Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/07/11

Gratas e Boas Novas


Falar de Celso Fernández Sanmartín é falar de sensibilidade, de tenrura, de complicidade, de ledicia, de cariño, de dozura. Non é doado decidir cal é o substantivo que mellor se lle aplica, posto que todos e cada un son necesarios. E se unha persoa é tan especial, a súa obra non o pode ser menos. Agora sorpréndenos con este Gratas e Boas Novas, un libro sen fin ao que chegamos ao seu fin, desgrazadamente, demasiado axiña. Unhas poucas palabras, unhas cantas imaxes, e decidimos que este é un agasallo para os mellores amigos. Porque é así, inclasificable. Porque toda a poesía está contida nunhas poucas páxinas ás que non lles cómpre ningún verso. Só algunhas das súas palabras, o moito do seu respecto, un petisco de inquedanza e unha dose de visión do mundo conforman este bocado, un alimento que nos deixa satisfeito pero que crea adicción, como toda boa obra de arte.
Celso, Celsiño, como aquí o coñecemos, buscou durante moito tempo un material especial para a publicación deste libro, un material no que a palabra escrita, na súa brevidade, estivese chea de significado, de dozura, de poesía. E topouna. A nós sábenos a pouco, porque somos tremendamente larpeiros. Pero el, como gran cociñeiro, sabe administrar a nosa fame poética. Aquí, nas súas palabras, atoparedes "palabras-alfaia, mensaxes-ouro". E buscade un pelo-amuleto!

Atoparédelo na libraría "Alvarellos" de Lalín, na libraría "Couceiro" de Santiago, en "Torga" de Ourense...

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.