Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/10/21

As palabras están a mirarse arredor da mesa

 


E
ncantoume esta proposta que nos fai Antonio García Teijeiro na editorial Cuarto de inverno con ilustracións de Lidia Cao: As palabras están a mirarse arredor da mesa  é un título dun verso da prezada Gioconda Belli, unha homenaxe que o autor realiza a ela e a outrxs poetas así como á propia poesía como catalizadora de sentimentos e de memoria. Un libro publicado anteriormente pola editorial Everest con ilustracións do incomparable e entrañable Xosé Cobas.

O mundo precisa da poesía, e así o reivindica o autor. Porque a lírica sabe de sentimentos. De cultura e do seu acubillo. Pero tamén do proceso de reflexión que ten que realizar o/a poeta para escribir. Déixao claro:as palabras son o instrumento da escrita, é preciso colocalas ben para falar da dor, da vida, dos sentimentos... As palabras poden esvarar e caer ou poden permanecer dentro dun verso, sentíndose importantes todas e cada unha delas, porque forman un conxunto nas que son importantes e perden a súa aparente sinxeleza (ou pouca importancia). As palabras son territorios, son tatuaxes na pel, son paisaxes das ventás pechas que o/a poeta abre para inmiscirse nun territorio que semellaba afastado e que do que se fai dono/a. As palabras e os silencios, ambos rotundos, ambos precisos e valiosos.

 

Ser poeta é
unha desculpa
para poder dicir,
como Pedro Salinas:
“Serás, amor,
un largo adiós que no se acaba?”
no canto
dun simple
“non sabes, amor, como
te
quero”.  


Un muro diante dos ollos.

Palabras coma fíos invisibles.

Esas mans que escriben na terra.

Coitelos abandonados nos versos.

Pombas que semellan bandeiras.

e beizos que reclaman uns beixos.

Xa alguén escribiu na parede:

Todos somos poetas.

11/10/21

A cidade do átomo

 


S
orprendeume a lectura do novo libro de Iria Misa e a súa Cidade do átomo, publicada por Xerais, IV Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2021 con ilustracións de Sonia García. Aínda que a protanista é unha rapaza, creo que a verdadeira protagonista é a Soidade, xa que a nena desexa e busca a amizade por riba de todo, unha nena que vive soa, entre as ruínas, e que persegue sobre todo atopar un acubillo que a defenda desa soidade inmensa que a envolve nunha cidade decrépita. Á marxe disto, chama a atención a coidada documentación que a autora realizou para esta escrita: temos unhas coordenadas espazo-temporais precisas que nos levan moi lonxe, a Pripiat, un lugar a carón de Chernobil que quedou devastado e que é un elemento importantísimo no libro, así como o seu folclore e tradicións. 

O libro acompáñase de extras e códigos QR que son elementos enriquecedores para que o lectorado máis novo acuda a unha información disponible na rede.






10/10/21

Inesperadas

 


P
ublica Barbara Fiore esta marabilla de libro de poesía: Inesperadas. Antología de poetas imprescindibles, unha selección de Paula Carbonell cun poema visual da ilustradora Alejandra Acosta. Unha viaxe de séculos para coñecer mulleres que foron silenciadas por ser iso, mulleres.

Este libro namora pola edición, polo coidado, polo contido, pola delicadeza. Un libro para agasallar e para autogasallar, para ler e para volver a el de cando en vez a el. Como obxecto e como lectura.

35 autoras máis descoñecidas e máis coñecidas comparten páxinas para ser degustadas con atención e deleite.





09/10/21

Viaxes

 


Está claro que este libro vai viaxar a Xapón. Antonio Rubio e Óscar Villán  publican en Kalandraka Viaxes, un libro en cartoné ideal para a máis tenra infancia. Xogando cos nomes de tres nenos e nenas diversos, o autor converte unha pequena rima nunha viaxe en diferentes medios de transporte, dun xeito ameno e lúdico. Un xeito marabilloso de viaxar!

08/10/21

Xoguetes


 Antonio Rubio e Óscar Villán  publican en Kalandraka este Xoguetes versificado con nenos e nenas protagonistas e xogos tradicionais para @s máis pequerrech@s. Un libro ideal para compartir con eles e elas cando comezan a coller os libros e contárllelos mentres os miran!

