Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/03/11

Verbas de sal


Un libro de sal, de poesía, de esperanza, de sorrisos, de libros, de dozura, de soidade, de enigma, de fantasía, de mar... Así é Verbas de sal de Antonio García Teijeiro publicado por Xerais con ilustracións de Alberto Vázquez. Encantoume. Poesía feita relato baseado en soidades que rematan en amizade, poesía cantada polas ondas do mar nunha biblioteca pechada, poesía recitada nos versos da mirada e da esperanza. Poesía case anónima que nos devolve a mirada a Vilamollada. Poesía que nos fai cóxegas nos beizos para arrincarnos un lene sorriso na mirada.
Metáfora continua, o libro achega a salvación: da soidade saímos grazas á palabra, da irritación salvaranos a poesía, da superficialidade aboiaremos coa salvadora maxia verbal. O valor da palabra é, xustamente, a forza da poesía. Con esta abonda para resistir.
Por iso poderemos gozar plenamente coa lectura deste libro. Poesía para todas as idades en prosa. Poesía da palabra e da imaxe, posto que tamén as ilustracións son deliciosas.
E todos quereremos escoitar a Evaristo. E queremos coñecer a Xulieta. Mesmo, ter ao noso carón a Pinturo, porque a súa compaña será imprescindible. A amizade, a música, a poesía, todas unidas neste fermoso e pequeno libro, farannos unha compañía excelente.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.