Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/10/09

Sol de Inverno

Gustoume moito, moito, este último premio Xerais, Sol de Inverno de Rosa Aneiros.
Un ruxe-ruxe lírico que atrapa o lector desde a primeira ata a última páxina, onde un narrador que se dirixe a Inverno, a protagonista, fala da importancia da memoria, da palabra, e con esta, vainos contando todo o periplo vívido dunha nena que padece a morte do seu primeiro grande amor en Antes (lugar real) e, desde este, acontecementos históricos desgranados no sufrimento e na simboloxía dun seu pai que loita polos seus ideais de liberdade ata o final e que ela persegue e admira sabéndose diferente e ao mesmo tempo igual, porque o importante é o regreso a un mundo seu que xa nunca volverá a selo.
Esmiuzando sentimentos, coa vida de Inverno, a súa familia, os personaxes que a rodean, percorremos unha parte importante da historia do século XX, a guerra civil, o exilio, a fuxida a Francia, a marcha a Cuba, a fame, a revolución, os cambios, o regreso a un lugar pendurado do esquenzo... e a enfermidade que planea sobre o ser humano retando a non lembrar mesmo quen somos.
Acompañan a todos estes seres ficticios personaxes arrancados da realidade, importantes para a nosa propia memoria, incluída a morte de Castelao, quizais nun capítulo un pouco forzado de admiración e de loito. Porque a novela non é só un itinerario, é unha chamada de atención a todo aquilo que se pode perder na nosa propia historia: a nosa lingua e a nosa idiosincrasia. De aí esa reiteración aos ideais galeguistas que se difuminan hoxe en día e que o exilio posterior á guerra civil levou alén do mar.
Unha novela que imos ler, de seguro, este curso. Paga a pena.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.