de atención ao drama, unha arma en forma de libro porque a literatura, ademais, é iso, un xeito de denuncia. 
Moi interesante que a narración se faga dende tantos puntos de vista diferentes. Poderemos chegar a entender que unha adolescente intelixente sexa tan facilmente convencible e se convirta a un Islam totalmente radical sen ter nada que ver con el a priori? Nestas páxinas acompañamos a Mäelle converténdose en Ayat, querendo salvar o mundo e errando. En tan só tres meses. Que medo! Internet como mundo real e como método de captación, o odio como mensaxe, como arenga. O final do libro, un dubidoso optimismo. Podemos salvar estes mozos e estas mozas? Vemos as novas ao noso arredor e semella case imposible. De momento, aquí queda esta chamada de atención.



Abolir la prostitución, ¿por qué?

16/02/19

A miña filla quere ser enxeñeira

15/02/19

Pioneiras 2

Celebramos a chegada deste segundo volume de Pioneiras, álbum de Anaír Rodríguez que nesta ocasión conta coas ilustracións de Abi Castillo e está publicado novamente por Xerais. Libros coma este son absolutamente necesarios, xa que na nosa lingua andamos constantemente escasxs de materiais, e máis nunha biblioteca feminista como a que estamos conseguindo no noso centro (podedes consultar se vos apetece o blogue que dá conta dos fondos que temos: http://biblioigualdade.blogspot.com/) . Mulleres galegas que foron capaces de rachar cos canons establecidos pola sociedade do seu momento e que abriron camiño para que poidamos seguir o seu ronsel de igualdade. Mulleres que os libros de historia sempre esquenceron e que, por fin, teñen nome  e apelido.
Por certo, as ilustracións deste libro son preciosas. E a portada unha gozada!

14/02/19

O segredo de Avó Oso

Unha lectura que o primeiro que provoca é un asolagamento de tenrura. Logo, pechas o libro cun sorriso debuxado provocado por un sentimento pacífico de emoción. Despois, recordas unha flor no medio da nada. 
Así é O segredo de Avó Oso que vén de publicar Kalandraka con texto de Pedro Mañas e ilustracións de Zuzanna Zelj. Fermosas, por certo, estas, que destacan pola delicadeza e a cor, que permite que a natureza e os animais protagonicen un segredo esquencido que será doado de descubrir a medida que avanzamos nas páxinas. Que fermoso soñar con bolboretas! Case podemos sentir o seu voo ao noso arredor.

13/02/19

É tempo de Entroido!

Perto está o Entroido e debemos lembrar este libro publicado pola editorial Xerais: É tempo de Entroido, de Ramón D. Veiga e David Sierra. Álbum ilustrado en verso que de xeito lúdico vainos levando pola xeografía galega para falarnos da cantidade e variedade que posuímos para esta celebración tradicional. A escusa é facer un bo cocido e non deixar ren. Pero o o que nos parece máis interesante é ese percorrido que realiza en cada páxina porque moitas veces se descoñece a nosa riqueza cultural, tanto neste eido coma noutros. Boto de menos un pouco máis de información, quizais ao final do libro, indicando os nomes que se corresponden cos lugares, xa que non en todas as estrofas queda claro. Aínda así, benvido sexas, entroido.

11/02/19

Día Internacional da muller na Ciencia



Vía

10/02/19

Vivir sen permiso e outras historias de Oeste

Defraudoume a lectura deste libro de Manolo Rivas publicado por Xerais, Vivir sen permiso e outras historias de Oeste. Son moi fan deste autor e coido que é boísimo "nas distancias curtas", por iso fíxome moita ilusión achegarme a un seu libro de relatos. Quizais por iso a desilusión foi maior, aínda que sempre sexa un pracer gozar coa súa escrita e o seu estilo .
O libro consta de tres relatos, tres historias diferentes que acontecen no Oeste, na Galiza, co mar como escenario ou como protagonista. Un mar que simboliza o ancio de liberdade: "vivir sen permiso". 
Quedo co primeiro dos relatos: “O medo dos Ourizos”, que conta como uns mariñeiros atopan droga, con todo o que iso pode supoñer, de cartos e de risco. Arredor deste núcleo xira o conto, a vida dura do mar, a vida dura que se afasta da vida en terra, quizais aínda máis dura porque promete menos liberdade. Pareceume un relato lírico na liña do mellor Rivas.
O segundo relato ofrécenos personaxes dunha serie de televisión en circunstancias que alí non se poden ver. Non vin a serie, así que non lles puxen cara nin me deu particular morbo. Non me convenceu. 
O terceiro relato é o máis curto, un relato ambientado no cárcere, lugar que máis fincapé fai na falta de liberdade, e que virá dada pola lectura. É a lectura a que permite viaxar co maxín, tanto o lector como as persoas que escoitan o que el le. Aquí reside a fermosura do relato: a reivindicación da lectura e da literatura como arma. A mellor arma. Non hai outra. Por iso os ditadores queiman libros. Os libros son quen de outorgar a liberdade a presos. Que grande!




