Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/09/09

Os ollos do Contomar


Asignatura pendente dende que Concha mo regalou, hai xa meses, falar deste libro. Mediar cariño é o que ten. Porque como falar dun libro que é un tesouro? Tesouro as olladas; tesouro os sorrisos; tesouro os contos. Non é un libro calquera: abrilo supón mergullarse no pracer da literatura, descubrir abraios, aventuras, sorpresas, viaxes. É traspasar barreiras que semellaban infranqueables.
Os ollos do Contomar. Unha experiencia de fomento da lectura (pódense baixar algunhas páxinas en pdf), é -en palabras de Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura- "unha crónica en imaxes do que ocorre os luns á tarde na Biblioteca Municipal de Gondomar". "Para Espazo Lectura foi e segue a ser unha satisfacción ir construíndo un proxecto cívico de fomento da lectura que se apoia en tres piares fundamentais intimamente ligados entre si: a dinamización, a formación e a sensibilización".


O libro é unha marabilla: as fotos de Manuel G. Vicente son unha auténtica gozada. Os textos que as acompañan son unha antoloxía magnífica sobre a lectura, os libros e as bibliotecas.
Un libro para contemplar cada día: con el lembraremos a importancia de saber transmitir.

O do libro nunca será o mellor negocio para o mundo dos negocios, pero é o mellor negocio para o mundo.
MANUEL RIVAS

Non hai espectáculo máis fermoso que a mirada dun neno que le
GÜNTER GRASS

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.