O último libro de Fran Alonso, Ninguén, publicado pola editorial Xerais, é un conxunto de historias sobre as relacións humanas no medio urbano e a incidencia das tecnoloxías na nosa maneira de comunircarnos. Nel, con diversos hoax actuando de pontes, atoparemos xentes que viven obsesionadas cos ruídos da veciñanza, algunha comunidade un tanto especial, o edificio Benestar Social, unha muller que concertou unha cita cun contacto da internet, un escritor que recibe correos que non debería recibir...
Nun primeiro momento pareceume un libro sinxelo, pero a medida que avanzaba na lectura funme decatando de que me enganaran as aparencias. É o autor un home moi do seu tempo, observador, reflexivo e con moito oficio, o que lle permite conducirnos polo camiño da reflexión dun xeito moi sutil, creándonos a necesidade de sermos activos na lectura (e tamén despois dela). Esa mesma sutileza é a que disimula unha estrutura moi meditada que nos irá dando gozosas sorpresas, porque os hoax que se intercalan están coidadosamente escollidos trabando relacións cos relatos, que á súa vez se relacionan entre si nalgún caso a partir dos personaxes (S. Lonely) ou que mesmo retoman personaxes doutros libros como Cemiterio de elefantes. Finalmente, o estilo foxe de ornamentacións e as historias flúen cunha lingua (aparentemente) directa e natural, que denota un proceso de depuración minucioso e que en casos coma o final de “Pola boca morre o peixe” cobra un feliz protagonismo.
Seguramente ao longo da lectura sorriredes en varias ocacións ante a sensación de familiaridade co que se relata, aínda que logo as situacións e os desenlaces poidan chegar a ser sorprendentes, o que conseguirá manter o noso interese ata o final. E se, como era o meu caso, non sabiades o que eran os hoax, acabaredes amplamente informados e probablemente vos dará moito que pensar.
Sen comentarios
Publicar un comentario