Un billete a Nunca Jamás

UN BILLETE A NUNCA JAMÁS (2016) from Jorge Naranjo on Vimeo.

09/02/19

El jardín de los sentimientos

Fermoso álbum en verso onde destacan as ilustracións, El jardín de los sentimientos de Janna Carioli e Sonia M. L. Poseentini publicado por Lumen é un repaso non alfabético por diferentes sentimentos, non todos eles positivos, pois fálase da liberdade, pero tamén da covardía ou do egoísmo. Imposible non emocionarse coas magníficas ilustracións que acompañan os textos e que asolagan as páxinas, para permitir que nos perdamos nos seus detalles mentres lemos os poemas.



TRANS*formando a sociedade

Cristina Palacios, presidenta de ARELAS, asociación de familias de menores trans, fala dunha realidade oculta: a transexualidade.


08/02/19

El ángel

Papeino, literalmente. Imposible despegarse das súas páxina. E o final... deixoume buscando un terceiro libro que semella inexistente. Espero que por pouco tempo!
Falo de El Ángel de Sandrone Dazieri, de quen xa vos falei onte, publicado por Alfaguara. Un ritmo trepidante para unha negrura que non deixa nada ao destino. Todo está perfectamente calculado e medido, e xa dende as primeiras páxinas quedamos prendidas na lectura. A parella protagonista cobra aínda máis forza ca na primeira entrega, se cabe, e adúlanos por completo: queremos seguir canda eles en todos os seus pasos. E é que o libro -igual que o primeiro- conta con xiros e máis xiros e con golpes de efecto, xa que o autor domina moi ben este xénero. Asemade, consegue unha lectura fluída cos capítulos pequenos que rematan con pequenas doses e intriga que obrigan a seguir adiante.
Aínda por riba, o final.
Así que estou totalmente prendada deste autor. Teño que lle dar as grazas por conseguir que estivese pegada ao libro tanto tempo. Xa pensaba que era imposible!


07/02/19

No está solo

Descubrindo autores de novela negra cheguei a este e con el quedei: papeime os seus dous libros aproveitando a miña gripe. Máis ben, era imposible dixar de ler. E agora que rematei o segundo que ganas me quedan de que chegue o terceiro! 
Falo de Sandrone Dazieri, publicado por Alfaguara. O primeiro libro titúlase No está solo, e pareceume boísimo, cheo de tensión dende o primeiro momento ata o último, con golpes de efecto totalmente inesperados tamén ao longo de todo o libro. Flashbacks, xiros... todo conleva unha lectura intensa e mortífera pola tensión que nos provoca.
Realmente ben conseguida a parella protagonista, seres traumatizados que foxen aínda así dos arquetipos e que nos fascinan inmediatamente. Son deses protagonistas cos que queres seguir, e mañá falareivos da segunda entrega. Eles dous son os piares das novelas, pero non o é menos o argumento e os outros personaxes que pululan nas súas páxinas.
Déixovos, porque teño que rematar a segunda. Mañá seguimos.




Alternative Math

06/02/19

As Ramonas

Gañou Ana Cabaleiro o Premio García Baroos con As Ramonas publicado pola editorial Galaxia. Unha novela máis atraente para quen somos do Deza, porque a protagonista percorre a nosa contorna ao longo das súas páxinas e o lectorado dezao gozará paseando por parroquias e lugares coñecidos. Amais diso, gusta o poderío das mulleres noveladas, mulleres reais que non son heroínas porque caen unha e outra vez e porque son, simplemente, humanas. A pesar disto, topo que o mellor da novela é a súa relación coa miña terra, que foi polo máis me gustou o libro. Un libro que se le con facilidade e que, ademais, déixase ler, pero que coxea un pouco no seu argumento, un argumento que pousa a ollada feminina na desparición do rural, o outro valor do libro.

05/02/19

O meu nome é Ninguén

Gustoume a proposta que realiza Manuel Esteban en O meu nome é Ninguén, publicado pola editorial Xerais, novela negra que a pesar de caer nalgúns clixés, sae airosa. Como sucedía co seu anterior libro (estamos ante unha saga???), o inspector Manso percorre Vigo, cidade protagonista e coprotagonista do policía, que ofrece unha lectura social. Social porque falamos de violencia de xénero, pederastia, pornografía infantil e abusos a menores con deficiencias, que ten a todo un bispo como principal sospeitoso: as persoas discapacitadas volven a escribir o telón de fondo no que se asenta a novela.
Como adoita suceder na novela negra moderna, o inspector é o prototipo de antiheroe, cheo de problemas e adiccións. Será un "ninguén", un perdedor, porque a súa viaxe detectivesca levarao ata as portas do inferno. Porque no inferno é onde vivimos os seres humanos, cheos de contradicións e -máis que nada- dunha fonda soidade.
Un libro que atrapa e permite ler sen querer facer nada máis.





