Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/12/07

En París

Xa que a excursión de 4º de ESO, como é costume no centro, vai a París, vouvos ir deixando algunhas das xoias que alí atoparedes.

A Gioconda, coñecida tamén como a Mona Lisa, é o cadro máis famoso que existe. De aí que aínda que nunca fose taxado, probablemente alcanzaría a cifra máis alta da historia da arte. Por iso non é estraño que fose roubado do Louvre por Vincenzo Perrugia, pintor italiano, en 1911, aínda que apareceu dous anos máis tarde en Italia. O cadro non só foi roubado, senón que tamén foi asperxido con ácido e golpeado cunha pedra guindada por un home no propio Louvre.
É a última gran obra de Leonardo, e de feito estivo retocándoa até os seus últimos días, levándolle catro anos completar o proxecto.
Este óleo é con diferenza a pintura máis visitada do museo. No ano 2005 foi instalada tras unha vitrina antibalas nunha sala especial onde está protexida da calor, a humidade e o vandalismo. O traslado e acondicionamento custou 6 millóns de dólares que correron a cargo da mesma cadea televisiva nipona que patrocinou a restauración da Capela Sixtina.
Parece ser que a protagonista do cadro é Lisa Gherardini, dama florentina casada con Francesco do Giocondo, banqueiro napolitano. Porén, existen outras posibilidades sobre quen é a protagonista do cadro. Hai quen di que é a española Constanza de Ávalos, e arriscándose aínda máis, hai quen afirma que o retratado é Francesco do Giocondo ou mesmo o propio Leonardo.


Sobre un fondo de paisaxe vaporosa, cun río sinuoso, resalta a figura desta muller, cuxo enigmático sorriso constitúe o máis atractivo do cadro. Unha peculiaridade da dama que aparece no cadro é que non ten cellas nin pestanas. Aínda que hoxe en día nos estrañe, era un costume común entre as damas florentinas da época depilarse toda a peluxe da face.

Que emocións sente a Gioconda?:
Segundo a publicación británica New Scientist e en base aos estudos da Universidade de Amsterdam, o sorriso de Mona Lisa está composto das seguintes emocións:

- 83% de felicidade
- 9% de disgusto
- 6% de medo
- 2% de carraxe

O estudo está baseado na análise da expresión por un programa informático, deseñado pola Universidade de Illinois, que avalía emocións interpretando os xestos da cara.

Espero que cando a vexades vos guste aínda máis. Se vos dades achegado a ela, porque con tanta xente...


1 comentario:

Anónimo dixo...

que ganas de ir aló!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.