Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/01/10

Día da Paz (V)

Propostas que imos coñecendo para a PAZ:

Cuentos y Paz desde O CEIP SANWLABONSO en Huelva

Páxina con actividades e propostas, do Seminario galego de educación para a paz



30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz

Para que a paz sexa algo máis ca un conto

Manuel Dios Diz

Moitas persoas diante da idea de escribir, investigar, educar ou traballar sobre a paz e os conflitos, exclaman, ah!, pero..., é que estamos en guerra?. Esta actitude, de certa incredulidade, ese sorriso condescendente cando falamos de Cultura de Paz, colócanos -de inmediato- sobre unha realidade da que, ás veces, non somos plenamente conscientes, xa que para un bo número de cidadáns e cidadás, para moitos alumnos e alumnas, a guerra e os conflitos son, por sorte, horizontes afastados, nada que teña que ver coas súas propias vidas cotiás, máis ou menos acomodadas, na sociedade da opulencia e o benestar, nos barrios ricos do planeta.

Para outras, a guerra, a violencia, son un recordo vago, unha historia que se perde entre brumas pretéritas, salvo para aquelas que tiveron a desgraza de vivir e de sobrevivir á “Victoria” e non á Paz, ao medo e ao espanto, aos silencios que aterrorizaron a alma e enmudeceron a memoria. Por iso resulta imprescindible falar, estudar, investigar, reflexionar, sobre a guerra, as guerras e a violencia, entre outras cousas, para espantar ós nosos propios demos, os únicos que existen, aqueles que aniñan no máis profundo do noso corazón, así de sinxelo o dicía Mahatma Gandhi.

Sobre o pacifismo e os pacifistas, sobre as persoas que dedican toda (ou parte) da súa vida á causa da paz, fanse, en non poucas ocasións, comentarios máis ou menos afortunados, máis ou menos displicentes, sobre todo en privado, moitas veces descualificadores e negativos, afirmando por exemplo, que os pacifistas forman parte desa fauna de individuos que se engloban no que chaman “boísmo”, un conxunto de personalidades, canto menos, inxenuas, afastadas da realidade, a metade de camiño entre “utópicos” e “santóns”, cando non directamente inconscientes ou irresponsables, que ben merecerían o ceo, pero que aquí, na terra (din os auto-denominados “realistas”) non pasan de ser unha especie rara, caracterizada pola súa “bonhomía”, entendida así, paradoxalmente, como algo negativo, o cal non deixa de ser sorprendente.

Sen dúbida que estamos diante unha forma de subverter os conceptos, as cualidades, os valores, para identificar e presentar publicamente como “malo” algo que, obxectivamente, debera ser recoñecido e valorado positivamente polas persoas, os media, as institucións e as sociedades. Con esas descualificacións de “boísmo”, “bonhomía”..., en definitiva, o que se persegue non é outra cousa que descartar o pensamento e as propostas, as iniciativas, as demandas, os desexos da sociedade civil en xeral, e do movemento pacifista en particular, das grandes personalidades que veñen reiterando, desde moi distintos ámbitos, a necesaria e urxente substitución da cultura da guerra, do belicismo e da violencia, do armamentismo, pola cultura da paz, e que fan do diálogo, da concordia, da desobediencia civil e da palabra, as súas mellores ferramentas. Líderes que coinciden, desde a súa radical insatisfacción, en reclamar e soñar outro mundo posible, firmes partidarios da esperanza nun porvir que será pacífico ou non o será.

E non é casual que isto ocorra si temos en conta os poderosísimos intereses que se moven ao redor da cultura da guerra, da violencia e da industria do armamento. Como lle dicía Dwight Eisenhower no seu discurso de despedida da presidencia, alá por Xaneiro de 1961, ó seu sucesor, John F. Kennedy: “tan só existe un poder no mundo superior ao teu” e alertábao sobre o desproporcionado papel que desempeñaba, o que cualificou coa expresión -xa moi repetida- do “Complexo Industrial Militar”.

Moitas das campañas, abertas ou sutís, contra o “boísmo” e a “inxenua bonhomía”, ou si preferimos, de desprestixio público dos máximos representantes dos movementos sociais altermundialistas, teñen aquela interesada orixe, como a tiveron antes, por exemplo, as enormes e efectivas campañas de animación ao consumo de tabaco propiciadas desde as grandes compañías tabaqueiras e os numerosos informes “científicos” que pretendían demostrar que fumar non era prexudicial para a saúde...por poñer só un exemplo relevante.

A paz deséxase na misa cristiá, démonos fraternalmente a paz, shalom din os xudeus, salam repiten os musulmáns, pero logo, con moi diferentes argumentos “realistas”, xustificamos a guerra e a violencia, mesmo apoiamos as ocupacións militares, os bombardeos e a morte de inocentes, o uso da forza indiscriminada e desproporcionada, o tráfico ilegal de armamento, as cadeas ocultas, a tortura, os centros de interrogatorio clandestinos, a pena de morte... e facémolo con diferentes argucias, máis ou menos eufemísticas, tales como que nos enfrontamos aos “inimigos da civilización, da razón, da liberdade, ou da dialéctica da historia...”. e tranquilizamos a nosa conciencia falando de danos “colaterais”, intervencións “humanitarias”, accións de “limpeza”, “cirúrxicas” ou de “guerras preventivas” , “bombas intelixentes”, así, como si nada...

A nosa actividade, todo o noso traballo durante os últimos 25 anos (1985-2010), pretende difundir, na escola, na vida e na sociedade, que a paz é moito máis que un fermoso conto infantil, de pombas e globos... para representar cada ano a finais do mes de xaneiro, no cabodano da morte do Mahatma Gandhi.


Xogo: Vai estalar a PAZ

E un conto pola PAZ desde Moaña:




Charo indícanos que podemos acudir á plataforma Agrega: Bibliotecas pola PAZ


1 comentario:

Leo dixo...

tanto trballo, tanto esforzo... e a confianza de que estamos a sementar.
Bicos de area, escuma e sal.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.