07/10/21

Las voladoras

 


P
ublica Mónica Ojeda Las voladoras, en Páginas de Espuma, un monllo de relatos que atrapan nas súas páxinas personaxes golpeados pola vida, pero que son capaces de soñar coa forza da natureza, cos mitos, para cambiar o seu destino, xa que a maxia do libro reside na mestura do fantástico co cotián dun xeito tan natural que nada nos sorprende. Será deste xeito, con esa mestura, como nos acheguemos á reflexión social, á violencia, ao medo, á represión... para logo pensarnos se somos quen de loitar pola liberdade. A autora é capaz de denunciar a violencia machista utilizando a mestura entre a luz e a monstrosidade, ambas tinguidas de sangue, xa que a atmosfera do horror trata de tapar a luz, pero nesta hai lugar para a resistencia. Quizais nesta última resida o máis importante do libro: pensármonos como mulleres capaces de nos encher de loita para recontruírmonos.




06/10/21

Oh!


R
eedita Kalandraka nun novo formato este libro marabilloso de Josse Goffin do que xa falei hai anos:  Oh! 

Deses álbums imprescindibles en toda casa e biblioteca que se precie. Un libro de descuberta e de arte. Xoga cos dobres sentidos e as adiviñas visuais. As páxinas sen despregar ofrecen un obxecto anticipado na ilustración anterior permitindo que as imaxes estean encadeadas e convidando a que o lector prevea o que vai vir pero cunha nova sorpresa. 

05/10/21

Un millón de puntos


 E
n Océano Travesía podemos atopar este Un millón de puntos de Sven Völker. Os números substitúen as letras para contar unha historia aritmética; a través de sumas e restas existe unha trama que se basea na visualización dos resultados destas operacións. 

Ideal para profesorado de Matemáticas.



04/10/21

Seis cuatro


 N
on diría eu que estamos ante unha novela negra ao uso despois de ler a Hideo Yokoyama en Salamandra: Seis Cuatro é un libro lento, moi lento, como ben sabemos das lecturas ou dos filmes que veñan do país nipón, quizais demasiado lento para o ritmo frenético que nos aporta a novela negra actual. Recoñézoo.

Sabemos que o xénero negro serve arestora para reflectir e denunciar os problemas da sociedade actual. E esta novela consegue o seu propósito: a denuncia é maior que a propia trama criminal. O autor detense maioritariamente na análise xornalística: cal é a feble liña que separa o xornalismo do amarilismo? Onde empeza e onde remata a privacidade das vítimas?

Que temos entre as mans? Un monólogo interior constante que serve para coñecer intimamente ao protagonista, e de paso, un xeito de entender a sociedade xaponesa: unha cultura onde a cortesía está por riba de todo, as xerarquías, as tradicións. De aí que o libro máis que unha novela negra sexa un achegamento á cultura de alén que eu agora aprecio tanto.



03/10/21

Campo de plumas


C
elebramos a publicación deste libro en Sushi Books: Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, unha escolma e tradución de Jesús Castro Yáñez. Unha antoloxía dende a Antiga Grecia (con Safo) ata Gloria Fuertes, incluíndo a sor Juana Inés de la Cruz ou Wal Whitman. Unha compilación que se dirixe á mocidade, pero non só. Lémbranos o escolmador que a homosexualidade non aparece con ese nome ata a seguna metade do século XX, ao igual que o termo heterosexualidade, xa que a sexualidade -anteriormente- non se correspondía cunha identidade, senón que era o resultado dunha serie de actos ou posicións. 

Deses libros apropiados para clubs de lectura!




02/10/21

Voces de escritoras olvidadas


 M
ercamos este libro para a biblioteca en canto soubemos del. Voces de escritoras olvidadas é un proxecto dirixido por Carmen Mejía e editado  por María Jesús Piñeiro. Artigos e ensaios de numerosas escritoras esquecidas vinculadas coa guerra civil e mais o exilio. A importancia do libro reside no rescate dun monllo de voces femininas que, non só polo momento histórico senón tamén por ser mulleres, foron esquecidas e que abraian pola calidade que amosan. Unha vez máis, vítimas da dobre inxustiza de ser muller e de seren exiliadas por ideas políticas nunha España que non permitía que se pensase diferente ao mandato oficial. Que non volvan eses tempos!

 


 

01/10/21

Cartilla escolar antifascista


 L
ibros del Zorro Rojo é unha das miñas editorias fetiche e por suposto adquirín un exemplar deste curioso libro, non só para min senón tamén para a biblioteca, que conta cun epílogo a cargo de Pedro G. Romero, moi recomendable. Falamos dunha reprodución dun método de aprendizaxe lector que se utilizaba naquela época, un documento que resulta un símbolo de resistencia ante o fascismo, como tamén é asemade un manual de lectoescritura fundamental na alfabetización da poboación. Algo fundamental que resaltaba o ideario dos republicanos. Divulgaba tamén os postulados de resistencia antifascista en plena guerra, incluíndo  imaxes que reiteraban as consignas da II República.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.