Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/10/07

N1 lgr dla Mncha...

Libros en versión sms...: é a moda entre a xente nova nipona.

A xuventuda xaponesa é cada día máis partidaria de "baixarse" ao móbil e ler na súa pantalliña as novelas dos seus coetáneos. As chamadas keitai shosetsu teñen tanto éxito que algunhas alcanzan tiradas superiores aos 400.000 exemplares cando se publican en papel (isto é signo de que o soporte "libro" non caducou aínda, digo eu). Trátase, en xeral, de historias cotiáns escritas con frases moi curtas nas que destaca unha linguaxe elemental e diálogos contundentes, influídos polos dos "manga". Contan historias de alto contido romántico aliñadas con prebe de melodrama. E todo isto con personaxes moi planos e situacións bosquexadas sumariamente.
Segundo parece, os lectores deste tipo de novelas sms son mozas de quince a vinte anos, traballadoras, solteiras, soñadoras e máis ben fashion victims. Elas son o obxectivo das novas empresas editoras que ofrecen webs dende as que poden "baixarse" previo pago os dramas que len nas pantallas dos móbiles.
Por exemplo, unha das máis éxito, Love sky, (que vendeu máis dun millón de exemplares cando foi publicada como libro) conta a historia dun rapaz enfermo de cancro que rompe coa moza para que esta non sufra por el (!!!)


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.