Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/07/10

O pintor do sombreiro de malvas

Unha moi interesante opción esta lectura de Marcos Calveiro. O pintor do sombreiro de malvas é, creo, toda unha homenaxe á arte, á pintura, e a un dos grandes, Van Gogh. Claro que a novela ofrece máis, para interesar ao lector, e máis se este é un lector adolescente. A novela ofrece amor, dúbidas, amizade, espertares, paisaxes, humanidade. É fácil pasear detrás de Vicent, admirar Auvers, sentir a beleza da natureza da man da prosa pura de Calveiro. Polas súas páxinas sentimos o decorrer dos días, o espertar da natureza, o resentimento, o medo, a desazón da dúbida, pero tamén contemplamos as árbores, a vía do tren... e comemos chocolate coma se fose a primeira vez que o gorentamos.
E mentres todo isto sucede e as páxinas avanzan, a dor dun home que sente que o mundo que o rodea é demasiado grande, ou demasiado pequeno, ou tal vez, simplemente, é el o que non entende ese mundo que lle tocou vivir. Porque é difícil ser diferente, porque a soidade avanza e resinte, porque nada pode facer a amizade cando hai demasiada dor.
Un detalle precioso: as ilustracións. Xa sabedes que devezo por elas. Ramón Trigo fai un magnífico traballo neste libro recreando as pinturas orixinais para acompañar de cando en vez esta prosa maxestuosa que está a arrasar na nosa Literatura. Unha prosa que non ofrece concesións ao descoido, cun vocabulario realmente escolleito que nos lembra con cada libro a riqueza do noso léxico.
Unha gran opción para o noso alumnado, un novo xeito de achegalo á riqueza pictórica e unha lectura que seguro lles gustará. A eles e a calquera adulto, porque o mellor deste autor é que non define idades, como eu coido que sucede realmente.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.