Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/11/11

Febre

Gustoume moito, moitísimo, a nova proposta da colección de Fóra de Xogo de Xerais, o libro no que recaeu o Premio Fundación Nova Caixa Galicia-Claudio San Martín da Literatura Xuvenil 2011. Estamos a falar de Febre de Héctor Carré, un libro sobre a igualdade da muller, sobre a posguerra, sobre a Segunda Guerra Mundial, sobre a falta de escrúpulos, sobre o abuso da autoridade, sobre a esperanza, sobre o Amor, sobre a vinganza... Unha novela moi cinematográfica que recomendarei con entusiasmo ao meu alumnado e que ademais vénme arestora de marabilla para a exposición que imos realizar no centro en contra da violencia de xénero. Porque tamén este libro serve para tratar este tema, esa supostamente superioridade masculina que algúns personaxes da novela reclaman constantemente, así como diversas escenas que nos desquician ante a impunidade con que eran cometidos certos delitos.
Pero ademais é este libro unha proposta interesante para calquera tipo de lector, teña a idade que teña. Renxen unhas poucas frases que amosan un certo grao de didactismo ou moralismo, e que sorprenden nun conxunto tan ben construído. Pero son fáciles de esquecer ante unha historia ben afiada que nos atrapa na súa arañeira dende a primeira páxina ata a última. Porque se algo encomiable ten o libro é precisamente iso: o seu xeito narrativo non permite que o lector tome un alento de folgo, posuidor dun temor constante ante o que poida ocorrer, ávido por seguir páxina tras páxina ata o final. Con el sentimos as inxustizas, a inexistencia da ética persoal, o ambiente opresivo da época. E gozamos dunha heroína que anhela unha liberdade case conquistada arestora confundíndoa mesmo coa imaxe de Katherine Hepburn, esa imaxe que a protagonista tomabaa como espello para loitar por ser muller, persoa, humana.
Un libro para celebrar nas aulas a boa escrita da nosa literatura.


3 comentarios:

Xabi dixo...

Bueno: unha novela sen "peros"... Hahaha! Podes respirar tranquila, querida amiga.

Ronsel dixo...

Si que hai un "pero": Renxen unhas poucas frases que amosan un certo grao de didactismo ou moralismo, e que sorprenden nun conxunto tan ben construído. A ver que pasa agora!!!

Xabi dixo...

Tranquila: non vexo talibáns pola costa. Estamos a salvo, por esta.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.