Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/05/08

De profesión, preguntón

Onte asistín á presentación do último libro de Eduardo Galeano. Onte vibrei e emocioneime con Eduardo Galeano. Onte quixen parar o tempo para seguir a escoitar a Eduardo Galeano.
Manolo Rivas presentou a Eduardo Galeano. Lonxe da última vez que o vin, nun congreso bibliotecario, no que resultou tedioso e aburrido, onte achegouse coa súa verba, cun texto fermoso sobre unha historia case universal, a prolongación da obra de Galeano nun libro máis. O xeito da ollada que conta é o xeito da ollada do sentinela da fraga, da natureza, daquel que non ten cegueira; non é unha historia contada polos poderosos, que é o que normalmente acontece; non, é a historia dos esfolados, a historia da metade da humanidade, a historia da terra no sentido literal, a historia da guerra do espolio contra a natureza. A historia non é un xacemento de pretéritos, responde a unha demanda: ser un presente recordado, e responde tamén á necesidade de remexer na historia para atopar faíscas da esperanza. A musa da obra de Galeano é a conciencia. É a boca da literatura a transmitir información básica para a humanidade.
Logo comezou Galeano. Presentouse ante Galicia, onde chove da terra ao ceo; a choiva ocúpase de mollar o ceo en Galicia.
Galeano tenta ver o universo polo ollo da pechadura. No libro (Espejos) conta historias pequenas que conteñen a respiración da grandeza do universo. Ocúpase dos invisibles, dos que non saen na foto, porque o poder mutila todo o que toca. No libro tamén hai moitas historias de mulleres, porque elas son a metade negade da humanidade, mulleres descoñecidas, ignoradas; mulleres como Concepción Arenal, como a emperatriz Teodora, como Olimpia de Gauges a quen detiveron por pedir Dereitos para a Muller, os mesmos Dereitos que os homes lideraban na Revolución Francesa. Toda a humanidade somos máis ou menos o mesmo lixo ou a mesma marabilla; pero as mulleres non puideron demostralo.
Galeano pregúntase se a vida comezou en África, iso quere dicir que Adán e Eva eran negros? Todos vimos de alí, é a nosa orixe. Pero o racismo produce amnesia. África é a gran castigada nos últimos cinco séculos. Durante tres séculos, escravitude. Dous séculos máis, dá riqueza da terra a cambio de promesas do ceo.
Tamén falou da lingua guaraní, da súa supervivencia. O que demostra a certeza de que a palabra é sagrada. A palabra é a alma. Quen lixa a palabra traizoa a alma.
Entre outras moitas cousas quédome con esta frase: "A Cristo nunca se lle pasou pola cabeza que fose fundar unha empresa".
O mundo segue tendo cidadáns de 1ª, 2ª, 3ª e 4ª categoría, ao igual que os mortos. Pero coa esperanza de que o mundo contén outros mundos, e de que outro mundo é posíbel, estamos aquí.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.