Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/10/11

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, tamén en Lalín


Presentou onte en Lalín Carlos Callón o seu libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos publicado pola editorial Xerais. O seu discurso baseouse no proverbio reconvertido para a nosa vila, neste día, "en vez de queixarte pola escuridade, prende unha luz", un lema para o optimismo e o bo facer, posto que de nada serve lamentarnos se nada facemos por cambiar as situacións.
Presentou o acto Luís Couto, quen asegurou que este libro é coma un Vademecum, unha guía para usar como referente nas diferentes situacións que se nos presenten cando non se recoñezan os nosos dereitos lingüísticos.
Falou Carlos Callón de como vivimos como falantes cotiáns, posto que vivir en galego non é doado, xa que a cotío topamos situacións incómodas que poden xerar conflitos se non nos resignamos.
O libro ten unha función práctica: baséase nas queixas que recibe a Mesa pola Normalización Lingüística e as solucións que se poden ofrecer. Estrutúrase en tres eixos:
- Unha guía de conduta, case coma un libro de "autoaxuda", con propostas realizables. Lembrando os tres verbos: "usar", "escoller", "solicitar", xa que o máis revolucionario para a defensa do idioma é USALO.
- Repaso legal breve, divulgativo e claro. Existe unha gran diferenza entre o que recoñece a lei e a práctica diaria, por iso é importante coñecer os nosos dereitos lingüísticos e exercelos.
- Propostas por un consumo responsable: miremos que empresas loitan polo galego, apoiemos a quen nos apoie.
Debido á afluenza de xente, puidemos rematar cun extenso diálogo entre os asistentes e os presentadores do libro, onde falamos das situacións que achamos no noso devir cotián lalinense.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.