Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

14/05/11

Feira do Libro en Lalín

Este é o pregón co que Yolanda Castaño agasallou a vila de Lalín na inauguración da Feira do Libro 2011. Sinto non ter foto do momento.
Grazas a Yolanda pola súa xenerosidade: mandoumo tan pronto como llo solicitei.

Autoridades, queridos amigos e amigas, veciños e veciñas de Lalín:

Se Silleda ten unha Semana Verde, esta é a Semana dos Libros na vila grande de Lalín. Xusto a anterior a esa cita masiva que celebrará dentro de 5 días toda Galicia. Eu pasareina este ano recitando poemas propios e de Lois Pereiro en Tokio, a capital do Xapón. Pero antes diso, a ocasión sempre ilusionada, estimulante, de pasar por unha das cidades nas que teño vivido con máis ledicia o meu amor ás letras é algo que xamais podería perder. Grazas, por iso, aos que me deron a oportunidade de volver a un lugar tan querido por min, para tratar de contaxiar o meu amor polos libros. (Non é a primeira vez, nin a segunda nin a terceira... nin tampouco dende logo a última, e iso, abofé, que será por algo). Grazas tamén ás e aos que esta tarde estades aquí, porque as historias, os poemas, os ensaios, as biografías, son un espazo de encontro –tamén coma esta marabillosa praza- que compartir e celebrar.

Eu non sei se Lalín busca os libros... ou os libros buscan a Lalín. De feito, ultimamente, inclínome por esta opción segunda. Porque os libros gustan de ir á raíz, ao miolo, ao cerne, ao km 0. Por iso bulen por chegar a este centro verdadeiro das cousas, ao vibrante km 0 deste país. Porque todos os libros procuran o seu km 0: as obras dramáticas son un cruce de camiños, os poemarios propoñen un eixo, os libros de contos un centro, os ensaios un punto de partida, as novelas, un corazón. Corazón de Galicia, corazón das historias. Os libros procuran un corazón coma ti.

Mais sei que tamén os libros buscan a Lalín, e procuran o seu abrazo, porque ningunha outra vila en Galicia alberga tanta diversidade en menos quilómetros cadrados. Porque as bibliotecas aspiran a esa maior riqueza, a da plural variedade de saberes, de ciencias, de coñecementos, de historias. Hai lugares que se especializan nun sector, cidades con ampla tradición literaria, aldeas pródigas en música, enclaves tecnolóxicos ou vilas mecas da pintura ou da creación audiovisual. Ningunha ten a rabiosa fervenza de Lalín, ningunha a riqueza dese crisol de disparidades, ningunha é quen de contar as aventuras dun fantástico aviador capaz de cubrir a ruta Madrid-Manila, pero, á vez, dictar o tratado matemático dun veciño de Bermés que abraiou á Europa da Ilustración cos seus cálculos de meridianos, e, ao mesmo tempo, deleitarse nun inenarrable álbum ilustrado polos lenzos do querido pintor Laxeiro tan apaixonado e inmorredoiro e xenial e, tamén, eses libros procurarían na miscelánea de historias de Lalín as sesudas páxinas das teses de investigación en medicina de Wenceslao Calvo Garra, pero, á vez, tamén os versos de Carlos Negro cos que ata os adolescentes son quen de gozar, mais, a par deles -como distintos e veciños-, os ensaios astronómicos do sabio Ramón Mª Aller, enriquecendo os andeis da biblioteca máis variopinta, os seus cadernos de apuntamentos de observación astronómica a carón dos poemarios asinados por Chus Pato capaces de encabezar a vangarda da poesía occidental, ou canda os artefactos literarios dun tenro e irrepetible Celso Fernández Sanmartín.

Por todo iso non é estraño que os libros procuren a Lalín, ningunha en tan pouco espazo deu saberes tan especiais e diversos. Lalín bulideira dun tema para outro, nunca autocompracente, nunca conformista ou aburrida. Lalín soña, bule de historias e lendas, de inquedanzas, de curiosidades, de arelas. Lalín non ven aos libros, os libros veñen a Lalín.

E os libros veñen a Lalín porque só aquí ás súas palabras lle medran fíos ata algunha cruceta e ecoan en timbres afrautados, só aquí os seus contos chegan a ser narrados por personaxes de gomaespuma, interpretados por bonecos que cobran vida por arte de maxia, por maxia da arte. Os libros apresúranse en vir a Lalín porque só aquí existe o flamante Museo do Títere de Galicia, e porque os seus pequenos habitantes posúen a capacidade de transmitirlles aos nenos tamén o amor pola literatura.

Lalín non procura os libros, os libros procuran a Lalín porque aquí as súas cubertas se cobren de veludo, abríganse con ricos panos e locen rasos nas súas portadas. Porque a arte téxtil do Deza agasalla os tactos dos libros volvéndose sedas nas súas páxinas, liño nas súas capas. Por iso é suave para eles procuraren Lalín.

Os libros escollen Lalín porque aquí as súas páxinas convértense en partituras, terra fecunda en músicos que hoxe agasallan cada ruela, cada baixo onde ensaia unha zanfona, cada local onde ri e contaxia o seu riso o acordeón. As palabras fanse notas onde ata un pasodobre leva o nome de Lalín, onde ata o seu mesmo nome soa a canción. Coros de músicos de rock ou tradicional galega empoderan Lalín en capital musicado e por iso os libros escollen Lalín, porque aquí as súas mensaxes van cantadas no vento, porque aquí saen de festa e ata poden bailar. Aquí os libros aquecen ao vapor dun bo cocido, celebran a vida, empápanse dela, saen ás rúas a festexar. Se non gozaron da Algarabía, fuxiron á Solaina de Piloño para crear, se non bailaron canda as festas das Dores, foron de romeiros á Virxe do Corpiño, pero aquí os libros non queren perdelo. É hora de festa, é hora de Feira, e niso os libros saben a onde viren, e por iso deciden, e escollen... LALÍN!


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.