Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

14/02/09

Manuale d'amore

Din por aí que hoxe é o Día dos Namorados (o resto do ano non se pode estar namorado). E para festexalo, ou para non ser menos, ímosvos falar dunha noticia que nos chamou a atención hai uns días: En Verona (onde transcorre a traxedia romántica "Romeo e Xulieta") vén de atoparse un códice do século XII con instrucións para escribir cartas de amor, o Modi dictaminum, un códice escrito en latín e sobre pergamiño por un clérigo de nome Guido.
Entre as recomendacións amorosas que alí nos indican, atopamos como debe escribir a muller ao seu home, como deben facelo os amantes, como presentarse ante a amada ou como despedirse (hai tantos saúdos como peixes no mar). Sinálanse diversos xeitos de gabar a beleza feminina e o uso de expresións que indiquen a incapacidade de describir un sentimento apaixoado como "ámote tan profundamente que non podería expresalo con palabras, nin aínda que todos os membros do meu corpo puidesen falar".
Ademais, a distancia que afasta os namorados e a lembranza de tempos felices caracteriza xa o que se ten chamado "mal de amores". Pero non creades, non todo é retórica platónica, xa que o clérigo (si, clérigo, xa sabedes que eran os que detentaban o poder cultural) tamén alude ao amor físico: beixos, apertas, desexo...


Para Francesco Stella, da Universidade de Siena, estamos diante do primeiro manual epistolar cun capítulo reservado ás cartas de amor. O mestre dá consellos de escritura mesmo ás mulleres, o que confirma a existencia dun público feminino laico e alfabetizado no Medioevo.

O autor exemplifica ademais os seus consellos, poñendo exemplos e xurdindo así a que pode ser a primeira carta de amor medieval coñecida:
"O teu afecto, miña amiga docísima, sabe que polo perfume do teu amor non me negaría a escalar montes ou a atravesar a nado mares, e mesmo afrontar perigos de morte".

Vía Papel en blanco


Xa sabedes que como pequeno exercicio literario teredes que escribir nos Comentarios unha pequena mensaxe de amor. A ver se sodes quen de superar a mestría do clérigo.


19 comentarios:

Antonio Martínez dixo...

Polo amor que desprende este blog non me negaría a correr a Maratón de Madrid (se hai que subir montañas ou atravesar mares, pois tamén)

Anónimo dixo...

O amor non e algo material, non e algo invisible, simplemente e unha obsesión que non existe nin vai existir nunca xamais!
Todo o que sentimos por unha persoa non é amor, é un sentimento que non existe.

Anónimo dixo...

Quérote e sabelo, sabes que por ti daría todo! Despois de tanto tempo separados non puiden evitar deixar de pensar en ti neste día. Se o meu corazón puidese falar, explicaríache o mal que o paso sabendo que nunca máis te terei ao meu lado. Ti es de outra, igual que eu son de outro, pero o meu corazón segue sendo teu.
Quérote!

Anónimo dixo...

Estou moi enamorada de ti e estou moi contenta de sentir o que sinto por ti.Gustaríame que algún día me corresponderas sinceramente.Porque eu quérote moitísimo e non me imaxino a miña vida sen saber de ti. Anque non me valores teño a esperanza de que me chegues a amar como te amo eu. Doime moito non terte conmigo nin poder estarmos xuntos, pero sei que o final .....

Anónimo dixo...

se ti foras a lúa e eu o sol, xuntos formariamos a eclipse perfeta.

Anónimo dixo...

Son xa moitos meses sen ti,e máis de 100 km os que nos separan,pero pese a todo iso,non te logrei olvidar e penso que non o farei por moito tempo.Quérote moito

Anónimo dixo...

Comecei unha viaxe máis na ruta da miña vida, un camiño no que ti camiñas comigo, ao meu carón, onde me sinto ben, onde sinto que xa nada máis me importa, onde todo vale...
Non sei se está viaxe terá unha parada inesperada nalgunha estación, pero o que si sei con certeza é que ti poderás baixar, pero o que nunca se irá de onda min vai ser o amor que sinto por ti.

Anónimo dixo...