04/02/19

Memoria do silencio

Escribe Eva Mejuto en Memoria do silencio publicado por Xerais unha novela sobre un capítulo esquecido da nosa historia, e da que temos escoitado falar moi pouco: tres mulleres de Ribadavia que salvaron da morte nazista a xudeus e xudías; unha historia oculta porque a heroicidade mídese pola humildade, e Eva Mejuto decide darlles voz para sacalas do seu silencio e concederlles parte do valor que merecen. Xunto a elas, a novela presenta máis voces, da que nos intereserá sobre todo a voz dunha moza xudía que se salva da morte para amar a música sobre todo. Si, son as voces femininas as que destacan no libro, outorgándolles a autora o dereito a ser elas na ficción mesturada con doses de realidade. Unha ficción que nos lembra o terror da época, en Europa e en España.
Estou segura que o libro vai gustar á nosa razapallada, a pesar de que ás veces cae no didactismo, porque transmite valores mentres nos arrepía, nos intriga, nos conquista, e sobre todo, consegue que adoremos as nosas mulleres, esas que souberon amar a liberdade e defendela, aínda arriscando as súas vidas. Esa liberdade que cada día nos queren roubar. Aínda hoxe.

03/02/19

Documental 'Red de Bibliotecas de Mujeres: 25 años de historia'

 Este documental foi elaborado polo Centro de Documentación "María Zambrano" do Instituto Andaluz da Muller para conmemorar o 25º aniversario da Rede de Centros de Documentación e Bibliotecas de Mulleres. Un repaso pola historia recente das bibliotecas feministas no Estado Español.


La forma de la oscuridad

E claro, seguín con Mirko Zilahy. O segundo libro chámase La forma de la oscuridad  -Alfagurara- e é, en efecto, novela ben escura que non deixa respirar, xa que sabe conxugar o seu autor  (esta segunda entrega paréceme mellor cá primeira) arte, relixión, mitoloxía e suspense. Novamente, nesa Roma descoñecida da primeira volta que agora se mestura con espazos coñecidos, mesmo museos; aquí percorreremos alcantarillas e lugares subterráneos conxugados co parque zoolóxico ou as termas de Diocleciano: o autor consegue que Roma sexa unha protagonista máis. Como dicía, chama a atención a trama enrevesada que Mancini ten que resolver, mentres -igual que sucede coa cidade- segue mesturando a súa vida tormentosa (agora non hai un detective que teña unha vida "normal"?) coa investigación. Unha investigación sen alento que -aí reside o mérito- mantennos pegadas ás súas páxinas. Que é real e que é imaxinario? Porque disto vai preciasamente o relato truculento que nos presenta: as alucinacións que unha mente "perturbada" sente. 
Recoñezo que unha das solucións que se nos propón non me acabou de convencer. Pero o libro cumpre a súa función: rescatarnos do noso propio mundo.






02/02/19

Así es como se mata

Que ben descubrir este autor de novela negra italiano (a pesar do seu nome). Sóubome enganchar nesta crise lectora, polo que xa merquei a senguda entrega, non quero perder o comisario Mancini de momento. Sabendo, iso si,  que todos os clixés do xénero están presentes. Pero sabe darlles forma.
En Así es como se mata -publicado por Alfaguara-, Mirko Zilahy, andaremos detrás da Sombra, asasino en serie na cidade de Roma. Unha Roma, por certo, afastada das guías turísticas porque o que nos ofrece é unha Roma oculta, descoñecida para quen visitamos a cidade e non somos de alí. Ou sexa, unha cidade moi real, chea de escuridade, na que non todo reloce. Por iso a ambientación está moi ben conseguida, porque paseamos por unha Roma gris -chea de auga- e opresiva, mesmo deprimente. O final está ben pechado, sen ser sorpresivo.
 O mellor do libro é que o resultado é unha novela negra moi negra, que segue o canon clásico onde o mal prevalece e nos leva da man por todas as páxinas.


01/02/19

Distinta

Encantoume. De verdade. Volvín a sentir o gozo da ilustración e do álbum. Volvín. 
A ver, ollade a portada. Non vos provoca un sorriso, cando menos? 



Kalandraka tráenos este libro que co título Distinta elaboran Beto Valencia e Sozapato. Necesitaba recomezar cun libro que constitúe en si mesmo unha inxección de bo humor, unha inxección de optimismo. Canto cómpre! Tan só un día na vida dunha meniña que e quen de ollar ao seu arredor con frescura, limpeza e ganas de vivir. E en cada momento que agasalla a vida topar un sentido, un éxtase, un anceio: gozar de cada minuto. Porque a vida amósase así: en pequenas laceradas. Resulta que un dos praceres desta vida é ler álbums coma este.
Benvida sexa, Distinta.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.