Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/07/08

Los hombres que no amaban a las mujeres

Papeino. Literalmente. Papeime as preto de 700 páxinas que ten o libro: non podía parar de ler. Droga dura e pura desde a primeira páxina. Se vos gusta a novela negra, este é o voso libro. Cando o merquei non sabía nada del, acababa de chegar á libraría, pero chamoume a atención, aínda que repousou até que chegaron as vacacións. E vaia se é entretido! Los hombres que no amaban a las mujeres, de Stieg Larsson, foi un descubrimento, e o mellor é que veño de saber é que existen dúas entregas máis. Parece que desde o frío norte de Europa vainos vir o mellor do xénero. Xunto co seu compatriota Henning Mankell estamos servidos. E moi cerca está Anne Holt!
A novela engancha desde o comezo. Non só polos personaxes, ou pola trama, senón tamén por esa denuncia que subxace e que se fai forte en toda a novela en contra da violencia contra as mulleres e en contra da corrupción en calquera das súas modalidades. Cada parte nos dá un dato arrepiante sobre a violencia contra a muller en Suecia: "En Suecia el cuarenta y seis por ciento de las mujeres han sufrido violencia por parte de algún hombre"; "En Suecia el trece por ciento de las mujeres han sido víctimas de una violencia sexual extrema fuera del ámbito de sus relaciones sexuales", por exemplo. A novela móvese lonxe desa ideal sociedade sueca que maxinamos. E sen recrearse en escenas con demasiado morbo nin violencia. Aínda que, para min, as peores páxinas, as máis duras, son aquelas nas que se nos narra a violencia que sofre a protagonista. Como tantas outras mulleres. Aí radica en parte o valor da novela: a denuncia sen tregua.
Le aquí a crítica de Lorenzo Silva.
Así que xa sabedes: se vos gusta este xénero, non dubidedes ante o grosor do libro: chegaredes a desexar que posúa outras tantas páxinas.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.