Nunca me atrevín a decircho, pero creo que hoxe chegou o dia. Hai uns meses que non dou vividido sen a tua presenza, sen sentirte respirar ao meu carón. Necesito saber de ti a cada minuto que pasa e se algun día non te podo ver sinto que morro, sinto unha desesperación interna que me leva a loucora. Non cho dixen antes porque non tiven o valor suficiente, porque tiña medo de ser rexeitada e non te ver endexamais, e prefería verte e sufrir en silencio que non decircho e non te ver mais. Pero hoxe teño valor, hoxe atrévome a berrar ao mundo enteiro que te quero con loucura.

Anónimo dixo...

A miña vida e o cambio diario, os meus soños non son tan tranquilos como parecen, sei que xa me sentín como me sinto agora, pero agora sinto máis, porque vivo por ti.
Agora dígoche abertamente que todo o meu corazón e teu, e que non o lastimes. Ti eres todo o que nunca puden atopar... ti eres todo para min.
E tan fácil dicir ¡Quérote!...

Anónimo dixo...

¡Quérote! E ti sábelo, nunca cho ocultei pero ti queres a outra e por iso o noso vai ser sempre imposble.
Eu busco o teu amor non correspondido noutras persoas, pero ese oco que deixaches dentro do meu corazón non hai ningunha persoa neste mundo capaz de ocupalo.
Esperarei sempre polo teu amor...

Anónimo dixo...

Sei moi ben que todo o que me chegaches a dicir naquel día de outono eran só palabras. Para ti carentes de valor, e para min repletas de significado.
Non podo chegar a comprender o porqué do teu olvido nin tampouco porque todo o que sentías por min, se algún día pasou, se esvaeceu como o crepúsculo ao aterdecer.
¿Por qué todo ten que ser tan complicado entre nos os dous?
¿Por que sempre hai infinitas barreiras que nos separan?
Gustaríame entrar na túa mente só por un instante para poder contextar todas as dúbidas que me asaltan día a día.

Anónimo dixo...

Fai anos que nos coñecemos.
Fai anos que os nosos sentimentos cambiaron.
Cando tivemos a oportunidade de estar xuntos o reloxo marcou a hora difinitiva e dende entón sabes que estou aquí para o que precises e que os nosos sentimentos sempre estarán presentes como o primeiro día.

Anónimo dixo...

Síntome rara e estraña escribindo sentimentos que son meus e tan íntimos, xa que aínda que moitos sintan amor, todas as formas de sentilo son diferentes.

Sabes que en ocasións o amor doe, que os malos momentos xorden cando menos o esperas; pero o acelerón do latido do meu corazón ao pensar en ti, en todo o que vivimos xuntos e nos bos momentos, fai que esta luz que parece que temos gardada no interior non se apague, por iso, mentres a túa siga acesa, eu estarei aqui para continuar este camiño que emprendemos xuntos.

Anónimo dixo...

A sinxeleza é a clave do éxito, a elegancia reside na sinxeleza.
E se de expresar o que sinto se trata, escollo un Quérote claro e sinxelo.

Asdo: Oshidori

Anónimo dixo...

Cando estou contigo o resto do mundo detense e nada importa.Só existimos ti e máis eu. Paso os mellores momentos ao teu carón, e sen ti nada ten sentido.
Cada instante contigo, faiseme curto. Cando chega a hora de despedirnos desexo que o tempo se deteña.
Daría o que foso por estar un segundo máis contigo.

**Thalía**

Anónimo dixo...

Decídome a facelo,a decirche o que tanto tempo levo gardando no meu corazón.Dende aquela tarde que te coñecín, sabes que sinto por ti todo o que nunca antes sentira por ninguén. Hoxe 14 de febreiro escríboche esta nota, para que se ti sentes por min o mesmo emprendamos o noso camiño xuntos.

Anónimo dixo...

Sei que cho tiña que haber dito antes, pero a miña vergoña non sabía, sei que nun día como o é este podo dar un paso máis e poder dicirche o que tanto tempo levo esperando e que ti que estás ao meu lado e que me comprendes como ninguén, xa o sabes pero eu sei que cho podo dicir para poder comfirmarcho. Eu digo: QUÉROTE.

Anónimo dixo...

Hoxe como todos sabemos é un día especial para todos, en especial para esas parellas novas que gozan da súa xuventude xa no gozo do amor. E este como non outro día calquera senon como un día moi especial hai que facer que hoxe sexa único e inolvidable xa sabedes para poder recordar este día como o máis importante para un e para a túa compañeira.

Adrián

Anónimo dixo...

Gústame estar contigo porque é como un conto aínda sen terminar, do que cada día escribimos unha páxina.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.