Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/06/10

Carta Xeométrica

Hoxe celebramos a creación dun novo blogue que xorde -coma este- dun proxecto anterior. Falamos de Carta Xeométrica, un blogue que vai dar moito que falar (e iso que o "dono" é de poucas palabras) polo compromiso lingüístico que trae consigo, un blogue que entrará no Planetaki de blogues de Normalización con pleno dereito; o noso Imos Indo paseará da súa man, ben seguro. Para que vexades o grao de implicación do blogue en cuestións, déixovos unhas palabras da súa presentación:

"Nada máis saír do meu cadaleito atopei aquí mesmo, no Museo do Pobo Galego, unha reunión de profesores de ciencias que se xuntaron baixo un noble obxectivo: eles impartían as clases en galego e afirmaban que seguirían a facelo a pesar da implantación do funesto decreto 79/2010, o chamado de plurilingüismo. Mestureime entre les e enseguida comprendín a razón da miña resurrección; xa sei o que vin facer aquí, a esta nova vida, e así o declaro:
“Eu, que apliquei a trigonometría á terra para facer o mapa de Galicia e, como a terra quere lingua, quero agora aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso mellor ben colectivo: o galego”.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.