Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/06/10

Contando contos en Bandeira

Este venres pasado convidáronme a ir ao cole de Bandeira a contarlles contos aos nenos e nenas de 5 e 6 anos. Fun con Andrea e José Antonio, dous ex-alumnos do instituto de Silleda e ex-alumnos dese mesmo cole, xa que nos pareceu unha actividade moi fermosa compartir experiencias con nenos maiores. E resultou moi ben, a verdade. Doulles tamén as grazas pola xuventude ilusionada e galega, pola compañía sempre agradábel, pola súa ledicia perenne.
Antes de nada debo agradecer a Mercedes e a Jose que me convidasen a ir alí e que depositasen a súa confianza na miña inexperiencia á hora de enfrontarme a este público tan especial. Desde logo, o resultado é incrible: son tan participativos e espontáneos que o pasamos de marabilla. O que máis ledicia me produciu, teño que recoñelo, foi o ambiente que respiramos: en galego. Ata houbo un neno que me berrou con naturalidade "eu tamén sei castelán", afirmación coa que todos e todas asentiron. Harmonía. Claro que unha pícara espelida deseguida asegurou coñecer o chinés. Supoño que non foi unha comparación, pero rimos a esgalla.
Gústame pensar que aínda temos futuro.



O tempo voou e non nos deu tempo a contar todos os contos que queriamos. Iso si, debo dar as grazas novamente: agasalláronme con dous libros fermosisímos (isto de coñecer as miñas debilidades!), cos que todos, nen@s e eu, prorrumpimos nun "ohhhhhh!" enorme. Así tamén unha das nenas aproveitou para facerme cóxegas nos pés.
Que ben o pasamos!
Grazas á comunidade educativa do CEIP de Bandeira e, sobre todo, a un bibliotecario ilusionado e traballador. Profesionais así cómprennos en todo o país.

8 comentarios:

José dixo...

Grazas a vós polo tempo e o agarimo co que nos trataste ese día, que non esqueceremos!
Grazas tamén por este marabilloso blog.
E, por suposto, grazas pola ilusión que cada día nos trasmitides polos libros, a lectura, a labor das bibliotecas...

Ronsel dixo...

Eh!!!! É a primeira vez que comentas! Agardo que non sexa a última.
Pois iso, seguimos unidos grazas aos libros.
Biquiños

Ernesto dixo...

Noraboa ós dous colaboradores Andrea e Jose Antonio. Que pena non vos ver.

Ronsel dixo...

E a min que???

La secre dixo...

pagaría para ver a Jose Antonio léndolle contos ós nenos :)

Anxinho dixo...

Secre, xa sabes que conto, o que se di conto, ten bastante...

Oshidori dixo...

Eu repito cando queirades!
Foi moooooi mooooi divertido ver aos rapaces tan concentrados con esas cariñas!
=)

Ronsel dixo...

A verdade é que o pasamos de marabilla. Grazas por virdes, os dous.
Bicos

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.