Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/08/21

Agathe

 

G
ustoume esta novela curta de Anne Cathrine Bomann publicada por Anagrama: Agathe é unha viaxe pola soidade e a dor silenciosa que pode derivar nunha angustia tremenda. Poucos personaxes son necesarios nesta novela: o propio protagonista, psiquiatra, a súa asistenta -importante no seu silencio- e unha paciente que lle dá título ao libro: será esta quen axude a curar ao médico da súa propia doenza, a súa vida. Con poucas palabras, asistimos a un proceso psicolóxico totalmente revelador; realmente, o máis importante do libro é como se fala das enfermidades mentais, con total transparencia e naturalidade.



26/08/21

Hamnet


 X
a me gustaran con anterioridade libros de Maggie O'Farrell, e este encantoume: Hamnet, publicado por Libros del Asteroide, é unha fermosa historia sobre a perda, sobre a familia, mesmo sobre Shakespeare (de quen non se fai referencia explícita) e a súa familia, protagonistas desta historia, facendo fincapé na cónxuxe, Agnes. O propósito do libro é, precisamente, que non importan os xenios nin as excentricidades, senón que a nosa vida cotián, os nosos acontecementos, a dor que nos rodea e que sentimos tantas veces, é o que conforma a vida do ser humano; e o que máis marca desta é a perda dun fillo: o innomeable, a dor eterna, a inxustiza sen máscara. Por suposto, esta dor e a explicación a creación de "Hamlet", esa vida que alberga a novela, está perfectamente narrada e retratada: esta é unha das calidades da autora, que nos enreda nas súas páxinas para podermos latexar canda as vidas ods personaxes, ulir, ollar e sentir canda eles e elas. Ficción e realidade acaban desdebuxadas porque non sabemos cal é cal, pero non importa, porque quedamos coa dor, coa perda, e coa tenrura que sobrevive a elas. Os sentimentos son os verdadeiros protagonistas desta fermosa novela que non vos deixará indiferentes.

25/08/21

Sol y sal

 Videoclip oficial de la canción de Nunatak "Sol y Sal" en colaboración con Anni B Sweet, Arde Bogotá, Ayoho, Miguel Ríos, Nina de Juan, Rozalén, Second, Shinova y Tarque.

Este é un dos exemplos, un máis, da destrución humana, esa que practicamos cada día sobre a natureza. Ten esta futuro aínda?



24/08/21

Superavoa

 


David Rodríguez
tráenos un recoñecementos ás avoas, esas que nos fan sentir mellor e que nos coidan cando somos crianzas, un libro que está orientada a primeiras e primeiros lectores: Superavoa, publicada por Xerais, conta con ilustracións e letra doada para implicar ao lectorado máis novos nesa complicidade disposta á tenrura que sentimos polas avoas.

20/08/21

Rewind


 Encantoume este libro de Juan Tallón, Rewind, publicado por Anagrama. Pareceume un libro moi bo, ben escrito, que te atrapa entre as súas páxinas, que falan sobre todo da perda, pero tamén da supervivencia e da resilencia. Os personaxes que falan e que transitan entre elas son grandes supervivintes que ao mesmo tempo son testemuñas da amizade, do amor, e mesmo da violencia. A vida é difícil, pero estes personaxes teñen que asumir a vida sobrepasando a maior das dificultades, e aí está a súa loita; vivir sen esquecer, sen poder pasar páxina, pero vivir, ao fin e ao cabo. Esta vida é un empoderamento das persoas, trazando diferentes estratexias, pero procurándoas entre o lixo que perdura.

Un libro que non dá tregua,  cunha estrutura que consegue atraparnos para seguir os acontecementos; máis ben, para seguir avanzando, porque acontecementos, a posteriori, non hai máis que aquel que marcou a vida e o libro en si. Dor, tristura, impotencia. As páxinas transitan por estes sentimentos que chegar ao lectorado para andar o mesmo camiño que os personaxes e preguntarnos, asemade, cal sería o noso traxecto a percorrer. Supoño que iso só a vida podería decidilo. E mellor que non o faga, dendo logo.

 

19/08/21

Madre Medusa

 


U
n álbum que lle dá a volta a historia: Madre Medusa de Kitty Crowther, publicado por Ekaré. Por que dicimos que a historia é diferente? Porque en lugar de falar da mamá marabillosa, o que constrúe aquí a autora é unha nai demasiado posesiva, unha nai sobreprotectora, que ten que aprender a dar corda á filla. E será esta quen llo teña que demandar. Ante este requerimento, o final é sorprendente.


18/08/21

El espejo de nuestras penas


 D
evolveume Pierre Lemaitre a ilusión da lectura, algo que lle agradezo profundamente, pois xa tiña eu medo a tela perdido para sempre: esta crise lectora foi máis  longa que as anterioes; así que despois de comezar moitos libros e telos deixado porque me "pesaban" collín El espejo de nuestras penas -publicado por Salamandra-, que agardaba dende había tempo na mesa de noite; foi todo un acerto, porque por fin me peguei ás páxinas do libro e tiña eses anceios de volver a elas cando saía. Por fin!

Se xa me gustaran os dous libros antriores desta triloxía, este encantoume. Ler a Pierre Lemaitre é sempre unha saborosa viaxe polo mundo!

O libro non ten un só protagonista, senón que ten varios, tanto femininos coma masculinos, aínda que sobre todo podemos falar de tres, pero creo que todos eles son importantes. A vida vainos levando por diferentes camiños cara a un final bastante previsible (o que non lle resta interese á historia) e sobre todo destaca o humor, un humor que ben cómpre dada a situación: Francia está a ser invadida polos alemáns e pronto claudica ante a forza destes; en momentos tan tráxicos destaca o humor que lle infire o autor a algúns dos seus personaxes, e tráenos un protagonista inesquecible que é quen de interpretar todo tipo de picarescas (as páxinas de portavocía do goberno, as mentiras que destaca e a crítica que agocha son destacables, porque a manipulación informativa é un tema candente tamén hoxe en día).  E aínda que non falemos de coralidade, hai personaxes secundarios realmente valiosos que dan ese toque humanitario imprescindible que Lemaitre nos quere realzar neste libro.

Coma todos os libros deste autor, imprescindible.


15/08/21

Sunshine

 Curta de tres minutos para recoñecer adolescentes maltratadores.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.