Unha vez que comecei con Alan Parks, tiven que seguir. O bo de collelos a destempo é que están os dous publicados e podo lelos así, sabendo que se se metese moito tempo polo medio non lembraría a metade dos personaxes. Ás veces, dá gusto chegar tarde a algunhas publicacións!!!
Así que foi o turno de Hijos de febrero, publicado asemade por Tusquets, de Alan Parks.
E se no primeiro coñeciamos un protagonista incrible, agora profundamos na súa personalidade. Así, coñecemos mellor o seu pasado e os motivos polo que é amigo dun mafioso sen escrúpulos a quen axuda constantemente, a quen lle debe lealdade. Volvemos a estar ante unha novela atípica, xa que a estrutura que mantén neste libro é a mesma que na anterior: o comezo é explosivo xa que nos presenta un crime espectacular e logo unha procura desenfreada dun culpable que sabemos quen é. Pero isto non fai que perdamos interese na historia, xa que está moi ben enfiada e destaca a construción dos personaxes e varias tramas que se van engadindo pouco a pouco, pesando nos diálogos. Logo, destaca tamén a reconstrución dunha Escocia situada en 1973, coa música e a vestimente propia do momento.
Agardamos que siga publicando.