Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/12/07

Ler é prexudicial para a súa saúde


Hai xa algúns días que vin este "decálogo" en Repaso de lengua e tiña moitas ganas de achegárvolo. Porque é necesario previr dos riscos laborais.

1.- Quen le moito remata cego. Primeiro son esas lentes de intelectual, logos as de cu de vaso, e ramatas como Galdós ou Borges, contratando a unha moza que che lea aos pés da cama.

2.- Quen le moito remata transtornado. Como don Quixote ou Cela. Hai parvos por aí que quedaron así de tanto estudar: tomaban psicotrópicos para mantérense espertos mentres lían e lían.

3.- Ler esgota a túa economía. Os libros son caros e non se poden baixar co emule. Os que están na internet son clásicos e polo tanto moi longos, polo que se os les no computador aínda é peor para os teus ollos.

4.- Ler complica a vida doméstica. Acumular libros convértese nunha obsesión que require espazo, metros de andeis, caixas no trasteiro, mesiñas de noite poeirentas... coa ameaza de cónxuxes e fillos (elixe, os libros ou nosoutros). Ou coa pregunta estúpida das visitas non lectoras (E liches todos estes libros?)

5.- Ler complica a vida amorosa. Aínda estás lendo? Pois eu durmo...

6.- A lectura soe ser fonte de toda infelicidade. Quen non le non ten máis punto de vista que o que lle ofrece a súa cadea de televisión habitual, ou o seu perruqueiro, ou o seu compañeiro de tapeo. Non necesita contrastar visións diferentes dun feito, nin pórse no lugar de outro. Asume que a realidade é plana. E é feliz.

7.- Os libros xeran frustración. A lectura amósache vidas que nunca chegarás a vivir e lugares que nunca coñecerás. Permíteche imaxinar personaxes e lugares das historias do modo que ti queiras. Logo veñen os de Hollywood e plántanche ao ghuapo de turno nunhas paisaxes de Nueva Zelanda impresionantes, e xa está, todo o teu gozo nun pozo, porque ti maxináralas aínda mellores.

8.- A lectura é algo lento e repetitivo. Que cambiou na lectura nos séculos? Lese a través, saltamos parágrafos...? Nada. Sempre igual, unha liña destrás doutra. E aínda por riba temos que esperar ata o final para saber que pasará: amaranse? mataranse? liberaranse?

9.- Ler non serve para obter admiración. Por se alguén non o sabe, ser bo lector non cotiza na bolsa da vida social. Sabedes dalgún bo lector que saia na tele?

10.- A lectura non está ao alcance de todos. Digan o que digan, o pracer de ler está reservado a uns poucos. Son eses poucos os que gozan case pecaminosamente cando descifran un clásico, cando senten as paixóns que se maxinaron hai séculos para que lles cheguen a eles case en exclusiva, cando quedan varios días en estado de shock despois de ler boas novelas, cando se estremecen lendo un poema, cando choran ou rin entre liñas, cando recomendan furtivas lecturas, cando non poden saír da casa sen un libro no peto, cando miden as súas vidas polos libros que leron en cada época... Son unha elite, perigosa e exquisita, que procura captar membros para a súa seita, pero que tamén sabe que moi poucos serán os elixidos. E ti?


Eu xa estou enferma, o doutor díxome que non teño cura. Quizais vós esteades a tempo de salvarvos. Nas vosas mans está.


1 comentario:

Anónimo dixo...

a ver se sanas!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.